O Teatro Ensalle, en Vigo, acolle esta fin de semana a estrea de Heredarás el cosmos, de Anómico Teatro. O texto e a creación escénica da peza son autoría de Julio Fernández, nun traballo que, segundo el mesmo explica, “é unha análise da foto dese tempo que vai desde aquel día que o autor esperta ao mundo e cae na conta de que un tempo novo comezaba, cando aínda era un neno, ata esoutro día no que, cun gran incendio, no verán de 2022 na Serra da Culebra, se puxeron todos os espertadores en marcha, a pesar de que, finalmente, o seu son tampouco chegaría moi lonxe”.
Heredarás el cosmos afonda nese período de tempo, e nos cambios que nel se produciron; no paso “da inconsciencia ao inferno, desde ese afán por construír un mundo perfectamente ordenado (o cosmos dos recursos inesgotables ao servizo do progreso) ao sentimento de que estamos ao límite (de que xa non queda tempo). Un lapso no que o optimismo da creación continuada de produtos de consumo devén en medo a caer no precipicio do caos, a que cheguen os diaños para poñelo todo perdido de cinza, a que cheguen os diaños para subverter a xerarquía, a que cheguen os diaños para esixirnos unha débeda impagable e que non sabiamos nin sequera que tiñamos”.
A obra recolle unha serie de textos narrativos e autobiográficos, diálogos, poemas, cancións, aforismos e breves ensaios sobre o esgotamento de recursos, “o estremecemento que corresponde á nova era de colapso, o esquecemento dese facer coas mans que caracterizaba unha época pre-industrial e que desapareceu coa frenética globalización do consumo ao instante”; ademais dunha serie de imaxes e accións que teñen o seu reflexo en escena nun labor artesanal e moi ligado ao artístico.
Sinopse
Ficha artística
Texto e creación escénica: Julio Fernández
Música: Roberto García de Mesa
Canción en directo: Sandra Moya
Dirección técnica: Jaume Blau
Colaboración documental: Myriam López Domínguez
Voz en off: Carlos Sarrió
Intervención telefónica: Ángel Encinas
Grabación manada: Carmen Menager, Ester Bellver, Emilia Román, Mamen Toribio, Ángela Monleón, Esme Quiroga, Deborah Vukusic, Leticia Almazán, Rosa Encinas, Myriam López, Laura Aparicio, Elena Varela, Rosa Espinheira, Concha López, Ruth Gutiérrrez, Beatriz Bergamín, Eva Blanco, Begoña Crespo, Elena González e Luna Gómez
Coa colaboración de: Diario El Salto, TV France 24 e Diario de noticias RTS
Residencia artística: Teatro Ensalle
Produce: Anómico