A compañía Berrobambán arranca hoxe no Concello de Mañón a segunda temporada de Facer Memoria, un proxecto escénico e vivencial no que se dilúen os límites entre escenario e patio de butacas, de xeito que se brinda voz ao público para contar no teatro as súas lembranzas. A iniciativa, que conduce a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira, desenvolverase nos vindeiros meses en diferentes parroquias dos municipios de Mañón, Teo, Carballo e Outes.
Facer memoria, proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de axudas a Proxectos Singulares de Especial Interese Cultural na Provincia da Coruña, parte así da tradición oral, da creación comunitaria e da descuberta colectiva para desenvolver un proceso teatral que desemboca nun encontro-espectáculo no auditorio municipal de cada concello no que a veciñanza participante intervirá sobre as táboas.
Os obxectivos principais de Facer Memoria pasan por coñecer a historia dos lugares que habitados e a súa contorna directa, recuperar a memoria oral, conservar a lingua e darlle valor á memoria individual como paso previo para reconstruír a memoria colectiva. Para acadar estas metas, establécense sinerxías e técense redes de colaboración con asociacións e entidades locais dos diferentes municipios polos que xirará este proxecto de Berrobambán.
Calendario
A primeira parada desta nova etapa de Facer Memoria desenvolverase nas parroquias de Grañas do Sor e Bares de Mañón dende hoxe, luns 19 de setembro, ata o domingo 25. Xa en outubro, no marco da programación do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT Carballo), Facer memoria pivotará entre as parroquias carballesas de Oza e Verdillo ao longo da semana que vai dende o luns 3 ao domingo 9. En novembro, Berrobambán visitará os lugares de Cando e San Lourenzo, no concello de Outes, na semana do 7 ao 13. E por último, Facer Memoria despedirá a súa segunda edición coa súa incursión en Teo (en concreto nas parroquias de Oza e mais dos Tilos) entre o 21 e o 27 de novembro.
Escena e ‘podcast’
Facer memoria desenvolve ao longo dunha semana un completo programa de accións e actividades que inclúe entrevistas individuais con veciños e veciñas que queiran compartir as súas experiencias vitais, xuntanzas abertas nos centros sociais de cada parroquia, reunións con escolares que teñan traballado na aula a recuperación da memoria local dende calquera perspectiva e, finalmente, un encontro-espectáculo no que participen as persoas entrevistadas.
Como novidade nesta segunda edición, Facer Memoria tamén espalla o seu campo de acción ao son e a imaxe, xa que todas as entrevistas serán gravadas. Con este material, desenvolverase unha peza sonora, en formato de podcast, na que se recollen algunhas das historias contadas pola veciñanza para ampliar a súa difusión. Ademais, artellarase unha peza audiovisual a xeito de resumo da actividade de Facer Memoria en cada un dos concellos.
Este proxecto de Berrobambán arrincou no ano 2021, cunha primeira xira desenvolvida ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 21 da Xunta de Galicia. A compañía traballou daquela neste formato colaborativo ao redor da recuperación da memoria e a tradición oral nos concellos de Viveiro, Fene, O Barco de Valdeorras e A Estrada.