in , ,

25 anos de teatro no ensino secundario do Morrazo

“A MOTESMO foi e é un xermolo de arte, de construción de vida para algúns, de experiencias vividas para outras”

O futuro ao outro lado do espello. Aula de Teatro SEI San Narciso
'O futuro ao outro lado do espello'. Aula de Teatro SEI San Narciso

Na primavera de 1996, o grupo de teatro do IB María Soliño de Cangas, cos profesores Antón Lamapereira e Pedro Pablo Riobó como responsables, realizaron un intercambio co grupo de teatro do centro Cirvianum de Torelló, dirixido pola profesora Dolors Collell. Finalmente participaron na 6ª Mostra de Tallers de Teatre e actuaron no Auditorio da Fundació La Caixa en Vic. Para eles foi unha experiencia extraordinaria porque puideron representar en galego Dos arquivos do trasno, unha adaptación libre dos contos de Rafael Dieste. Ao regreso pensaron que toda esa experiencia vivida podía realizarse no Morrazo, pois algúns centros tiñan grupos de teatro e unha mostra podía unir aos existentes e favorecer o nacemento de novos grupos noutros centros.

Eles dous elaboraron un sistema de xestión para poder realizar a mostra e convocaron unha reunión no outono de 1996 á que asistiron direccións, vicedireccións e activistas teatrais dos centros de ensino medio do Morrazo. As persoas que participaron recolleron a idea con abraio e moita ilusión. O IESP Johan Carballeira de Bueu ofreceuse para realizar a primeira MOTESMO, que sería do 22 ao 25 de abril de 1997.

Nesta primeira edición participaron cinco grupos de catro centros da comarca, máis un convidado, o IB de Gondomar. Abriu a mostra o centro organizador, con Asun Sóñora como responsable do grupo Comediantes Anónimos, representando Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Títeres Cabuxa, d´As Barxas de Moaña, seguiría con O banco azul, baixo a dirección de Bernardino Cerviño e Ánxeles Galocha, colaborando na escrita do texto, A. Ferrari e Xosé Manuel Millán. A segunda proposta do IB de Moaña, dirixido por Isabel Gómez e Javier López, sería Exercicios de estilo, de Raymond Queneau. A aula de teatro do Colexio San Narciso poría en escena Fin de acto, de Alberto Avendaño, baixo a dirección de Manuela R. Lorenzo e coa colaboración de José Tilves e Héctor Silverio. O Obradoiro de Teatro María Soliño representou unha creación colectiva a partir de textos das 35 actrices e actores que o compoñían, Historias dunha fin de semana, coa dirección de Pedro Pablo Riobó e Antón Lamapereira. O grupo convidado de Gondomar participou coa peza La Traviata, dirixida por Margarita Cachaza. Na clausura, Silda Alfaro e Salvador del Río, de Teatro de Ningures, representaron uns fragmentos de Tic-Tac, unha adaptación da novela de Suso de Toro.

Ao longo destes anos desenvolvéronse unha serie de actividades que axudaron a potenciar e experimentar do teatro e das artes en xeral. Público asistente dos centros e edición de trípticos; concurso de carteis, que comezou no terceiro ano; cadernos pedagóxicos, o primeiro en 2002 sobre a escenografía, seguido doutros como o vestiario, maquillaxe, perruquería e dirección de escena. Tamén houbo varios Premios de Teatro Breve, coa edición dos cadernos Pygmalión, o primeiro en 2009, e conferencias impartidas por Santi Cortegoso e Vanesa Sotelo.

Vinte e seis anos despois (se sumamos o bienio negro debido á pandemia), a 25 edición da MOTESMO cobrou vida de novo en Bueu, entre os días 26 e 28 de abril de 2023. Participaron un total de catro grupos, máis un convidado, Proxecto Luzazul.

