in ,

Como deseñar experiencias escénicas inclusivas e accesibles

Crónica da xornada profesional de Escena Galega

Xornada profesional Escena Galega
A xornada contou con interpretación en lingua de signos. Foto de Miguel Lamas.

Un espazo no que reflexionar, conversar, compartir recursos, dúbidas e experiencias e establecer liñas de acción arredor de temas de interese para o sector. Así son concibidas as xornadas profesionais que a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, celebra cada ano de xeito estable dende hai máis de quince anos. Este ano desenvolveunas arredor de cuestións tan necesarias como o son a accesibilidade e a inclusión nas artes escénicas, e fíxoo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que acolleu o evento no salón de plenos do seu Pazo provincial o pasado 17 de xuño, dentro da vontade da asociación de descentralizar as súas actividades.

A xornada, que contou con interpretación en lingua de signos, desenvolveuse baixo o título “Accesibilidade e inclusión nas artes escénicas: construíndo experiencias accesibles desde o primeiro clic ata a butaca”, e dividiuse en dúas partes. Pola mañá acolleu a presentación de relatorios e experiencias e en horario de tarde impartíronse dous obradoiros prácticos.

Temas para abordar de xeito colectivo

A xornada inaugurouse coa benvida institucional de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e de Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega. De Lorenzo deu comezo ao acto poñendo en valor que o que se procura con estas xornadas é “afondar en temas que hai que abordar colectivamente, compartindo experiencias, opinións e dificultades”, e “sacar ferramentas para seguir traballando e mellorando, neste caso, na inclusión e na accesibilidade”. Deseguido, Luís López aproveitou a súa intervención para destacar o labor do deputado de Cultura, Jorge Cubela, e o seu equipo, no impulso desta área por parte da Deputación e para facer fincapé tamén na súa vontade “descentralizadora”, para achegar as actividades culturais a toda a provincia, tanto ao eido urbano como rural. En relación co campo das artes escénicas, quixo mencionar e destacar tamén o programa +Escénicas, que crearan coa axuda de Escena Galega e que está agora a desenvolver a súa segunda edición.

Luis López durante a súa intervención na xornada
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, durante a súa intervención na xornada. Foto: Miguel Lamas.

Canle de comunicación e banco de recursos

Foi tamén Patricia de Lorenzo quen abriu ás dez e media a sesión da mañá cun relatorio arredor do grupo de traballo sobre inclusión e accesibilidade de Escena Galega, para amosar o labor que están a facer e os obxectivos que perseguen. Explicou que o grupo foi creado por tres compañías (Grupo Chévere, Os Náufragos Teatro e A Panadaría) “que tiñan xa algunha experiencia dentro da creación escénica próxima á accesibilidade e á inclusión; ben porque fixeran espectáculos nos que incluíran persoas con diversidades funcionais e discapacidades concretas no campo da inclusión e accesibilidade; ben porque incorporaran nas súas creacións medidas de accesibilidade para o público asistente”. Contou que naceu “a partir do contexto legal que arrancou no ano 2023”, facendo mención ao Real Decreto 193/2023, do 21 de marzo, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos bens e servizos a disposición do público, e á Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Dende o grupo procuraron, entre outros obxectivos, “crear e ser unha canle de comunicación co resto de compañías” e promover a formación arredor destas cuestións, algo que lles parece “básico e fundamental”. Seguindo esa liña, organizaron, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), unha primeira xornada que se celebrou o pasado 30 de abril na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e que levaba por título Accesibilidade e inclusión: visibilizar, sensibilizar, formar e compartir. Nela facían “un achegamento máis xeral ao mundo da inclusión e das distintas discapacidades e accesibilidades”, e de aí xurdiu un material que están a recoller nun documento. Este, segundo valorou, é “fundamental para poder elaborar guías”, que serán “de grande utilidade para as compañías”. Ademais, contou que ese encontro lles serviu tamén para facer diagnose e para empezar a percibir se hai e cales son as dificultades, reticencias, intereses e necesidades dentro do sector para facer un traballo escénico accesible e inclusivo.

Esta segunda xornada, do 17 de xuño, foi o seguinte paso, co obxectivo de afondar nalgunhas das cuestións concretas que se abriran naquel primeiro encontro e abordar casos concretos, como, sobre todo, o das discapacidades visuais; “para coñecer os colectivos de primeira man e ver que ferramentas de accesibilidade se poden aplicar tanto nos espazos como dende as compañías”.

Patricia de Lorenzo nas Xornadas Profesionais de Escena Galega
Patricia de Lorenzo fixo un relatorio arredor do grupo de traballo sobre inclusión e accesibilidade de Escena Galega. Foto de Miguel Lamas.

