in , ,

PLATTA en Arcos de Valdevez, “onde Portugal se fez”

Mar Fernández e mais eu recollemos aquí a viaxe histórica e teatral que foi o último encontro da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador

Associação de Teatro Amador de Lanheses
Associação de Teatro Amador de Lanheses.

En 1140-41, Arcos de Valdevez xogou un papel importante no que, finalmente sería, a independencia de Portugal. Despois de romper o Tratado de Tui (1137), D. Afonso Henriques invade Galiza. Ante este descaro, Alfonso VII de León e Castela recupera Galiza e entra en Portugal arrasando todo ao seu paso. O exército portugués agárdao en Arcos de Valdevez á beira do seu río. No encontro e, para evitar a perda de recursos humanos e económicos polo avance árabe, ambos líderes deciden facer un torneo no que loiten os mellores cabaleiros de ambos exércitos. A vitoria portuguesa daría lugar a un armisticio, considerado o precursor do Tratado de Zamora (1143), no que Alfonso VII recoñece o Reino de Portugal.

Na actualidade, as tres comunidades partícipes, reúnense nun pacífico “torneo”, chamado Encontro Transfronteirizo de Teatro Amador (PLATTA), en Arcos de Valdevez para seguir facendo e conquistar vínculos en harmonía e fraternidade entre ambas beiras do seu río.

Esta edición tivo un significado especial por ser a primeira vez que un grupo amador portugués organiza este evento. Lembremos que nas edicións anteriores as organizadoras foron dúas compañías profesionais: Comédias do Minho e Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana-TEIA (Teatro em Iniciativa Associativa).

Asociación Dramatúrxica Pico do Castro de Foz
Asociación Dramatúrxica Pico do Castro de Foz

O festival transcorreu entre os días 25 e 27 de outubro e foi organizado polo Grupo de Teatro do Vez con Margarida Dias, Albertina Fernandes e Victor Fernandes como estandartes, e coa axuda económica da Câmara. Á presentación asistiron os responsables das catro patas da PLATTA (GTV, FETACyL, FEGATEA e a erregueté), acompañados do Presidente da Câmara Municipal João Manuel Esteves, que eloxiou a unión entre pobos fronteirizos, e do director da Casa das Artes, Nuno Soares.

A continuación, a Associação de Teatro Amador de Lanheses (ATAL), pertencentes á dita freguesía de Viana do Castelo, subiron a escena coa comedia costumista De Dolores a Lola, un texto da actriz e dramaturga asturiana Laura Camafreita Beato galardoado co XXII Premio de la Crítica y de las Letras Asturianas 2023, da Asociación de Escritores de Asturias. Adaptado e dirixido por João Bartolomeu Amorim, a obra presenta un problema da sociedade actual: a dificultade de coidar unha nai maior que está disposta a entorpecer todas as decisións dos seus fillos.

Lectura dramatizada en castelán por portugueses
Lectura dramatizada feita en castelán por participantes portugueses

A primeira hora do sábado 26 deron comezo os ensaios dos tres grupos das lecturas dramatizadas, o obradoiro “Do jogo e da improvisação”, impartido polo actor de Comédias do Minho, Rui Mendoça e a reunión da Mesa PLATTA. Nesta mesa asinouse simbolicamente o novo convenio nos tres idiomas do que xa fora asinado na edición organizada pola FEGATEA no mes de xuño deste mesmo ano.

Lectura en galego por casteláns
Lectura feita en galego por participantes casteláns

Pola tarde, e antes da representación castelá-leonesa, Margarida Dias, excelente dinamizadora cultural, convidounos a dar un cálido paseo pola vila e coñecer un pouco máis a súa historia. Deste xeito, visitamos o Centro Ciência Viva dos Arcos-Oficinas de Criatividade Himalaya, un espazo dedicado á figura e legado dun dos maiores científicos e visionarios portugueses do século XIX, coñecido como Padre Himalaya, natural de Arcos de Valdevez e inventor do concentrador solar chamado Pirelióforo. Ao chegar á Biblioteca Pública Tomaz de Figueiredo fomos recibidos polo técnico e investigador da historia local, Francisco Araújo, inventor desa frase xa popular entre a poboación arcuense e máis aló: Arcos de Valdevez, onde Portugal se fez. Araújo amosounos as instalacións deste edificio histórico e tamén cousas curiosas como pode ser a utilidade dun ferro semicircular cravado na pedra do chan chamado “pé rapado”, que serve para limpar os baixos do calzado. Alí mesmo, a bibliotecaria Catarina Viana agasallounos cuns libros escritos pola investigadora, profesora e actriz do Grupo de Teatro do Vez, Albertina Fernandes. Outras instalacións, como a igrexa do Espírito Santo-Centro de Interpretação do Barroco, igrexa Matriz ou a da Lapa, o Pelourinho, o reloxo de auga, ou as numerosas pinturas murais de arte urbana, algunhas con releve de aspecto tridimensional como o touro, aproximáronnos á visión do pasado e presente da vila.

