Transfixión é un espectáculo de danza contemporánea creado por Fran Martínez e interpretado por el, estreado na sala viguesa Ensalle en outubro deste ano.
A traxectoria de Fran é moi destacable, acaba de codirixir coa súa compañía, Pálido Domingo, Serva me, servabo te, producida polo Centro Dramático Galego, ademais de que traballou con outras creadoras tan destacables como Natalia Fernandes, en Lingua, tamén programada en Ensalle este mesmo ano.
A creación de Fran destaca polo tratamento das relacións humanas dende a honestidade, a poesía e a emoción. Ao facelo mediante o movemento, o discurso que se dá é universal: nas obras de Fran, Fran é Fran, pero todos podemos chegar a ser, ata certo punto, Fran. Transfixión non queda atrás, sendo esta última cuestión o centro deste espectáculo.
A peza guía ao espectador polo interior do intérprete, é dicir, mediante a danza, a luz, o son e os textos, imos coñecendo o mundo interior de Fran. Así ten o seu nome. Transfixión é a dor que sinte a Virxe có calvario do seu fillo, e o público sinte a dor e a éxtase de Fran. A obra remarca esta cuestión relixiosa mediante a estética tan característica que ten, acadada a través dun diálogo entre o intérprete e a iluminación. Así, danse coreografías tremendamente belas, as cales poden incluso enfeitizar ao espectador coa súa plasticidade, pero en ningún momento se permite que o transo dure moito. Estas coreografías son realizadas cuns movementos que o propio intérprete explica ao público durante o espectáculo, identificándoos coa dor, có pracer e coa éxtase. É curioso como estas danzas son interrompidas, como a vida mesma: a dor aparece repentinamente e o pracer desaparece.
O espectáculo é fundamentalmente humano. Fran fala da súa experiencia vital sen realmente falar dela. Fran fala de todos nós, de todos os presentes na sala. Estamos xuntos non só na sala, tamén na nosa existencia. Os movementos do intérprete resultan emotivos e estilizados, e xunto coa iluminación de Laura Iturralde, conseguen un espectáculo que, aínda que sexa só pola plasticidade, paga a pena ver. Incluso o público menos habituado á danza contemporánea pode gozar de Transfixión, precisamente por isto.
A peza, a pesar da ambición, é moi honesta. As obras que contan co compoñente relixioso gratuitamente adoitan renxer. Pero non é o caso, precisamente porque todos vemos a nosa experiencia reflectida na de Fran, a Transfixión dáse. Comprendemos a súa dor, o seu pracer e a súa éxtase porque todos pasamos por eles. Non só observamos e gozamos da beleza que a peza ofrece, tamén sentimos con ela, porque todos somos, ata certo punto, Fran.