in , ,

‘O Péndulo’, de Inversa Teatro, gaña o Premio Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo no FETEGA

A peza foi coproducida polo CDG, a MIT de Ribadavia e a Area da Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra

P1010258 scaled |
'O Péndulo', de Inversa Teatro. Imaxe de Jesús Andrés Tejada.

O Festival do Teatro Galego vén de facer público o Premio ao mellor espectáculo Dorotea Bárcena 2022, outorgado polo público que asistiu a semana pasada ao festival no Carballiño. O Péndulo é unha produción de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e a Area da Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, na que tamén colaboraron o Concello de Negreira e o Concello de Vigo.

Marta Pérez, directora de Inversa teatro, agradeceu ao director do festival, ao Concello e á súa familia o premio que recibe esta peza de teatro documento que conta a historia real dos catro funcionarios da Cañiza fusilados, un deles o seu bisavó; e dedicou o premio á súa avoa Pepa, que morreu chamando polo pai. Tamén ao seu pai, Tirso, presente no acto. Agradeceu a todo o equipo técnico e artístico, así como ás entidades coprodutoras.

Nesta peza, Marta Pérez, codramaturga, xunto con Ernesto Is, e actriz, traslada á escena a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da Cañiza que foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia nun alto de Ponteareas.

Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza e única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. María conseguiu salvarse do fusilamento no último momento alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

En escena conviven ficción e a realidade. Marta Pérez interprétase a si mesma no proceso de investigación do que en verdade aconteceu co seu bisavó e co resto dos represaliados. Sobre as táboas revísase o ocorrido a partir de documentos e testemuños reais. Nerea Brey e Rosa Puga Dávila encárganse da recreación de feitos históricos e da interpretación de personaxes como a alcaldesa María Gómez, Pura Martínez Garrido (filla do alcalde Martínez Garrido), Urania Mella, Fina Mojón (irmá dun dos fusilados que aínda está viva), veciñas, tías e mesmo a avoa e a bisavoa da dramaturga.

Ficha artística

Texto: Marta Pérez e Ernesto Is

Dirección, espazo escénico e iluminación: Carlos Álvarez-Ossorio


Publicidade

Interpretación: Nerea Brey, Marta Pérez e Rosa Puga Davila

Construción escenografía: Juan Bas

Espazo sonoro e vídeo: Jesús Andrés Tejada Deseño gráfico: Marieta R.

Fotografía: Arquivo Bacelar -A Cañiza

Produción: Marta Pérez, en coprodución co Centro Dramático Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e a Area da Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As fillas bravas

A nova programación da Sala Ártika inclúe 51 funcións para todos os públicos

Pedro Brandariz

A 31ª edición do FIOT aposta pola singularidade e a identidade