Ibuprofeno Teatro estrea hoxe, 30 de setembro, Deadpan Karaoke, a súa primeira montaxe cunha directora convidada. Patricia Rodríguez, que desenvolve a súa carreira entre Asturias e Londres, asina a dirección deste espectáculo interpretado por Marián Bañobre, no que a actriz explora os límites do humor nunha proposta multidisciplinar dirixida a público adulto. A estrea terá lugar no Teatro Principal da Estrada esta tarde ás 20:30 horas e a montaxe conta co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas á creación.
Este é o décimo espectáculo da compañía despois da estrea en 2022 de Smoke on the Water (Premio María Casares ao Mellor Actor para Josito Porto e ao Mellor Espazo Sonoro para Mon Orencio). Deadpan Karaoke preséntase como “unha viaxe a través do humor, da música e do cine para tratar de pescudar se hai lugar para o amor nesta sociedade tardocapitalista na que vivimos”. A través do personaxe de Deadpan, que non pode sentir nin expresar emoción, Marián Bañobre introduce cuestións que ocupan os filósofos e sociólogos contemporáneos. A proposta “ten unha clara ambición plástica e coloca ao espectador nun karaoke que transita do real ao onírico, do cine á vida a través da música e da sorpresa”. Trátase, segundo avanzan dende a compañía, “dun espectáculo participativo para deixarse levar, para atreverse e para cuestionarse”.
Deadpan Karaoke estrease, despois de meses de investigación e creación nos que Ibuprofeno Teatro contou con alianzas como a do Concello da Estrada, onde a compañía realizou unha residencia técnica durante o último mes, o Concello de Caldas de Reis, a hospedaxe rural A Casa do Lagoeiro, La Laboral Centro de Arte (espazo no que se gravaron algunhas das pezas audiovisuais que se empregan na montaxe), a residencia de maiores Campolongo de Pontevedra, que se empregou como espazo para a creación e onde a compañía levou a cabo un obradoiro de amor e karaoke cos usuarios da residencia, e que se converteu nunha das experiencias máis enriquecedoras do proceso creativo.
Un equipo maiormente feminino
A directora Patricia Rodríguez e a actriz Marián Bañobre rodeáronse para a creación deste espectáculo dun equipo maiormente feminino: Laura Porto como asesora de dramaturxia, Carmela Bueno como axudante de dirección e coreógrafa, Mónica de Nut no deseño de son e na composición musical, Violeta Martínez no deseño de iluminación e escenografía, Marta Valverde, Gustaf Nilsson e Javier Lueje no deseño de audiovisuais, Baia Fernández na caracterización, María Costas como profesora de canto e Ana Cardoso como asesora de xénero.
Patricia Rodríguez é a primeira directora convidada por Ibuprofeno Teatro para a creación dun espectáculo. Compaxina desde 2020 o seu traballo na compañía londinense Little Soldier co proxecto teatral asturiano Las Ganas. Con máis de 27 anos de traxectoria, o seu desenvolvemento profesional está moi vinculado á súa traxectoria internacional realizada entre Estados Unidos, México, Polonia, China, Lituania, Luxemburgo, Alemaña e moi especialmente Reino Unido.
A actriz Marián Bañobre volve neste espectáculo ás súas orixes como clown cun unipersoal, igual que cando hai máis dunha década a compañía iniciou a súa andadura profesional coa montaxe A filla de Woody Allen. Debuta como actriz de teatro aos 15 anos e dende entón participou en medio cento de producións profesionais dentro e fóra de Galicia, non só como intérprete, senón tamén como clown, creadora-directora escénica e deseñadora de vestiario. Traballa tamén como docente, principalmente de técnicas de clown e creación escénica e é licenciada en Socioloxía, disciplina da que se nutriu na creación de Deadpan Karaoke, un dos seus traballos máis persoais.
Conta con cinco Premios María Casares: Mellor Actriz Secundaria por Tartufo de Teatro de Ningures, Mellor Actriz Protagonista por Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios de Ibuprofeno Teatro, Mellor Vestiario por O Furancho de Ibuprofeno Teatro, Mellor Dirección e Adaptación (xunto a Santiago Cortegoso) por Invisibles de Redrum Teatro.
A compañía
Deadpan Karaoke é o décimo espectáculo de Ibuprofeno Teatro, compañía fundada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso para emprender proxectos teatrais de xeito independente. A compañía leva a cabo espectáculos de autor para público adulto, ben a partir de textos creados previamente como Raclette ou Casa O’Rei ou ben integrando a dramaturxia no proceso de creación e posta en escena como A filla de Woody Allen ou O mel non caduca, espectáculo que en outubro presentarán no Festival Internacional de Teatro de Manizales, en Colombia. O seu traballo puido verse nalgúns dos escenarios máis relevantes como poden ser o Festival Umore Azoka de Leioa, a Feria de Teatro de Castilla y León Ciudad Rodrigo, a MIT de Ribadavia, o Festival de Teatro Clásico de Alcántara, o Festival Internacional Miguel Torga en Mondim de Basto (Portugal), entre outros. Foi tamén recoñecido con diversos galardóns, entre eles os Premios María Casares en distintas categorías ou coa candidatura como finalistas á Mellor Dirección e Mellor Texto para Santiago Cortegoso nos Premios Max con Raclette.