Dos Modos Nascem Coisas é un festival multidisciplinar con características de acción social e integración comunitaria organizado pola Associação Cultural AlbergARTE. Conta coa colaboración da Câmara Municipal de Albergaria-a-Velha e, por primeira vez, da Direção Geral das Artes. Esta nova edición transcorreu nos arredores da praza 5 De Outubro de Albergaria-a-Velha nos días 18 e 19 de maio deste ano.
O equipo está formado por David Valente e David Calhão, contando coa axuda dun cordón de xente moi achegada ao mundo das artes e á labor profesional que eles realizan.
A xoia deste festival é a Orquestra (In)Quieta, formada por coros e músicos de distintas asociacións da contorna, incluíndo entre os artistas a persoas con diferentes capacidades.
Orquestra (In)quieta
Tendo en conta as diferentes capacidades dos membros da orquestra e os distintos estilos musicais que interpretan, é sorprendente a capacidade de organizar e coordinar un equipo de músicos tan numeroso. Outro aspecto a destacar é a orixinalidade das distintas pezas musicais (todas unidas entre elas) e letras dos propios participantes, cantadas e recitadas, así como a incorporación de instrumentos con novas tecnoloxías como o theremin e tablets previamente programadas para a emisión de determinados acordes de acompañamento. Perfectamente coordinados por David Valente, Luís Carbalho e Patrícia Lestre, o resultado é un espectacular concerto de melodías e cores cheas de enerxía e dedicación da que seguro, están orgullosos.
Seguindo no ámbito musical, o grupo Lantana actuou no palco Tucha Martíns.
Lantana
Lantana, grupo portugués composto por 6 mulleres, interpretou unha peza de case unha hora de duración composta de sons que transgriden as normas do sistema tonal. Baixo esa liberdade atonal, podemos sentir a luz do día nun paseo pola verea ao carón dun río, ou os sons tenebrosos e ameazantes da selva no escuro da noite; a violencia no fogar, a dureza coas crianzas, o pranto e o consolo. O fascismo. Tamén viaxamos por distintas culturas, e chegamos ata o espazo sideral, unha viaxe polo universo que convida a meditar. Todos eses lugares que transitamos foron levándonos por distintas emocións como dor, angustia, medo, ou tamén alegría, esperanza e mesmo calma.
No palco grande da alameda 5 de Outubro actuaron dous grupos máis: Seiva, unha das máis internacionais bandas do panorama folk portugués e Fadomorse, agrupación con influenzas de raíz portuguesa mais transformándoas con ritmos contemporáneos.
A organización deu relevancia na súa programación á proxección dun documental, Por detrás da moeda, estreado en 2022 baixo a dirección de Luís Moya. A continuación, abriuse un debate co público no que participaron o propio director e Nuno Norte, un dos artistas que aparecen no documental.
Por detrás da moeda
Que hai detrás da moeda que deixa un transeúnte no peto dun músico de rúa?
Luís Moya, director do documental, retrata a parte humana duns artistas que, coma gorrións, pombas ou gaivotas, moran nas rúas do Porto e beben das estrelas celestes. O director destaca con delicadeza as imaxes vivas da cidade e o cotiá da vida duns artistas. Sobresae tamén, entre outros, o día a día de Alexandre Amorim, máis coñecido como Alex, un carismático músico que nos anos 80 fundou o recoñecido grupo Pippermint Twist. A historia doutros músicos, como Nuno Norte, que comezou tocando na rúa e chegou a gañar a primeira tempada do concurso televisivo Ídolos (baseado no programa británico Pop Idol), contrasta paradoxalmente coas vivencias do protagonista principal. A rúa pode ser un trampolín cara a fama ou o refuxio dos decadentes. Este filme achéganos á realidade dunhas persoas que amosan esa cara oculta e fannos reflexionar sobre a elección dun modo de vivir que existe en moitas rúas peonís.
Dous días despois de pasar este documental no Cine-Teatro Alba, Luís Moya anunciábanos a morte de Alex. Que a música o leve polas ondas do vento.
Seguindo este festival das artes, toca, agora, o circo, ou a danza circense.
Circo Caótico. Raiz
Composición acrobática na que podemos imaxinar a construción dunha relación de parella entre dúas persoas totalmente diferentes, terreal unha, etérea a outra, que nalgún momento perden o equilibrio. Esa inestabilidade somérxeos nun caos que vai mudando aos poucos. Prodúcese un convite mutuo: que unha se empape de realidade terreal e o outro coñeza o mundo etéreo, co cal se vai creando un baile entre a parella, manténdose, apoiándose e transmitindo forza, equilibrio e intelixencia emocional para unha construción consciente.
E agora pasamos ao enigmático teatro de obxectos.
Troupe Fandanga. Ai de min. Ai do eu…
Troupe Fandanga caracterízase por facer teatro de obxectos e marionetas en pequeno formato, incluso teatro en miniatura. Sandra Neves consigue facer en Ai de min. Ai do eu… un espazo de intimidade entre ela como manipuladora, o efémero moneco de barro que constrúe en escena, o espazo cargado de obxectos que fai de camiño e, finalmente, o público que está próximo á escena. A marioneta, nese camiño que percorre, acompañada dunha música suave, vaise parando en cada espello que atopa. Mírase, obsérvase, quérese. Ese personaxe tan entrañable, seguirá alimentando o seu ego e a súa arrogancia ante a vontade superior da creadora?
Doce e sorprendente, visual e sonoro, un espectáculo para públicos de todas as idades.
Cía Federico Menini. Oyun
A Cía Federico Menini actuou no Cine-Teatro Alba con Oyun, un espectáculo circense que utiliza aparellos de cociña como tarteiras, culleres e cuncas para buscar o equilibrio nos xogos malabares.
No mesmo espazo estiveron tamén Wetumtum con Waka, unha peza musical e participativa para bebés, que contou coa presenza do doutor Otto, especialista en reino-musicoloxía.
Rui Sousa tamén actuou cos seus tradicionais robertos na alameda 5 de Outubro, igual que o Projecto Ez, Luzes no tempo, un espectáculo itinerante participativo.
As actividades paralelas que se desenvolveron arredor do festival foron moitas e variadas. Victor Valente expuxo unha serie de fotografías dedicadas ao 25 de abril, instantáneas que el mesmo tirou polas rúas de Lisboa cando era estudante de teatro. Valente tamén estivo toda a fin de semana transmitindo en directo coa súa Rádio 1/4 Estúdio, ofrecendo información do festival e facendo entrevistas ás artistas.
A Alameda 5 de Outubro estivo rodeada de postos de artesanía, e os obradoiros de Chi Kung e Yoga enchéronse de participantes. Finalmente, o obradoiro de Arte Urbana consistiu en pintar un gran panel de bunho feito pola señora Natália, muller moi querida e habitual do festival que, nesta ocasión, non puido estar presente por motivos persoais.