Palabra: Humor (substantivo masculino): Maneira de presentar a realidade deformándoa con trazos cómicos.
Música: Rock ‘n’ roll star, Oasis. 1994
Fotografía: Artista facendo un espectáculo con lume, por Andrea Bertozzini.
Parece o debate do mes. Ou da semana, porque coa velocidade á que vai todo, a indignación dura o que tarda en aparecer unha nova cousa viral.
Finalmente resultou que, oh sorpresa, os programas da televisión son a quintaesencia do patriarcado máis rancio. Un momento, que me sorprendo.
Esta nova polémica pasaxeira revela, unha vez máis que, baixo o paraugas do humor, moita xente séntese libre de facer e dicir o que sexa. E como todo se terxiversa, cómpre lembrar algunhas cousas básicas sobre o que é, en si, a comedia, non vaia ser que nos pase como coa rebeldía, e se apoderen dela as forzas escuras heteropatriarcais deste país.
Curiosamente, a comedia é por definición, unha forma de protesta ante o inxusto. Dende sempre, unha boa historia de humor foi un pretexto para pasar pola navalla social a todos eses mequetrefes que abusaban do pobo.
Durante séculos a comedia sobreviviu a base de resistencia e necesidade. É dicir, supervivencia. Porque un personaxe dunha comedia, ao igual que un comediante, o que busca é tirar para adiante con dignidade.
E velaquí o concepto clave de todo este asunto, a dignidade.
Denunciar que o alcalde da cidade é un corrupto, que gasta o diñeiro público nos seus negocios, é un acto de dignidade. Chamar a atención sobre determinada inxustiza, é un acto de dignidade. Darlle unha patada no cu a un policía, é un acto de dignidade. Humillar a outra persoa, NON.
A comedia nunca estará no poder, nin no diñeiro, nin en nada parecido. A comedia está no pobo, na xente, porque é o único lugar onde ten sentido.
O problema xeral para asumir os cambios é a dificultade que temos para admitir que o cristal co que miramos o mundo está, digamos, mal. O avance imparable das loitas sociais actuais fai que todo teña que ser revisado, reformulado e repensado. E non pasa nada por repensar e repensarnos. Trátase de valorar o mundo de maneira diferente. Penso que, en esencia, todo se resume en aprender a querer mellor.
O humor debe evolucionar tamén en todas as súas formas. E faino. Non hai máis que ler aos clásicos. Hai cousas alí escritas que hoxe non teñen cabida. E cando alguén se comporta así na actualidade saltan as alarmas. E está ben.
Significa isto que algo funciona. Significa que ningunha protesta cae en saco roto. Que ningún acto de dignidade está nunca fóra de lugar. Por iso hai que seguir denunciando, berrando, e chamando a atención sobre o que non pode ser agora, nin debeu ser nunca.
A liberdade que ofrece a comedia hai que gañala con respecto máximo. Como con todo.