in

Non me contes a túa vida… ou si…

Imaxe creada con Intelixencia Artificial

Apuntamentos sobre a autoficción teatral

O termo “autofición” acuñouse aló por finais da década dos 70, a través deste neoloxismo que xurdiu a raíz da novela “Fils” do crítico literario e novelista francés Serge Doubrovsky, pero que anteriormente xa fora amplamente utilizado en obras de escritores como Unamuno ou Azorín.

Aínda que a narrativa é o berce da autofición como deconstrución da autobiografía, coa intención de desacreditala e suplantala, no teatro a autofición aparece non tan só como fonte de inspiración, senón como núcleo expansivo do que beber á hora de crear historias, personaxes ou situacións posdramáticas.

Jacques Lecarne definiu a autofición en 1994 como “relato no que autor, narrador e protagonista comparten a mesma identidade nominal“. No teatro a definición podería ir moito máis alá xa que a autoría, a narrativa e a interpretación poden desdobrarse, creando infinidade de mundos paralelos casuísticos nos que a deriva performativa sempre está, ademais, presente.

Non sei se é unha percepción persoal, – e non por iso non documentada – , pero nos últimos anos prolifera a oferta de espectáculos nos que a esencia da súa existencia vén determinada pola autofición ou autobiografía. Como sinala o profesor e dramatólogo José Luis García Barrientos, “o prototipo de teatro autobiográfico ou autoficticio é o dun espectáculo unipersoal, un monólogo teatral, cuxo único executante é tamén o autor tanto do texto (de habelo), como da posta en escena e un ou unha intérprete que se representa a si mesma, é dicir, que fala e actúa no seu propio nome”.

O caso é que certamente as propostas autobiográficas ou baseadas en experiencias vitais propias inundan os escenarios dos tempos que vivimos con esa denominada “autofición” ou “auto-teatro”. Ben é certo que toda obra artística, sexa escénica, plástica, narrativa…, parte inescusablemente das propias experiencias vividas pola persoa autora, aínda que non sexa para contar a súa propia historia, senón porque cando contamos historias, a través da canle que sexa, as vivencias propias que conforman a nosa forma de mirar a vida teñen, si ou si, que plasmarse no que reflectimos sobre as propias creacións artísticas. O mesmo Shakespeare escribía historias sobre o seu mundo, o mundo no que se movía, no que vivía, aínda que as súas personaxes non fosen autobiográficas. Pero isto, xa é outro tema que forma parte das canles de inspiración artística.

Tamén é certo que a situación que estamos a vivir, nun sector historicamente maltratado, despois dunha pandemia terrible para as artes escénicas, a existencia de máis escolas de formación regradas e máis accesibles e próximas que noutras etapas anteriores, e cunha oferta que supera exponencialmente a escasa demanda, contribuíu ao deterioro do sector, no que a precariedade está á orde do día. Moitas veces a creación dun espectáculo unipersoal no que, autoría, dirección, interpretación, distribución, etc., recaen sobre a mesma persoa, xorde máis como necesidade e oportunidade que como apetito creativo e artístico.

No mesmo artigo que tomo como referencia para escribir esta opinión facíase esta pregunta: “E que interese pode ter para o público asistir ao teatro para que a persoa que interpreta – e máis se non se trata dunha celebridade, senón dunha persoa relativamente descoñecida – lle amose parte da súa propia vida?”. Pois depende…

A creación contemporánea galega está repleta deste tipo de autoficións ou auto-teatros. Nos últimos tempos véñenseme á mente espectáculos, tanto unipersoais, —como Salvador de Borja FernándezAnatomía dunha serea de Iria Pinheiro, Goldi Libre! de César Goldi, Guerra de Identidade de Deborah Vukusic ou mesmo de danza como Bailar agora de Marta Alonso—,  como colectivos, —como Pyka de Cinema Sticado, Pura de Os Naúfragos ou O péndulo de Inversa Teatro—, entre outros.

Cando vexo un espectáculo de autofición sempre saio facéndome a mesma pregunta. Canto de  interese ten para o público espectador, en detrimento do incuestionable interese persoal que ten para o autor ou autora que creu que a súa historia era digna de ser contada ao mundo.


