Che Mariño recibindo o Premio Xohán de Cangas
Che Mariño recibindo o Premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural 2023. Foto: Afonso Becerra.
in

Che Mariño

O pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, levei unha alegría moi grande. O Concello de Cangas do Morrazo concedeulle o Premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural a Che Mariño, María Xosé Mariño Abal.

Todos os premios a persoas que os merecen son unha alegría, porque sempre é bonito ver á xente contenta. Non obstante, no ámbito da cultura e, nomeadamente, das artes escénicas, aínda dan máis ledicia polo activismo e a xenerosidade que adoita implicar o traballo nesas áreas, tan necesarias para facer unha sociedade máis humana e sensible, e tan pouco valoradas polo sistema das comenencias económicas e empresariais.

Sinto unha profunda admiración por Che Mariño, coa que levo anos compartindo activismo no eidos das artes escénicas. Admiración polo seu carácter afouto e tenro á vez, polo seu bo facer, porque estar con ela sempre é unha festa, porque ten unha chispa que nin dios… Levamos case vinte anos implicados na erregueté | Revista Galega de Teatro, da que ela é unha peza fundamental. Fomos compañeiros no Consello Asesor do Centro Dramático Galego, xunto a Manuel Lourenzo, Xesús Ron e Carmen Domech, na época en que o dirixía Cristina Domínguez Dapena. Viaxabamos xuntos a Compostela para acudir ás reunións que, daquela, sempre eran en corpo e alma, non había aínda iso das videoconferencias, e nas viaxes revolviamos Roma con Santiago. Ás veces levaba ela o coche, outras veces levábao eu e como Che ten diversidade funcional, daquela andaba con muletas, agora anda en cadeira de rodas, entrabamos co vehículo polo Centro Histórico, o cal para min tamén era unha novidade. Con Che aprendín moitas cousas útiles na vida e tamén me axudou a revisar os meus prexuízos e a decatarme de que o concepto “discapacidade” ou “eiva” é totalmente erróneo aplicado a persoas con diversidade funcional. Xa me gustaría a min ter a forza, a habilidade e a graza que ten Che! Ela botou tamén moitos anos traballando en organizacións que se ocuparon de mellorar as condicións das persoas con algún tipo de diversidade funcional. Tamén leva un monllo de anos, aínda que a min continúa parecéndome unha rapaza cun aquel de pirata aventureira da península do Morrazo, turrando da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, a MITCF. De feito, é a actual presidenta da Asociación Cultural Xiria, organizadora da MITCF, que vai celebrar, do 25 de xuño ao 8 de xullo de 2023, a súa 40ª edición, coa dirección artística doutra xenia de exquisita sensibilidade, a dramaturga María Armesto.

Por certo, unha das acepcións de “xiria” ou “gíria” é enerxía, ánimo, coraxe, valor. Che Mariño é iso e moito máis. Con ela compartín momentos de alegría, pero tamén de crise, nos que parece que camiñas pola corda frouxa e estás a piques de caer, neses momentos a man de Che sempre está presta para axudar.


Publicidade

Polo xeral, os premios acostuman a enxalzar a persoas que son sempre moi visibles, que, no dito castelán, están no candeeiro ou de actualidade, que están na moda, que se fan notar. Porén, de Che Mariño ou sobre Che Mariño non vas ler ningún artigo nesta revista nin noutros medios. Tampouco a vas ver actuar enriba dun escenario, nin vas ler o seu nome, entre os que conforman as equipas artísticas, nos programas de man ou carteis de espectáculos. Non obstante, trátase dunha profesional das artes escénicas imprescindible, como moitas das invisibles sen as cales non habería teatro, nin danza, nin circo, nin publicacións coma esta. Esa tamén é unha das razóns pola que tanto me alegro deste Premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural para Che Mariño, porque fai visible e patente a importancia das persoas que organizan, xestionan e apoian o feito escénico e todo o que se move ao seu redor.

Pero, ademais, que bonito é que leve un premio coma este unha boa persoa como Che, desas que non van por aí pisando cabezas para ascender, desas que traballan como formigas sen competir con ninguén, neste contexto onde a competición parece a tónica e onde a lei do máis forte e de quen máis se faga notar parece a receita. Neste contexto no que aínda semella que continúan importando as aparencias externas, a beleza, a xuventude e a boa figura, establecidas polo canon occidental capitalista da moda e a súa tendencia euxenésica. O aspecto de éxito e de triunfo, de pasar por diante, de ir de diante… Para min Che é a impugnación feliz de todo iso. Para min Che é queer (ou cuir), unha verdadeira heroína, pola que sinto, volvo repetir, unha fonda admiración. Celebro que exista e ter a sorte de coñecela e de traballar con ela!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Eva Comesaña

O Teatro Gorrilla pecha tempada cun festival especial

Menú do día no FIOT31

O Certame Metro Cadrado do FIOT acepta novas propostas