in

Henrique Harguindey Banet in memoriam

Henrique Harguindey Banet na 40ª MITCF de Cangas do Morrazo. Foto: Diego Seixo.
Henrique Harguindey Banet na 40ª MITCF de Cangas do Morrazo. Foto: Diego Seixo.

Esta semana morreu Henrique Harguindey Banet (Lugo, 1946 – Cangas do Morrazo, 2024), unha persoa fundamental para o teatro galego. Un activista da lingua e da cultura galegas desde neno, tal cal expón na biografía que se pode ler na súa páxina web palabrasdesconxeladas.gal.

Sempre que ía ao teatro en Cangas, encontrábao a el e a Maruxa Barrio, a súa muller. A derradeira vez que o vin en persoa foi na estrea de As gardiás, ou o nó do tecelán de Nasser Djemaï de Teatro de Ningures, que el mesmo traducira do francés. Igual que tiña traducido pezas contemporáneas de Wajdi Mouawad (Arelantes) ou de Bernard-Marie Koltès (A noite xusto antes dos bosques | Combate de Negro e de cans) e unha morea de obras clásicas de Molière, Ionesco, Labiche etc., comezando, quizais, coa publicación en 1981, nos Cadernos da Escola Dramática Galega, que dirixía Francisco Pillado Maior e coordinaba Manuel Lourenzo, d’O estraño cabaleiro de Michel de Ghelderode e, despois, en 1989, nestes míticos cadernos, do Ubú Rei de Alfred Jarry. Digo míticos porque, por aquela altura dos anos 80, apenas se publicaban textos teatrais en lingua galega e aqueles Cadernos da Escola Dramática Galega, desde 1978, ao longo dos seus 105 números até 1994, foron unha fonte moi relevante.

Henrique Harguindey era coñecido e apreciado alén de Galiza, de feito, nas primeiras veces que fun aos actos do Premi Born de Teatre do Cercle Artístic de Ciutadella de Menorca, Josefina Salord Ripoll, coordinadora científica do Institut Menorquí d’Estudis (IME) entre 2013 e 2020, falábame del cun grande sorriso e con moito agarimo. Galiza non é só un lugar, sobre todo é unha cultura, unha lingua e até un xeito de ser e pensar. Quen queira coñecela non o vai facer a través do turismo, senón de persoas profundamente cultas e enraizadas como Harguindey. Diso é do que me decatei non só falando con Fina Salord, senón vendo como se lle iluminaba a cara e como lle brillaban os ollos mentres lembraba a Henrique.

Nesa construción do que somos, Harguindey foi un incansable traballador, recollendo, xunto a Maruxa Barrio, a súa dona, contos populares e xerando materiais pedagóxicos e lúdicos para que as crianzas puidesen medrar na nosa lingua: “Partiamos dunha necesidade vivida cal era fornecerlle ao noso fillo, que entón andaba na etapa da primeira linguaxe, unha presa de cancións e enredos en lingua galega, sen os que se vería abocado a non ter outra alternativa que o “material” en castelán, fundamentalmente propagado pola televisión, a través de emisións infantís e debuxos animados, as máis das veces cursis e alleantes. Tratábase, pois, de non illar unha parcela importante do desenvolvemento do neno, a lúdica, da expresión lingüística súa naquel intre.”, tal cal explican, Maruxa máis el, na introdución do libro Lerias e enredos para os máis pequenos, publicado pola Editorial Galaxia en 1983.

Che Mariño, presidenta de Xiria e tesoureira da Asociación Cultural Entre Bambalinas que publica esta revista, coñeceuno desde que era unha meniña, porque Henrique e o pai de Che eran militantes de esquerda na época franquista. Che coméntame que Henrique era un home moi culto ao que lle podías preguntar sobre calquera cousa. En boa parte, a consciencia política da miña amiga Che débese ao pai, que pertencía a comisións mariñeiras na época de Franco. No fallado da súa casa escondían xente que escapaba da persecución do réxime franquista, moitos eran amigos de Harguindey, militante de Esquerda Galega.

Che cóntame que Henrique era profesor do Instituto María Soliño de Cangas e que era un dos fundadores e o socio número un da asociación cultural Xiria, organizadora de innúmeras actividades nos oitenta e noventa, impulsora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF).

