in ,

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos

Benvides es desviades

Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos. Imaxe de Manuel G. Vicente.
Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos. Imaxe de Manuel G. Vicente.

Estreada en Santiago de Compostela no 2021, e logo do seu paso polo Corufest do ano pasado, chega Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos por fin a Vigo, estreándose na Sala Ártika no marco dos actos programados co gallo do Orgullo Crítico LGTBIQ+, organizado polas asociacións Nós Mesmas e Avante LGTB+.

Composta en formato de conferencia escénica ou, como afirman as mesmas VACAburra, como unha “conferencia freak en formato desbordado”, Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos nace como posta en escena da tese de doutoramento “Sexualidades des-generadas en la práctica escénica contemporánea”, de Gena Baamonde, creadora da peza.

Mais, máis que unha conferencia, é unha chamada á atención á acción e mesmo á interacción: á atención, porque nos leva a reflexionar sobre a construción da nosa identidade; á acción porque nos interpela sobre as bases desa construción e a tomar responsabilidade das nosas decisións; e á interacción porque salienta a importancia da comunidade como sostén do individuo nunha sociedade moito máis diversa do que se nos vende.

Seguindo o mesmo formato de conferencia, Metodoloxías carroñeras emprega o espazo sinalado da escena para dar a coñecer algo que toda persoa precisa para construír a súa identidade: os referentes.

É así que nesta peza, Gena Baamonde e Andrea Quintana fan pasar pola escena a filósofes como Michel Foucault, Judith Butler ou Paul B. Preciado, salientando as bases do pensamento queer como aquel que recolle os restos do festín neocapitalista que devora á humanidade e os vai entretecendo para dar voz ás marxes e, polo tanto, a todes es marxinades da historia, tan queers coma calquera.

Un substrato filosófico e social que non queda na teoría, senón que ten un impacto nos corpos e nos movementos, facendo que os referentes teóricos pasen polos corpos e, polo tanto, apropiándonos dos mesmos e facéndoos únicos e persoais.

Aparecen entón os movementos que nos presentan Baamonde e Quintana en escena, que fracturan o discurso teórico, e tamén outros movementos de referentes como o teatro kabuki e a danza butoh, o flamenco, Kazuo Ohno, Antonia Mercé “La Argentina” ou a compañía xaponesa Takarazuka e os seus fantásticos espectáculos musicais onde todos os papeis son interpretados por mulleres.


Publicidade

Desde xeito, Metodoloxías carroñeras pon en valor nomes silenciados de creadores ás marxes das artes sublimadas pola heteronorma, facendo un labor de arquivo especialmente importante para unha comunidade historicamente deostada.

Así a performance de Sharon Hayeen e a súa resignificación da peza “I Am A Man” en referencia á de Glenn Ligon (1988) e aos icónicos lemas das manifestacións pola igualdade de dereitos das persoas afroamericanas nos EUA dos anos 60; a relectura do poema I Want A Dyke for President, orixinal de Zoe Leonard (1992) e interpretado pole rapeire queer Mykki Blanco; ou a secuencia final onde un trío de bailarinas flamencas (animadas pola maxia dixital) acompañan os movementos de Mónica Valenciano.

Entón, a metodoloxía carroñera non é outra cousa que un acto de resignificación. Un acto de apropiación do socialmente marxinado, invisibilizado e silenciado para poñelo en valor e recompoñelo nun mesmo corpo: un corpo invertido, desviado, non normativo e polo tanto, un corpo no que cabemos todos os corpos.

A resignificación ten moito que ver co comezo das primeiras marchas de protesta e reivindicación polos dereitos LGTB, aquelas Pride Marches que agora son os nosos orgullos e nas que o primeiro termo en resignificar foi, precisamente, o de “orgullo”, tan necesario para as autoestimas magoadas durante séculos. A este, seguirían outros como “marica”, “maricón”, “bollera” ou “queer”, nun acto de transmutación que converte o insulto en palabra de poder.

En Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos hai un momento especialmente importante neste senso, que é cando as “ponentes” fan toda unha oda ao feito de ser lesbiana. Precedida por unha serie de secuencias do filme Me siento extraña (Enrique Martí Maqueda, 1977), onde vemos a dúas iconas do tardofranquismo como Rocío Dúrcal (ídolo xuvenil heteronormativo) e Bárbara Rey (musa do destape, tamén heteronormativo) convertidas en amantes lesbianas, esta oda fai unha deriva dende a apropiación do termo até o xogo co mesmo, de xeito que todo o público, todo o mundo, remata sendo lesbiana, nun acto de celebración e comuñón.

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos é unha benvida aos corpos disidentes e ás identidades diversas, unha benvida ás persoas que miran alén do xénero e se recoñecen nun espazo común.

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, VACAburra

Creación: Gena Baamonde
Dirección e Dramaturxia: Gena Baamonde, acompañada por Andrea Quintana
Texto orixinal: Gena Baamonde
Coreografía: Andrea Quintana
Interpretación: Gena Baamonde, Andrea Quintana
Iluminación: Violeta Martínez Rivera
Fotografía: Manuel G. Vicente, Cristina Cotelo
Vestiario: VACAburra

Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos é unha coprodución de VACAburra co apoio para a creación das Residencias Paraíso do Colectivo RPM, La Fabulosa, De Corpos Presentes, Galicia Danza Contemporánea e o apoio da Agadic para distribución e xira.

Sala Ártika, Vigo. 1 de xuño de 2024.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Microefectos Dramatúrxicos xuño 2024 reducida

Os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Club Clavicémbalo de Lugo

'BELIAL, DESOBEDIENCIA E VANDALISMO' (Museo MARCO de vigo, 19/09/19). Foto: Carlos Deteis.

Posgalicia Escena Pro