O día 10 de decembro de 2024 foi un día histórico para as nosas artes escénicas. A Asociación de Profesionais do Circo de Galicia (APCG) celebrou a primeira gala dos Premios Manu Lago do Novo Circo Galego no Teatro Principal de Compostela, amosando a consolidación e o alto nivel artístico desta disciplina, na que Galiza é unha potencia.
Arrincan os Premios Manu Lago de Novo Circo Galego con tres categorías: Mellor Espectáculo de Circo de Rúa; Mellor Espectáculo de Circo de Sala; e o Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego, outorgado a algunha entidade, compañía, artista ou persoa polo seu labor de apoio, promoción e difusión do circo galego. Os premios son concedidos polas socias da APCG e nesta primeira edición xuntaron, como finalistas, compañías, artistas e asociacións con longo percorrido. Un dos puntais da gala foi que os espectáculos finalistas, en cada unha das categorías, presentaron 5 minutos, nunha demostración do mellor de cada peza.
O Premio Manu Lago de Recoñecemento do Novo Circo Galego foi para a Asociación Circo Nove de Compostela, a nave na que teñen escola, espazo para residencias e ensaios e outros eventos, desde hai vinte anos. Tamén estaban de finalistas Pista Catro S.L., unha das compañías máis veteranas e a Asociación coruñesa Manicómicos.
Na categoría Mellor Espectáculo de Rúa gañou Circanelo da Cía. N+1 de Alfredo Pérez Muíño, artista cunha grande experiencia que, nesta peza, nos trae un clown de estética Charles Chaplin que, en vez de falar, asubía e nos fai rir e abraiarnos ao mesturar humor branco coa calidade de danza acrobática.
Na tríade finalista tamén estaban Hoxe si, de Marta Sempre Arriba, no que a artista fai figuras e movementos incribles subindo e baixando por unhas teas, ao ritmo de temas musicais de éxito, deses que transmiten grande forza e optimismo.
A outra finalista era A vida tola de Natalia Outeiro “Pajarito”, a grande mestra do clown, cun espectáculo divertidísimo no que ironiza sobre os clixés da muller guapa, atractiva e exitosa.
O gañador ao Mellor Espectáculo de Sala foi Orquestra de Malabares de Pista Catro S.L., un traballo de longo percorrido polo mundo adiante, no que asistimos a combinatorias preciosas de malabares, nunha musicalidade en diálogo con bandas de música municipais dos lugares nos que actúan.
Na tríade de finalistas estaban SÓ de Xampatito Pato (Xampi), coa filigrana malabar feita con caixas, e SOLO de Roi Borrallas, coas súas transformacións alucinantes, manipulando unha especie de espuma branca enriba da cara e da cabeza. Espectáculos todos eles que tiveron moitas actuacións e recolleron grande éxito.
A gala serviu para honrar a memoria dun dos artistas que máis fixo pola consolidación do novo circo en Galiza, o pallaso e malabarista Manu Lago (Manuel Lago García), falecido en 2018. Puidemos ver vídeos de diferentes momentos da traxectoria portentosa deste rapaz, artista e activista circense, dos primeiros en marchar a facer os estudos superiores de circo en Londres e volver a Galiza, para botar a andar múltiples iniciativas que foron moi importantes para o despegue das artes circenses no noso país.
Os premios entregados son pequenas esculturas que lembran a Manu Lago, creadas pola artista plástica Raquel Germade.
Na gala interviñeron, por parte da Agadic da Xunta, Fran Núñez, o director do CDG, institución que presenta unha nova produción de circo, dirixida por Pablo Reboleiro, en 2025, a deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, que manifestaron o seu apoio ás reivindicacións do sector. Goretti Sanmartín puxo de relevo o valor engadido para Compostela e para o país que achega o circo galego, caracterizado non só pola mestura das súas disciplinas clásicas coa danza, o teatro e o cabaré, senón tamén pola lingua e por un humor galegos.
Durante a gala, dirixida por Antón Coucheiro, as presentadoras e os presentadores fixeron números de maxia e de humor, entraron no palco descendendo das alturas, metamorfoseándose nun globo enorme etc. Tamén desfrutamos dos malabares co número das dagas e con Fran Núñez, o director do CDG, no medio, como voluntario. Foi unha primeira edición divertida, chea de emoción e abraio, grazas ao aire desenfadado e á calidade obxectiva que requiren moitas das disciplinas das artes circenses.