in , ,

O Colectivo RPM convoca as Residencias Paraíso 2024

Seleccionaranse 9 propostas de danza e artes vivas para participar na oitava edición do programa

FIOT Clara Pampyn © Vanessa Rábade 13 red
Clara Pampyn no FIOT. Foto de Vanessa Rábade.

O Colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, vén de abrir unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia.

O proxectoconta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

O programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.

As persoas interesadas poderán presentar a súa proposta ata o 26 de febreiro e unha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM valorará a integridade artística do proxecto, o seu grao de madurez e solidez, a relación entre a proposta e o territorio e as prácticas de programación expandida que arroupen a residencia, para anunciar a mediados de marzo os proxectos seleccionados.

Residencias Paraíso 2024 conta cun importe total de 22 000 euros e acollerá ata 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1500 e 3000 euros (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024 no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro de 2024 na Illa de San Simón.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, “tanto a que xa existe como a que está por chegar”.

O maior valor de Residencias Paraíso é, segundo sinalan dende a propia iniciativa, “que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) dota dunha identidade singular ao programa”. 


Publicidade

 

Sesión informativa e acceso ao formulario

O martes 20 de febreiro, ás 12.00 horas, Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria, e a inscrición farase cubrindo este formulario en liña.

  

Sobre o Colectivo RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñen un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso, que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Míticas pero secundarias red

Antón Reixa e Antela Cid levan a traxedia grega ao Gaiás

'BERNARDO SANTARENO x2' de Assédio Teatro.

Bernardo Santareno X2