O teatro como horizonte
A ladeira de ringleiras de cadeiras horizontais no escuro do Teatro Ensalle de Vigo foi o escenario natural ao que Julio Fer dirixiu a súa ollada, a súa voz, a súa poesía… deixando un eco que retornou trala representación, xa estando a carón del, agradecéndolle o público a súa verdade persoal escénica que compartiu connosco.
Fiel á súa poética e a súa necesidade de compartila co mundo, Julio volveu a comunicarnos as súas inquedanzas sociais e ecoloxistas; a mostrarnos a través das imaxes, dos obxectos, das metáforas… aquilo que parece que queda oculto aos nosos quefaceres diarios, e así anímanos a erguer a ollada e mirar a horizontes afastados e próximos ao mesmo tempo, para tomar consciencia do que está a ocorrer ao noso redor, nunha carreira contra o tempo e contra a terra.
Julio preséntase nun escenario baleiro, escuro, coa única compaña dunha luz que o mostra co seu pantalón curto e os seus tirantes, nunha reminiscencia quizais daquel Julio que de neno pasaba tanto tempo ao ar libre baixo as montañas de Zamora, correndo e xogando como se non houbese mañá. Mais o mañá chegou e aquel neno viu que o mundo no que crecera estaba en perigo e que a súa misión era poñerse a capa de voar e dende o alto da escena mostrar as súas dramaturxias contestatarias contra os viláns.
Acompañado de cadros pictóricos feitos por el mesmo, Julio vai poboando o chan do escenario cos mesmos, á vez que nos narra, en cada cadro escénico, os textos poéticos que acompañan as súas pinturas ou videocreacións, para mostrarnos a cara oculta das enerxías pintadas de verde na nosa sociedade.
A peza arranca cunha reflexión poética acerca das migracións humanas e as barreiras que se atopan nas fronteiras dos chamados países desenvolvidos. Aqueles que son quen de erguer altos edificios, altos valados, altos muíños de vento… que sobresaen sobre o horizonte, ocultando a beleza que se atopa aos seus pés. Migrantes que fan miles de quilómetros fuxindo de guerras, fames producidas polo cambio climático,… e que na última etapa teñen que conseguir unha bicicleta para non parecer o que son, emigrantes, e pasar baixo a pa da fronteira parecendo un habitante máis dos de alí, dos que teñen bicicleta.
A bicicleta que era símbolo de liberdade acaba converténdose en símbolo de autorrepresión ao transformarase en bicicleta estática coa que poder vivir nun búnker pedaleando diante dun proxector con imaxes de paisaxes idílicas, como as de antes, cando viviamos fóra, na natureza. A peza leva a unha reflexión sobre os estilos de vida actuais, correndo dun lado para outro e buscando experiencias que substitúan as xenuínas, atrapados entre paredes, ao igual que Julio nos momentos de desafogo afogando ao cantar e bailar Tierra de Nadie, de Barón Rojo. Un desafogo que se agradece moito, pois identificados con el, desafogámonos todas, aínda que sexa por un momento, das opresións da vida cotiá actual.
A peza é un canto persoal do que resoa no interior de Julio, un canto fondo e pacífico que nos fai ver que un muíño de vento construído para salvar o planeta poida que o estea a destruír ao construírse de madeiras lixeiras que proveñen da deforesta do Amazonas e fibra de vidro non reciclable, que hai que tirar ao lixo (enterrar baixo terra) cada 20 anos. Por non falar da destrución da paisaxe e dos habitantes desa terra (niveis de ruído insoportables, chiscos de luz que poden producir epilepsia…) e dese ar. Ver morrer en escena (en vídeo) a unha aguia que suca dende a liberdade o ceo en busca dalgún roedor… e cuxo destino se atopa coa trituradora do muíño é a imaxe máis reveladora da nosa falta de empatía e consciencia co mundo no que vivimos. Noutro momento da obra Julio cóntanos a súa toma de consciencia cando unha vez lle regalou á súa filla unha cobaia e esta morreu á semana por estar baixo as mans agarimosas dos humanos. Canto máis a manipulaban, máis corría na roda, ata que morreu de extenuación.
A obra lévanos por un camiño que se vai construíndo e enchendo da esperanza que xorde da comprensión de abrir os ollos e ver o horizonte que nela se mostra. Un escenario cheo de pinturas de azul ceo e nubes brancas artesanais, que non precisan de elaboradas gafas coas que alumear unha realidade virtual cada vez máis irreal.
Pero a realidade da peza, a verdade da peza, sobre todo, é ver a un Julio feliz, gozando do que fai, actuando e facendo sorrir o seu neno interior (e o noso), que xoga coa pelota do mundo no que lle tocou vivir, coidar e respectar, como el sente que ten que facelo: sobre as táboas horizontais dos escenarios, para que o eco da súa voz chegue moi lonxe, ata o cumio das montañas de cadeiras.
A dramaturxia escrita da obra, todos os monólogos que Julio di en escena, maquetada por el mesmo de xeito artesanal, está dispoñible para mercar ao saír da función. Quizais para que o que alí se dixo no ar, non caia no esquecemento, e a poidamos recordar e volver contar.