Despois desta visita cultural, a Asociación Diamante Producciones de Castela e León, ofreceunos La escuela de los maridos, unha comedia costumista chea de burla e ironía escrita por Molière. Nesta observación social da época, o autor opón dous sistemas contrarios de educación: a rixidez moral do home con respecto á muller e a elección libre de amar.


Publicidade

Asociación Diamante Producciones. Castela e León
Asociación Diamante Producciones de Castela e León.

E xa estamos no domingo 27, último día deste encontro. A sesión matinal comezou coa exhibición de parte do contido traballado polas 7 persoas participantes no obradoiro “Do jogo e da Improvisação”. A continuación, deron comezo as lecturas dramatizadas nos tres idiomas. O texto escollido para a ocasión foi Sinfonía de color, da dramaturga madrileña Ana Díaz Velasco, escrito intencionadamente sobre Viana do Castelo, distrito ao que pertence Arcos de Valdevez.

Na lectura en galego de Sinfonía de cor, participaron Nati Tamame e Rafael González de FETACyL, dirixidas polo galego Pepe Prada. A lectura en castelán foi dirixida pola portuguesa residente en Valladolid, Diana Fonseca co elenco portugués composto por Kelly Petada, Adriano Amorim, José Filgueiras e Moisés Rebouco. Finalmente, a lectura en portugués de Sinfonia de cor foi dirixida polo portugués João Bartolomeu e lida polas actrices galegas pertencentes a FEGATEA, Milagros Otero Fariña, María del Carmen Fernández Carreiro e Pilar Bon Rodríguez.

Coloquio con Ana Díaz Velasco, autora de Sinfonía de color
Coloquio con Ana Díaz Velasco, autora de ‘Sinfonía de color’.

O acto rematou cun coloquio entre a propia autora, pois fomos agasallados coa súa presenza, e coas direccións das tres lecturas. Ana Díaz mostrou a alegría e o orgullo que lle provocou escoitar o seu texto nos tres idiomas e manifestou o enriquecedor que é ver un mesmo texto desde distintas perspectivas. Parte do público residente en Viana participou no coloquio, eloxiando a descrición tan acertada que ela fai da cidade a través das cores pinceladas nun cadro que un recoñecido pintor plasmou lembrando a súa infancia nesta localidade.

Despois da copiosa comida, momento de compartir sabores e grato conversar paseniño, fomos ver o espectáculo que daría fin a estes días cheos de arte, coñecemento e fruición entre as tres beiras.

O grupo de teatro da Asociación Dramatúrxica Pico do Castro de Foz, da Galiza, puña a terceira comedia en escena, Mal do miolo, na que aparecen dous personaxes singulares que nos poden situar nun contexto entre o cara branca e o augusto tradicional. O texto e dirección correu a cargo de Juan Villarino, un dos membros do grupo, que presenta a obra nun gabinete psicolóxico nunha sesión inicial entre un médico e o seu paciente. Nela vemos un psicólogo que vai perdendo a paciencia ante un doente que ten un complexo de Edipo tan grande que o propio Edipo recomendaría terapia. Nesta consulta tratan temas como a incomunicación na familia, as condicións sociais, a hipocrisía, a soidade ou a sexualidade.

A despedida significa o regreso a casa, a satisfacción de vivir unha nova experiencia que nos afirma como persoas dispostas a compartir novas vivencias. Agardamos, pois, unha nova experiencia vital en Castela e León no próximo mes de marzo.

Foto grupal de despedida
Foto grupal de despedida

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto de familia da primeira edición dos Premios Manu Lago do Circo de Galicia. Foto: Afonso Becerra.

Primeira edición dos Premios Manu Lago do Novo Circo Galego

Imaxe do espectáculo "Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos", de VACAburra. Fotografía de Manuel G Vicente.

E Q+?