in ,

Paula Mayor asina o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares

Os espectáculos e profesionais finalistas desta edición revelaranse o 20 de febreiro

Premios Maria Casares red
Imaxe dunha edición anterior dos Premios de Teatro María Casares. Imaxe da AAAG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, AAAG, vén de dar a coñecer o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares, asinado por Paula Mayor. A Xunta Directiva, entidade organizadora dos galardóns, confía este ano na ilustradora coruñesa o deseño da imaxe dos María Casares, dándolle así continuidade á iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e o ámbito da ilustración, da banda deseñada e mais do deseño gráfico. En convocatorias anteriores deseñaron o cartel dos galardóns David Rubín, Xulia Vicente, Leo Sousa ou Aldara Prado.

Cartel Premios María Casares 2024
Cartel dos XXVIII Premios María Casares, da ilustradora Paula Mayor. Imaxe da AAAG.

Paula Mayor (A Coruña, 1975), ao longo da súa carreira profesional, exerceu como ilustradora, maquetadora ou deseñadora para os ámbitos da edición, do téxtil, da publicidade e mais das redes sociais. Dentro do eido da ilustración, amosou a súa versatilidade en proxectos de literatura infantil, na realización de portadas para libros e discos, a creación de carteis para organismos públicos e participou en diferentes exposicións como a colectiva Picasso na casa, que pode verse actualmente na Casa Picasso na Coruña.

A súa actividade artística no mundo da banda deseñada foi merecente de galardóns como o Premio Castelao 2023, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Rosalía oculta. Ademais, gañou certames como o Concurso de Ilustración da Editorial Hércules e levou o primeiro premio no VII Concurso de Cómic Refuxios e Liberdade e no XII Concurso de Cómic Dos Hermanas, entre outros. Asinou tamén carteis para diferentes eventos culturais e, nesta liña, cómpre destacar o cartel do Calendario do Libro e da Lectura das Bibliotecas de Galicia deste ano e do Día da Ilustración da Xunta 2022.

Para o cartel dos Premios de Teatro María Casares, a autora sinala que apostou pola “estética do cómic” co obxectivo de crear unha ilustración “dinámica” na que o “movemento e a vida” combinasen cunha “vontade onírica”. Paula Mayor, ademais, centrouse nos “conceptos marítimos” e incluíu “elementos simbólicos” como o polbo, a maruxaina ou o castelo de Santo Antón para vencellar os Premios cun “espírito atlántico”.


Publicidade

Festa de Finalistas

Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXVIII Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro martes, 20 de febreiro, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A actriz Cris Collazo encargarase de conducir o evento.

A gala de entrega terá lugar o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón a Fundación AISGE ou Gadisa.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A Oficina. GUIdance 2024. Gaya de Medeiros 'Atlas da Boca'

Emoções fortes, da dança, que aclaram a olhada

Míticas pero secundarias red

Antón Reixa e Antela Cid levan a traxedia grega ao Gaiás