Publicidade

As historias son coma as crianzas, para cada quen a súa filla é a máis guapa, o seu can o máis intelixente e simpático, o seu loro o que máis e mellor fala… No teatro de autofición a túa historia sempre é a máis interesante, a que máis paga a pena contar e que o planeta debe coñecer.

Nesta leira, a cuestión non vén determinada só pola propia historia, senón tamén pola forma de contala. A posta en escena, a interpretación, a dirección, a escenografía…, fan que unha historia sen aparente interese poida resultar eficientemente atractiva, ou que pola contra unha historia co suficiente peso argumental quede nunha mera anécdota teatral.

Sen entrar en consideracións subxectivas, a cuestión é que hai historias que por si mesmas resultan ben interesantes, independentemente destes outros factores que describín anteriormente. A clave para min sempre é o pouso que deixan na miña vida. Teño que recoñecer que vexo moitos espectáculos que me deixan satisfeita visual e argumentativamente, que me fan pasar un bo rato no teatro, sexan ou non de tipo cómico ou dramático, pero que ao saír esquezo ou borro como parte das miñas experiencias teatrais. Pola contra, existen pezas que no momento parece que non me interesan en absoluto, e que cando pasan as horas, ou mesmo os días, forman parte dos meus café-debates, ou que arrincan horas de reflexións en solitario para min mesma. Esta penso que é a clave fundamental de calquera proposta artística á que me achego.

Un dos espectáculos dos que falaba anteriormente, O péndulo de Inversa Teatro, fala da historia do avó da dramaturga, actriz e directora cañicense Marta Pérez, sobre a memoria histórica e o seu terrible final fusilado diante da cruz do Castro de Vigo. Trátase dunha peza de teatro-documental (deste subxénero falarei noutra ocasión), na que a propia Marta fai un percorrido polo seu traballo de pesquisas que derivarían no maior coñecemento da historia da súa propia familia.

Este é un exemplo de espectáculo que, nesa ocasión, fíxome pensar e pensar durante horas e horas sobre o que acababa de ver. Tras o peche do pano, recordei cómo dende pequena escoitara que o meu avó materno pasara unha breve estancia na Illa de San Simón —convertido en campo de concentración pola artillería franquista—, por un erro burocrático. Ao saír do espectáculo comecei a facer a miña propia investigación e, pouco a pouco, fun colleitando datos que nunca imaxinara. A breve estancia case que vacacional, segundo me contaran vagamente, foi realmente unha etapa de 8 anos, dende o ano 1936, no que foi condenado a cadea perpetua, ata a súa amnistía no 44, no que o meu avó, alcumado documentalmente como “o anarquista Aboi”, desfilou, ademais de por San Simón, polo forte de San Cristobal en Navarra, e pola Prisión Central de Astorga, protagonizando ademais a considerada como maior evasión carceraria de Europa, no ano 38.

Autoficción teatral
Ficha do preso Antonio Aboy Torres no cárcere de Pamplona, ano 1942.

Unha historia ben interesante e digna de contar… ou non? Para min si, porque é miña, porque me causa emocións e porque forma parte da miña memoria familiar e da propia memoria histórica deste país no que vivimos, pero non sei ata que punto será de interese para o resto do mundo.

E así remata a miña primeira columna de opinión para a erregueté, convertida nunha columna de autofición.

Marta Núñez

Marta Núñez

Marta Núñez (Vigo, 1976), licenciouse en Socioloxía pola UDC e, posteriormente, estudou Ciencias Políticas na UNED. Funcionaria de carreira do Concello de Vigo, traballa desde hai máis de dúas décadas na Concellería de Cultura como técnica de actividades culturais e educativas.
Xestionou programas como o "Vigo a Escena", o "Festival de Música Are More", ou o "Festival de Jazz Imaxinasons", e desde 2008 é a responsable da programación municipal de artes escénicas "Vigocultura", conseguindo incrementar en máis dun 80% a participación e asistencia de público.
Desde o ano 2021 forma parte da asociación Academia Galega do Teatro e na mesma data foi Premio de Honra do Festival de Teatro Galego FETEGA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DALL·E 2022 10 15 10.52.20 skin pierced by a rusty iron nail digital art Frida Kalho e1665825498238 |

A sensibilidade de ser

Antoloxía teatro galego cena lusofona

Cena Lusofona presenta en Galicia a Antoloxía do Teatro Galego Contemporáneo