O certo é que cada vez que me entran dúbidas sobre este oficio noso, cada vez que penso en deixalo, en ir co conto a outra parte, a resignarme, sucede algo que me empurra de novo ó centro da ilusión.
Este ano as xornadas mundiais da Commedia dell’Arte foron organizadas en Nancy, a chuviosa cidade francesa lugar de nacemento de Jacques Callot. Un dato este que redondea á perfección a escolla da cidade, xa que os debuxos que Callot fixo en Italia sobre aqueles comediantes dell’Arte, son un tesouro de incalculable valor histórico e artístico.
Como todos os anos, estas xornadas son una escusa fabulosa para ver en poucos días moitos espectáculos, coñecer a compañeiros de todo o mundo que se dedican a isto, e tamén son o lugar idóneo para reencontrar a vellos coñecidos que viven as súas aventuras teatrais espallados por Europa.
E que bonito é abrazar a esa xente que levas tempo sen ver, pero á que lle gardas un cariño inmenso, un respecto máximo e a maior das admiracións.
É bonito sobre todo polo lugar san que xera ó seu redor a Commedia. E non é tanto as ganas de pasalo ben, que tamén, senón a sensación de que os que conformamos e mantemos viva este forma de teatro compartimos o mesmo compromiso político e social.
O mundo é xa un desastre irremediable e cada día achéganos máis a un lugar escuro do futuro. Un futuro que podía ser brillante pero no que o único que brillará serán as contas bancarias das persoas que nos conducen ó desastre.
Teño asumido que non podo cambiar nada pero que podo vivir con dignidade. E esa dignidade parte de saber que é o correcto e o que non. A Commedia é iso, o lugar do correcto. O lugar onde os criados gañan e onde os corruptos perden. O lugar onde os matrimonios forzosos non triunfan, onde o amor atopa o sitio e onde o xusto vence. Porque si, non sempre se perde e non hai que acostumarse a facelo.
Nancy lembroume, unha vez máis, que as mellores festas son improvisadas, que as fronteiras son unha mentira e que as mellores cancións non se berran, cántanse co corazón e o puño en alto.
Pasan os séculos e a Commedia dell’Arte segue sendo luz e guía dos que non entendemos o mundo sen un teatro para a xente de a pé. Dos que seguimos buscando como gañar. Pero sobre todo, a Commedia lémbranos todo o tempo que aínda que haxa clases sociais, abusos de poder, violencia, corrupción, mentiras, enganos e desenganos, se o pobo está unido… xa sabedes.
Facemos teatro porque somos antifascistas, feministas e republicanos. E sobre un escenario de Commedia dell’Artepodemos dicilo alto e claro e darlle esa patada no cu a quen o merece.
Bravo caro! VIVA LA COMMEDIA!!!