Dentro da programación do Orgullo Crítico LGBTQ+ de Vigo que organiza a Asociación Nós Mesmas, o Teatro Gorrilla desenvolverá hoxe, venres 30 de xuño, unha edición especial nos bares de Churruca, en Vigo. O programa inaugúrase a tarde ás 19.00 horas no Batallón (Martín Códax, 17) cunha performance da drag pandereteira Meiga-i e a drag e performer Nenaza, “que van por patas arriba as nosas cabezas”. Continuará ás 19.30 horas no Tinta Negra (Rúa dos Irmandiños, 2) con Milo Bambino, “o drag prince galego que entrega o corpo e a alma ao mínimo esforzo ata chegar a alcanzar unha indignante relevancia no noso panorama”.
A programación continúa na Casa de Arriba (Martín Códax, 23) con Fran Martínez, bailarín e actor vigués formado entre Vigo, Lisboa e Bruselas, que comparte a súa peza Velar. Esta parte de idea de como acompañar un corpo en tránsito; “un corpo febril. O corpo de Cristo antes de que o prendesen no Monte de Getsemaní. Pregúntase tamén se velamos o noso futuro nas noites de estudo. Se podemos velar a danza de quen baila. Se aquelas que esperan á beira do Lago Ness velan o monstro ou o milagre que en calquera momento será revelado”.
A velada prosegue na Cantina Candela con Paula Pier e a súa peza Decididamente lesbiana (Martín Códax, 12), que se presenta así: “Latente Gorxa, Torpe Bicadora. Impaciente, Querendo Amar. + cantas veces non me deixaron!”.
Xa entrada a noitiña, convidan a ir ata o Bizarre, para asistir á peza de Ceibe e Sorolla Sorolla en min, unha performance mesturada con danza e acompañada por música, onde o público terá un papel importante; ás veces sendo parte, ás veces funcionando como observador.
Rematan o festival cun concerto/performance de O Rabelo na Sala Kominsky (Rúa Irmandiños, 3) “para festexar os nosos corpos”.
O proxecto
Teatro Gorrilla é un proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, e que pretende “transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian o arte a través de múltiples concertos, por iso, queren que as artes escénicas tamén teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independentes da Galiza”.
O funcionamento de billete inverso, é o de contribuír polo espectáculo unha vez sexa gozado e así valorar canto se quere pagar por el, sendo 3 € o mínimo que recomendan dende a organización.