Moito antes, en 1963, Harguindey tamén fora un dos fundadores, na Coruña, da Agrupación Cultural O Facho, que xurdiu como un colectivo de defensores da lingua galega e que permitiu un primeiro desenvolvemento político organizado contra a Ditadura. O Facho fixo cursos de lingua galega, un grupo de teatro que levaba Manuel Lourenzo, o primeiro certame de banda deseñada de Galiza e, en 1968, estableceu un premio de literatura infantil e xuvenil.


Publicidade

Che Mariño lémbrame que Harguindey foi tamén un dos impulsores da “Comedia bárbara. Maratón de lectura de Valle-Inclán en galego” en 1998, fronte a decisión de Manuel Guede Oliva de que o Centro Dramático Galego (CDG), institución da que era director por aquel entón, producira un espectáculo en castelán. Así, baixo o lema xeral de “Comedia bárbara”, presentaban un maratón que incluía a lectura pública da tradución ao galego dos catro textos de Valle-Inclán que escollera o CDG para a súa montaxe: A testa do Bautista, traducido por Manuel Rivas e Dolores Vilavedra; O enmeigado, traducido por Henrique Harguindey e Xosé Manuel Pazos Varela; As galas do defunto, traducido por X. L. Méndez Ferrín; e Ligazón, traducido por Manuel Lourenzo. Aquela lectura estreábase no Casino de Santiago, coincidindo coa estrea da montaxe en castelán do CDG e despois realizábase nas distintas cidades e vilas en paralelo á xira do espectáculo.

Harguindey ten apoiado a erregueté desde os inicios, mesmo antes de chamarse Revista Galega de Teatro, e colaborado en moitas ocasións, a última foi no número 105 de 2023 co artigo “Xiria e teatro! Outros 40 máis!”, no que temos o privilexio de ler a historia da MITCF de Cangas por un dos seus primeiros artífices.

Nos últimos tempos, dime Che Mariño, Henrique discutía moito co Servizo Galego de Saúde, porque non lle daba os informes en galego. Non obstante, di Che: “Nunca lle oín unha mala palabra con ninguén. Sempre cariñoso.” E eu retrúcolle que si, que a min tamén me chamaba moito a atención o seu talante cordial e que sempre pasase como desapercibido, pero que me estrañaba que unha persoa tan activista e con tanta conciencia política non tivese ningunha liorta ou ningún tirapuxa. E Che di: “Todo o mundo dicía que el non triunfaba porque que era demasiado bo para ser político. […] Estaba moi preocupado pola lingua, esa foi unha das súas grandes loitas. […] Nas reunións el sempre tiña ideas e propostas e, despois, sen facer ningún ruído aparecía co traballo feito.”

Ímolo botar moito de menos!

Foto publicada por Xosé Manuel Pazos Varela no seu Facebook, acompañada do seguinte texto: “A mediados dos anos setenta do século pasado, empecei a miña andaina político-social-cultural (que todo ía ligado). A principios dos oitenta comezou o meu achegamento á política municipal. E o ano ano 1990 entrei no Concello co maxisterio dun crac como Henrique Harguindey (que gran Alcalde perdeu Cangas) e a campañía doutro crac como Alfonso Marcos.Os tres (na foto) e máis o amigo Pepe Penelas fixemos parte daquela Comisión Xestora que gobernou Cangas ano e medio.”
Foto publicada por Xosé Manuel Pazos Varela no seu Facebook, acompañada do seguinte texto: “A mediados dos anos setenta do século pasado, empecei a miña andaina político-social-cultural (que todo ía ligado). A principios dos oitenta comezou o meu achegamento á política municipal. E o ano ano 1990 entrei no Concello co maxisterio dun crac como Henrique Harguindey (que gran Alcalde perdeu Cangas) e a campañía doutro crac como Alfonso Marcos.Os tres (na foto) e máis o amigo Pepe Penelas fixemos parte daquela Comisión Xestora que gobernou Cangas ano e medio.”

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Berro' de NGD

Antoloxía de Nova Galega de Danza no Teatro Colón da Coruña en xaneiro