Alguén ten en realidade idea dalgo?
Leva caendo auga dous meses case seguidos, dous meses de pouco sol, bastante humidade e moita manta. Tanta chuvia foi engurrando á xente e agora todo o mundo camiña máis teso e enfadado.
Pero a pregunta segue sendo a mesma, que sabemos?
Dous meses onde o que se podía ver pola fiestra era un gris aburrido, poucas luces e un xenocidio que amosa todas as nosas vergonzas (outra vez). Unha vez máis a realidade é tan terrorificamente sádica que calquera outra cousa se volve insignificante ao seu lado… É unha mágoa que a filosofía neste país se ensine tan mal, porque nos deixa ás persoas sen recursos para entender. E entender é, en definitiva, unha forma de ter esperanza. E supoño que dende aí poderíamos facer algo, pero, que?
Hai uns días tomaba un té cunha persoa a que quero moito mentres nos queixabamos, amargamente, sobre a trampa que supuxo para nós medrar nos 90 e levar unha hostia co cambio de século. Xa non temos corpo para soportar máis crises mundiais, burbullas especulativas e disparates capitalistas. Só queremos vivir con serenidade, con tranquilidade, como pode iso ser tan complicado?
O té estaba bo pero tiñamos algo de présa porque algo había que facer. Sempre hai algo que facer e, pola contra, estamos máis aburridos ca nunca. Facemos e facemos e facemos, pero pola noite seguimos co corpo mal, con feridas, ansiedade, pouco apetito e sono.
De verdade, alguén entende algo?
A miña xeración ten a idade que tiñan os nosos pais cando nacemos e non temos traballo, nin casa propia, nin a sensación de que iso vaia mellorar pronto. Temos plantas, algúns un gato, e os máis afortunados unha parede que separa a cociña do dormitorio. Todo o noso salario se vai en intentar ter unha vida propia que é, en realidade, unha pelexa silenciosa contra o país destruído que herdamos.
Pero insisto, e que? Ante todo isto, que? Que? QUE?
Eu non teño nin idea de que facer. Tiro para adiante mentres sigo sen atopar algo que me emocione sinceramente. E polo camiño intento entender algo porque se non, que teatro vou facer? Para quen? Por que?
Facer cousas por amor xa non me vale. E por diñeiro… tampouco foi nunca unha resposta que servise.
Igual vós si, igual vós entendedes o que está a pasar, e tendes unha resposta para cada cousa. Non sei se vos envexo ou se non vos soporto. Pero está claro que comecei este ano sen entender que sentido ten comer doce uvas a toda pastilla.