in ,

Antón Reixa e Antela Cid levan a traxedia grega ao Gaiás

En ‘Míticas pero secundarias’ abordan temas como o medo ao éxito e a igualdade, dentro do ciclo Clásicas Desfeitas

Míticas pero secundarias red
Presentación de 'Míticas pero secundarias', de Antón Reixa e Antela Cid. Foto de Rocío Cibes

Un díptico teatral de Antón Reixa e Antela Cid recupera as vidas das personaxes esquecidas pola literatura dramática clásica para facelas protagonistas dos volumes X e XI das Clásicas Desfeitas. Baixo o título Míticas pero secundarias, este espectáculo duplo pechará os días 23 e 24 de febreiro unha nova edición do ciclo escénico promovido pola Xunta de Galicia dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitaron esta mañá os ensaios da obra no Edificio Fontán. Antón Reixa e Antela Cid traballan como autores, directores e intérpretes totais en cadansúa parte deste espectáculo, que producen Carlos M. Carbonell a través de Crémilo. Proyectos Culturales y Distribución de Espectáculos xunto coa Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego.

Polícrates e o carácter galego

O gobernador absoluto da illa de Samos, Polícrates, é a fonte de inspiración para A infeliz felicidade e o prezo do aceite, primeira parte da representación teatral na que Antón Reixa propón unha sátira que relaciona o mito grego con Rosalía de Castro e, por extensión, coa idiosincrasia galega. Nela, “o autor fai un pinchacarneiro histórico cargado de ironía no que colaboran, no rol de expertos, o dramaturgo Quico Cadaval, a poeta Chus Pato e o propio presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira”.

“Polícrates foi un triunfador insatisfeito que deu nome a un complexo descrito pola psicanálise, igual ca Edipo, mais a diferenza deste non logrou figurar nas cabeceiras da traxedia clásica. O complexo de Polícrates relaciónase coa incapacidade de gozar da felicidade por medo a que esta desapareza. Unha anguria que se ten aplicado tamén a Rosalía de Castro desde a crítica literaria para explicar a melancolía dos seus versos, e que ben podería”, segundo Reixa, “ser en realidade unha sorte de sabedoría crítica ou preventiva propia dos galegos”.

Apostar pola vida fronte á violencia

Na segunda parte do espectáculo, titulada Tres somos ti, Antela Cid encarna a tres mulleres silenciadas na literatura dramática clásica. Ismene, Crisótemis e Políxena comparten un mesmo perfil, o de irmás (Ismene de Antígona, Crisótemis de Electra e Políxena de Paris), e tamén un desexo: o de sobrevivir nun contexto bélico creado e sostido polos intereses dos homes.


Publicidade

Acusadas de covardes e sometidas, para Antela Cid estas tres mulleres son en realidade “un exemplo de fortaleza, ao elixir a vida e o amor por enriba da violencia e o poder”. A actriz encarnará a todas elas nunha peza na que a iluminación, deseñada pola escenógrafa Violeta Martínez, terá un peso moi importante na creación dunha atmosfera envolvente nun espazo, polo demais, limpo de elementos.

Colaboran tamén na proposta a poeta Silvia Penas, que asume o deseño do vestiario, o músico Carlos Segovia, que fixo os arranxos de piano das cancións que cantará Antela Cid en escena, e a artesá Elvira Valle, a quen se lle encargou a elaboración dunha peza de cerámica exclusiva para esta representación.

As funcións de Míticas pero secundarias serán os días 23 e 24 de febreiro ás 20.30 horas no Edificio Fontán e as entradas poden adquirirse —a partir de 9 euros— en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios Maria Casares red

Paula Mayor asina o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares

FIOT Clara Pampyn © Vanessa Rábade 13 red

O Colectivo RPM convoca as Residencias Paraíso 2024