in , ,

A 41ª MIT de Ribadavia xa ten datas, lema e liñas de programación

Vén de convocar tamén as bases do 20º Premio Abrente de Textos Teatrais

Castelo MIT, noite con público. Imaxe Rosinha Rojo
Imaxe do Auditorio Rubén García do Castelo, durante unha función unha edición da MIT de Ribadavia. Foto de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia.

A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, vén de fixar as datas para a súa 41ª edición. O festival, consolidado como unha das citas imprescindibles en Galicia no panorama das artes escénicas contemporáneas, desenvolverase do 18 ao 26 de xullo de 2025.

A Mostra está a iniciar unha nova etapa, tralo nomeamento de Sabela Mendoza como directora artística e Gena Baamonde como directora adxunta. Esta nova dirección ten como obxectivo “consolidar a MIT como un referente cultural colectivo, promovendo un modelo de festival que funcione como motor de apoio á creación, á diversidade e á pluralidade escénica”. A súa aposta quere centrarse na “renovación e no fortalecemento da identidade do festival, garantindo a súa conexión co contexto teatral contemporáneo e co público”.

Ademais, a nova proposta de dirección artística, segundo explican Mendoza e Baamonde, quere “dar continuidade e ampliar os valores e liñas de acción habituais do festival, combinando experiencia, tradición e vangarda”. Dese xeito, a programación deste ano “incluirá nomes internacionais de referencia, hibridación de linguaxes, talento galego emerxente e consolidado, coproducións, residencias, premios e actividades paralelas”.

O lema escollido para esta edición, “Escenas en tránsito”, pon o foco “en propostas que exploran a mobilidade entre linguaxes, corpos e territorios”. Algunhas das liñas de programación que guiarán esta edición son “O indómito”, para as creacións “que emerxen nas fisuras, nas fendas”; “Laboratorios do presente”, que acolle aquelas propostas “que traballan pensando no hoxe dende perspectivas da complexidade, da relación dos sistemas de representación e réximes sensibles”; “Constelacións”, que engloba “aquelas pezas ou traxectorias que traballan en relación a outras obras ou xenealoxías, tándems creativos, as historias dos colectivos e das agrupacións”; “Corpos en tránsito”, para as creacións “que falan de mudanzas, de transicións…”; e as “Cartografías do xesto”, para propostas “que trasladan paisaxes e poéticas á escena”.

“Formulamos esta proposta co desexo de seguir facendo da MIT un festival internacional de referencia para as artes escénicas contemporáneas, unha cita cultural de orgullo colectivo, para a cidadanía de Ribadavia e para a sociedade galega en xeral, e un contexto artístico de primeiro nivel que celebra a pluralidade e a diversidade”, destacan tamén Sabela Mendoza e Gena Baamonde arredor das liñas de acción que están a acometer dende que asumiron a dirección artística do festival.

A MIT, segundo sinalan, apostará, xa que logo, “pola mellor creación galega e internacional, incorporando novos nomes e figuras establecidas do panorama escénico, ligando memorias e legados a novas dramaturxias e promovendo a mestura e hibridación de estilos e formatos para superar fronteiras artísticas”. Ademais da exhibición de pezas escénicas, a MIT estenderá o seu impacto “a iniciativas que fomenten a creación, a produción e o diálogo entre profesionais e público, reforzando a súa posición como axente dinamizador da cultura”.


Publicidade

Ademais, o festival procurará ter unha presenza continua no sector. “A MIT é un festival que non se limita ás súas datas de celebración, senón que reivindica e celebra a súa existencia como axente cultural e dinamizador tanto da comunidade artística e profesional como para a sociedade en xeral”, tal e como engadiron Mendoza e Baamonde.

 

20ª edición do Premio Abrente de Textos Teatrais

As bases do Premio Abrente de Textos teatrais de 2025 veñen de ser tamén publicadas polo Concello de Ribadavia que, a través da MIT, convoca a que é xa a súa 20ª edición, un certame consolidado como un dos principais referentes da dramaturxia en galego.

A persoa gañadora recibirá un premio de 4.000 €, ademais da publicación do texto e a posibilidade de apoio para a súa posta en escena, dependendo das posibilidades e dos intereses do autor ou autora premiada.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Incorporea2 SueviaRojo ©MiguelAngeloFerraz

O Colectivo RPM desvela o nome das persoas seleccionadas para as Residencias Paraíso 2025

Foto: Cía. Martaalonsotejada

Marta Alonso Tejada estrea a nivel estatal Dance Join