in

A arte do extraescolar

Imaxe creada con Intelixencia Artificial.

Fun espectadora dun magnífico documental realizado por Sabela Souto, artista audiovisual galega, sobre os musicais que leva realizados ao longo dos anos o IES Xesús Taboada Chivite de Verín.

O Chivite, permítanme a licenza de chamalo familiarmente pois servidora cursou dous anos da súa vida nel, organiza cada curso un musical (si, musical con todas as letras) baixo a man de David Rodríguez Rivada, profesor de música e de Isabel Cota, de inglés, e coa colaboración de todo o centro. Así dende o 2013, comezaron con Los Miserables, ao que seguiron títulos coma Mamma Mia (en galego) ou Hoy no me puedo levantar, entre outros moitos. Agora andan traballando no seu séptimo proxecto, La La Land e tamén en galego. No documental, de nome Chivititeiros, faise unha conversa sobre os musicais e sobre as emocións e visións das persoas participantes, facendo unha importante valoración de todo o traballo que hai detrás. Centos de persoas levan participado nestes proxectos, man a man co seu profesorado amosan ao mundo os seus talentos e que traballando en equipo pódense crear marabillas. Pódese crear unha familia.

E é por iso que cando me din se considero o teatro, a música e as actividades extraescolares importantes na educación, sempre digo que non só son importantes, senón que son necesarias. Todas as persoas que se adican ao mundo da interpretación, do audiovisual, da música, da danza ou mesmo quen está detrás de todo iso, en vestuario, luz, son, etc., tivo un inicio. Dita orixe a maioria das veces está na súa infancia e adolescencia, nas aulas. Hai quen di que as actividades extraescolares, coma o teatro ou a danza, lles quitan tempo ao alumnado. Pero iso non é verdade, ou polo menos non en parte. Tempo de estudo só lle quitan se hai mala organización por parte do propio alumnado, e non se pode xeralizar. De feito, eu afirmo todo o contrario, non só non lle quita tempo, senón que llo regala. Si, regálalle tempo.

A base da educación está en formar non só bos e boas estudantes, tamén boas persoas e potenciar o que a cadaquén se lle dá ben, o que cadaquén pode ofrecer á sociedade. O alumnado que participa en teatro, en grupos de música, de fotografía etc, non perde o tempo, en realidade todo iso regálalle tempo. E quen lle regala tempo é a propia vida, esa que normalmente o quita. Estes estudantes descubren talentos e descubrir un talento propio motiva moito á hora de desenvolver calquera das outras tarefas escolares. Unha persoa motivada e ilusionada cun proxecto sente que pode ofrecer algo ao mundo e ese algo contáxiase ao resto de deberes. Ademais, tamén fai adquirir valores e responsabilidades, fomentando o traballo en equipo. Todo isto axuda na correcta educación dunha persoa e pode ser tan importante coma as propias asignaturas.


Publicidade

As extraescolares contribúen á formación de mellores persoas. Se unha persoa sabe organizarse, e falo por boca da experiencia, unha actividade que realice fóra das aulas non lle vai sei un impedimento para nada, de feito é unha ganancia vital porque descubre algo que se lle dá ben, pode potencialo e, ao mellor adicarse nun futuro. En definitiva, descubre algo que lle fai ser feliz e sendo feliz todo vai mellor sempre, inclusive os estudos. A educación debe formar mellores persoas. E estes proxectos son ideais para crear unha sociedade máis colaborativa, máis responsable e con sensibilidade para a cultura e as artes, que boa falta fai no mundo.

Se teñen a oportunidade de volver ver o documental da Sabela ou algún musical do IES Xesús Taboada Chivite, non o perdan. Fáganme caso, fan soñar a quen senta en platea.

Laura Pousada

Laura Pousada

Tradutora, intérprete e profesora. Estudei linguas estranxeiras para comunicarme e ensinar a comunicarse e por esa razón o teatro e a escritura sempre foron dúas constantes na miña vida. A transmisión dende a verdade, dende a catarse e a esencia de ser. Dende o papel e o escenario, que están moi unidos ás aulas. Porque actuar e escribir non son só unha sucesión de palabras bonitas, deben ser dende a emoción. Coma a vida.
Traduzo, interpreto, ensino, actúo e escribo para dar voz ao silencio. Entre outras moitas cousas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Evaristo Calvo, Xograr de Outono no FIOT 2022. Foto: Vanessa Rábade17

GALERÍA | Entrega do Xograr de Outono a Evaristo Calvo no FIOT 2022

Alma de tigre

O FITO de Ourense arranca a súa 15ª edición