O programa de Residencias Paraíso 2022 da o pistoletazo de saída coa residencia combinada do Centro Coreográfico Galego e o Teatro Rosalía Castro da Coruña que acollerán o proceso de creación da portuguesa María R. Soares titulado Void Void Void.
A artista estará acompañada polo músico Antonio Marotta nun proxecto onde “traballarán nunha performance coreográfica e sonora nunha tentativa de crear unha paisaxe cósmica onde son, espazo e xesto se dilúen nunha soa materia”, din os organizadores.
Mostra no Festival Primavera TRC Danza
Poderemos ver unha mostra aberta do seu traballo no Festival Primavera TRC Danza no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 12 de maio ás 20.30 horas.
Nesta ocasión, as portas do teatro ábriránse nunha mostra aberta para ver o proxecto en proceso de creación. Preséntase en formato performance, “onde se pensa, se observa e se actúa no espazo, considerando sempre a súa dimensión sonora e física, as súas variacións e extensións, a velocidade na que se transforma e evoluciona, mais, tamén, aquilo que podería ser e non é: o espazo imaxinario”.
Unha oportunidade para achegar ao público a unha investigación en proceso e coñecer máis a fondo o traballo artístico de María R. Soares, bailarina e performer, e do músico Antonio Marotta. Xuntos, baléiranse para ocupar o espazo, construíndo un espectáculo a través da amplificación e do rexistro, en tempo real, dos sons que habitan o espazo performativo (xa existentes ou provocados) e facendo a coreografía do xesto evolucionar en torno a esa paisaxe sónica.