A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que arrancou o pasado domingo día 25 e que está a desenvolverse ata o sábado 8 de xullo cunha extensa programación de espectáculos e outras actividades culturais, como exposicións, coloquios e conferencias ou obradoiros, acolle hoxe o coloquio 40 anos de teatro. A erregueté | Revista Galega de Teatro participa neste encontro xunto coa propia MITCFC e compañías como a galega Tanxarina, a andaluza Atalaya, a madrileña Cambaleo ou a asturiana Teatro del Norte; todos eles proxectos que cumpren, veñen de cumprir ou están a piques de cumprir as catro décadas.
O coloquio, que se celebrará a partir das 17.30 horas no Salón de Plenos do Concello de Cangas, estará moderado por Ana Abad de Larriva, e nel intervirán Silvia Garzón, dende Atalaya; Antonio Sarrió, da Compañía Cambaleo; Etelvino Vazquez, da Compañía Teatro del Norte; Eduardo R. Cunha, Tatán, de Tanxarina; Antón Lamapereira e Afonso Becerra, da erregueté; e Che Mariño e María Armesto, en representación da MITCFC.
O encontro
“Van catro décadas dende aquel setembro de 1984, no que a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ergueu o pano por primeira vez no Teatro Avenida, 40 anos que nos contan… a través do humor, que falan de nós, da nosa realidade, da nosa historia. A falta de infraestruturas, o feble apoio das institucións, as repetidas crises, pandemia, (momentos de verdadeira resistencia), foron pedras no camiño que afectaron a esta Mostra e ao conxunto do tecido teatral estatal e galego. Pedras que, afortunadamente, non fixeron tremer a consolidación das nosas artes escénicas.
Hai 40 anos xestouse a profesionalización de boa parte do sector. Hoxe celebramos este aniversario xunto a algunhas das iniciativas que comezaron a súa andaina por aquel tempo e que co seu traballo conseguiron mudar e modernizar a concepción da escena galega e estatal. Con este encontro queremos propiciar un intercambio de experiencias e reflexionar sobre os avances e atrancos vividos ao longo destes 40 anos”.