Quedamos con David Loira (Ferrol, 1979) poucas horas antes de presentar Emigrantas (produción de Kirenia Danza) en Vigocultura, co gallo do Día Internacional da Danza, e poucos días antes da estrea mundial da súa peza Blondi no X Festival Escenas do Cambio en Santiago de Compostela, e con el falamos de emigración, danza e vida.
Imos comezar por ti, David, se che parece. Como chegaches á danza?
Pois cheguei xa sendo adulto. Teño recordos de bailar moito cando era neno, mais cando eu era pequeno, ser neno e bailar era algo que se supoñía non correspondía ao meu xénero, polo que cando me matriculei na universidade, en Educación Física na Universidade da Coruña, aproveitei para comezar a bailar. É curioso pero naquel tempo había dúas materias optativas: patinaxe e danza, e eu inscribírame en danza pero cambiei a patinaxe, en contra dos meus propios desexos. Agora a cousa cambiou moito, pero eu cando comecei a bailar non tiña ningún referente, sobre todo de homes bailando. Foi algo que me custou, de xeito que tiña uns 22 anos cando comecei.
O feito de estar a cursar Educación Física axudoute en algo?
Si. Comecei a facer acrobacia na Universidade e despois xa tiven unha beca para ir a unha escola de danza en Londres (na London Contemporary Dance School, 2003). Entón comecei tarde pero foi moi intenso xa de entrada: fun a Londres, montei unha compañía con Rut Balbís -Pisando Ovos, creada en 2005-, bailamos moito…
Se agora botas a vista atrás, como ves ese camiño?
Pois xusto agora que viña para a entrevista estaba pensando un pouco niso. Foi especial, ao non estar a danza normalizada na miña vida, tiven unha relación con ela a veces de loita, supoño que sempre foi un traballo sobre o descoñecido: pola miña idade, o contexto xeográfico, a falta de referentes… Bonito, sen dúbida, mais moitas veces facendo algo sen saber ben o que estabas a facer, sempre movido por unha necesidade interna. Eu sempre penso que a danza serviume como salvavidas, para canalizar cousas persoais, poder estar no mundo dalgún xeito, sen pensar especialmente que me ía dedicar á danza de modo profesional. E con todo, igual levo xa máis de 25 anos.
Estaba a ler cousas sobre Blondi (a peza que vai estrear no X Festival Escenas do Cambio, o sábado 4 de maio) e falas de converter asuntos como a violencia, o racismo, a homofobia ou o odio ao diferente en beleza e poder. Como facer esa transmutación?
Aí estou, traballando niso. Blondi parte de moitos lugares, tamén do lugar físico onde estou: eu traballo en Alemaña, como guía turístico no campo de concentración de Sachsenhausen e en Berlín cheguei a vivir situacións persoais de violencia e homofobia, con todo ter fama de ser unha cidade tolerante. Lembro ir nun tren coa miña parella do momento e recibir unha patada tremenda dun home. Unha agresión tan forte e por sorpresa que ficamos calados, non soubemos como reaccionar. Ao baixar do tren, sentín o fortemente interiorizada que levamos a violencia, como se non tivésemos nin dereito a protestar. Traballando no propio campo de concentración naceu esta idea de bailar todo isto.
Entón para ti, na túa temática de traballo -e penso en pezas como Over the rainbow ou Macho-, é importante esta transformación das partes escuras da sociedade e do ser humano en algo fermoso e poderoso?
Si, sería estupendo. Eu escapei moito, a nivel persoal, do meu lado escuro, mais xa con certa idade teño atravesado momentos de certa escuridade e o baile foi unha ferramenta que me axudou a dar luz a ese lado escuro. Por exemplo en relación a esta experiencia de agresión, o máis doloroso é saber que todo isto está integrado en ti, que un mesmo pode ser o motor de toda esa violencia cara aos demais, cara a un mesmo… E iso é moi doloroso. Asumilo, transitalo e dar luz a todo iso é a proposta de Blondi.
Como ti dis, Blondi nace da túa experiencia en Berlín e no campo de concentración de Sachsenhausen, onde chegaron a estar até 1000 homes homosexuais recluídos e torturados alí.
Ás veces, cando estaba ensaiando, tiña que parar e lembrar para quen estou bailando. Bailo para min? Bailo para toda a comunidade LGTBIQ+? Para os homes homosexuais que morreron en campos de concentración? Para os que sobreviviron e foron despois ingresados en cárceres aínda que xa rematase o nazismo? Ás veces teño que recordar que é unha peza tamén para eles, unha homenaxe. Por todos nós e por como todo ese pasado e esa memoria histórica nos afecta aínda a día de hoxe.
Como conxugas a túa profesión como guía en Berlín co feito de ser bailarín?
Eu na danza sempre tiven momentos de parar, de afastarme, de aproximarme… Entón cando comecei a traballar de guía (que comecei en Lisboa, antes de marchar para Alemaña), decidín deixar o baile, mais é certo que nunca conseguín estar moi lonxe, porque sempre acababa aparecendo un proxecto, como Emigrantas ou Blondi. Entón nunca cheguei a estar cento por cento desconectado, aínda que tivese esa relación de ir e vir.
Case parece unha cuestión de saúde.
Onte, ensaiando Emigrantas, falabamos de militancia. E é certo que a postura dun bailarín, nun sistema como o noso, non é doada. Moitas veces non tes unha actividade continua e hai moita precariedade, faltan axudas e apoios… polo que se fai preciso buscar outras actividades que che dean de comer.
Neste sentido, como é a túa relación co sistema da danza e, especialmente, co galego, dende a distancia?
Pois agora mesmo, por vivir tan lonxe, teño que falar dende o descoñecemento. De feito, eu elixín participar no proxecto de Kirenia, Emigrantas, por estar nun lugar que me interpela, un traballo sobre a emigración, a diáspora, polo que colocarme no escenario, coa miña propia experiencia no tema, pareceume moi interesante. Entón a miña relación coa danza galega é dende aí, dende a emigración.
Precisamente estás a presentar Emigrantas agora mesmo. Sendo unha peza que leva xa en cartel varios anos, como te atopas retomando este traballo agora?
Ben, a verdade é que levamos xa moito tempo facéndoa. Teño unha compañeira marabillosa, Esther, e logo está Kirenia -a directora- que é unha amiga xa de tempo. Sinto que é unha peza que me permite aparecer de verdade, sendo emigrante e estando en escena dende ese lugar. É unha exposición, sen dúbida. Ofrezo o que podo, tanto en Emigrantas como en Blondi, e estou atento ao que me poida levar eu tamén, de volta a Berlín.
Como che gustaría que fose a túa relación co Festival Escenas do Cambio e co público que vai asistir á túa peza?
De tranquilidade. Tentar estar o máis cómodo posible: coas persoas do Festival, coas persoas da equipa de Blondi, que todas esteamos cómodas e que o público poida desfrutar do Festival e que Blondi lle achegue algunha cousa.
Como que?
Reflexión, supoño. Igual que o que eu sinto coa peza. Cando estás cunha estrea pasas por moitos momentos: facerte moitas preguntas, estar máis seguro, menos seguro… Eu o que quero é que as persoas leven unha reflexión para casa, que leven corpo e cabeza, que pensen.
Que así sexa. Moitas grazas, David, e que vaia todo moi ben nestas datas túas en Galicia.