O día 26 de abril foi a inauguración e o momento de celebrar o aniversario. Profesorado e responsables de teatro, participaron nunha pequena obra conmemorativa na que Asun Sóñora, a directora do centro, recibiría de mans do director do centro organizador da anterior edición, unha coroa que simbolizaba o traspaso de poderes, mais a coroa non aparecía. E quen a tiña? Como non, un republicano que esixiría un acordo equitativo. Finalmente a raíña foi coroada, levando nos seus ombreiros, a bandeira republicana. A continuación cantaron unha canción que estaba preparada para a ocasión, con autoría e acompañamento ao piano do profesor Xoán García Santos. Despois deste pequeno divertimento, as autoridades, co edil de Educación do Concello de Bueu, Xosé Leal, o Inspector Xosé Romarís e o Xefe Territorial de Pontevedra, César A, Pérez Ares, ofreceron o seu discurso aos asistentes, salientando, sen dúbida, o carácter teatral da política. Asun Sóñora rematou facendo unha pequena lembranza dos inicios da mostra e agasallou aos tres centros que participaron na mostra desde os seus inicios cunha gran árbore feita de madeira que se dividiría en tres, cada unha delas con 25 follas. Esta escultura foi realizada por un ex-alumno, Ramiro Agulla, que agora ten un fillo estudando no centro.

Xa, por fin, Comediantes Anónimos, grupo anfitrión, levou a escena Nesta obra ninguén chora, de Mariana de Althaus, un divertido espectáculo metateatral que fala do teatro, dirixido por Rosa Domínguez e Fran Paredes. Paredes comentou que na primeira lectura, o grupo sentiuse moi identificado cos personaxes polas propias situacións e conflitos dados, tanto a nivel persoal como teatral.


Publicidade

O segundo grupo deste día foi o CPR Plurilingüe Eduardo Pondal, mostrando unha obra de autoría propia, O xuízo. Segundo comenta Ángel Currás, responsable e director do grupo, a idea xurdiu nas dinámicas de grupo, pois os adolescentes enxuizaban todo, e rápido saían avogados e fiscais. Finalmente escolleron o tema do suicidio para xulgar a unha persoa que se suicidara. Hai que sumar a esta interesante creación grupal, a participación de persoas da educación especial do colexio.

O día 27 comezou a Aula de Teatro SEI-San Narciso de Marín, retomando este ano a súa participación na mostra. Seguindo a dinámica de dramatizar textos narrados, nesta ocasión a novela As intermitencias da morte, de Saramago e A illa das mulleres, da autora marinense Lara Dopazo, utilizaron distintas técnicas, como o audiovisual, a danza, a expresión corporal e mesmo a música en directo para tratar temas que interrogan aos adolescentes sobre o seu futuro.

Despois do descanso, o Obradoiro de Teatro María Soliño, exhibiu no palco do centro o texto de Tomás Afán Muñoz, O enigma do Doutor Mabuso, un divertimento áxil, con moito sen sentido, que toca a tecla do absurdo. O axente Josep KK e o axente autómata Ígor, serían os encargados de desenmascarar ao Doutor Mabuso. Conseguiríano?

O venres, clausurou a mostra o grupo convidado, Proxecto Luzazul. Promovido polo Concello de Cangas. Este grupo xorde da necesidade de dar visibilidade a unhas persoas con diversidade intelectual e funcional. As persoas responsables dos talleres son Maite Campos e Alberto Casqueiro. Eles propoñen temas e investigan co alumnado desde a expresión corporal, a palabra e a plástica para chegar, finalmente, ao teatral. En Alicia, reflexionan sobre “quen somos”. Métense no interior dos personaxes de Lewis Carroll, personaxes que habitan en nós e a través deles, tocan temas como a tolemia, os distintos ritmos da vida, os cambios, a revolución, ou mesmo o mal carácter, simbolizado pola raíña mandona que ninguén aguanta e que tamén temos dentro. O xeito de facer, de estar en escena é moi natural e tratan de que o público vexa máis alá das persoas.

Agardamos que o teatro siga vivo nos centros desta comarca morracense que tan bos e boas actrices e dramaturgas deu. Moitas e moitos seguiron facendo teatro na universidade ou en grupos amadores. Outras e outros seguiron os seus estudos teatrais na ESAD de Galicia, ou no Institut del Teatre de Barcelona, ou en escolas privadas de prestixio, e tamén as adicadas ao cinema. Moitas e moitos xa están traballando profesionalmente en Galiza e alén das montañas e dos océanos. A MOTESMO foi e é un xermolo de arte, de construción de vida para algúns, de experiencias vividas para outras…

A por outros 25 máis!

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vaivén reducida

A Agadic subvenciona as novas montaxes de 29 compañías galegas

'Ifixenia'. Foto de Marion Bornaz.

O Salón Teatro acolle a ‘Ifixenia’ do Proxecto NÓS/NOUS