Outro dos obxectivos deste grupo é crear un banco de recursos, como unha especie de “directorio aberto de entidades e profesionais do ámbito da accesibilidade e da inclusión que poidan tamén dotar de servizos ás compañías”; así como de guías ou outros materiais. Puxo algúns exemplos, como as guías de accesibilidade da CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas), ou a do proxecto europeo On Stage; ou entidades como a ONCE, FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia), COGAMI, Dano Cerebral Galicia, Autismo Galicia, Asociación Lectura Fácil, entre outras. A presidenta de Escena Galega avanzou tamén que dende o grupo de traballo sobre accesibilidade e inclusión foron impulsando a creación dalgúns documentos en complicidade con profesionais especialistas nese campo, e que xa se puxeron en marcha tamén para facer unha guía, que están a elaborar “con todas as prudencias e con humildade”.

En primeiro lugar o que abordaron foi un “glosario” para saberen de que se estaba a falar, a que persoas se estaban a referir e que termos eran os máis axeitados para empregar en cada contexto. Para afondar nesta cuestión, Patricia de Lorenzo fixo un breve percorrido polas diferentes discapacidades, de tipo cognitivo, físico e sensorial, e polas persoas beneficiarias das medidas de inclusión e accesibilidade. Deseguido, pasou a tratar algunhas das medidas que se poden tomar (sinalizacións podotáctiles, sinaléctica, acceso de cans guía, persoal de apoio, audiodescricións, visitas táctiles; contidos web e de redes sociais, carteis, programas de man e outros materiais de mediación e de comunicación accesibles, bucle magnético na sala e no despacho de billetes, avisos luminosos, sobretitulado oficial, incorporación da lingua de signos, amplificación de son, reserva de localidades accesibles, zonas de descanso, funcións relaxadas ou descontraídas…), detallándoas por colectivos, e distinguindo a quen correspondería aplicalas, se ao espazo de representación, se á compañía ou se a ambos.

Fixo fincapé tamén na diversidade que existe dentro de cada colectivo e na importancia de que haxa unha boa comunicación entre as compañías e os teatros e demais espazos de representación, especialmente no relativo a medidas que se poden desenvolver en colaboración, como os sobretitulados, para facer “un traballo coidado”. Para iso tamén explicou que é necesario que as dúas partes fagan “un plan de accesibilidade”, que debe ser “aberto e flexible”, e para o que teñen que contar “cun orzamento específico” (no caso das compañías, integrado dentro do propio plan de produción do espectáculo en cuestión).

Por último, Patricia destacou tamén a importancia de que na escena galega se creen compañías profesionais de teatro inclusivas e “que haxa realmente unha incorporación profesional de persoas diversas, con discapacidades de todo tipo; que non só no público que vai ao teatro senón tamén no escenario empecemos a ver outro tipo de perfís”. Ao remate do relatorio, varias persoas asistentes comentaron ou formularon algunhas cuestións a partir da mesma, antes de que se dese paso á seguinte actividade da sesión.

Experiencias diversas

Noelia Castro, vicepresidenta de Escena Galega, tomou o relevo da man de Patricia de Lorenzo; no seu caso para moderar un coloquio con representantes de compañías de artes escénicas que traballan en accesibilidade e inclusión, para que compartisen as súas experiencias. As persoas participantes foron Paqui Romero, creadora, docente e coordinadora na compañía andaluza Danza Mobile; Fran Rei, codirector do espectáculo inclusivo Nada se sabe, coproducido por Culturactiva e o Centro Dramático Galego; e David Ojeda, director da compañía madrileña Palmyra Teatro.

David Ojea, Fran Rei, Paqui Romero e Noelia Castro. Foto de Miguel Lamas.
David Ojea, Fran Rei, Paqui Romero e Noelia Castro. Foto de Miguel Lamas.

Foi Paqui Romero quen iniciou a rolda de intervencións presentando as liñas de acción de Danza Mobile, que é unha escola de danza, un centro de creación e unha compañía profesional para persoas con discapacidade intelectual. Explicou que o proxecto sempre se definiu como “un lugar de encontro entre arte e diversidade”, xa dende a súa fundación nos anos 90 do século pasado, a partir do convencemento de que a diversidade “non é só unha fonte de enriquecemento social, senón tamén para o feito escénico”, e que todas as persoas “deben ter un acceso igualitario a unha formación profesional, neste caso en artes escénicas”. Deseguido, Romero fixo un breve resumo da evolución do proxecto, salientando a importancia que tivo e ten nel que as persoas que impartisen formación no centro de creación fosen “profesionais en activo cunha traxectoria na materia”.

Na compañía procuran” visibilizar a diversidade dentro da escena”, algo que non resultou doado. “Se xa no imaxinario colectivo era complicado entender que as persoas con discapacidade podían ser participantes de cultura, facer que se comprendese que fosen axentes de cultura e, ademais, profesionais diso, foi verdadeiramente difícil”, explicou. “Se entrar nas programacións xerais é complicado, facelo dende unha compañía de danza ou teatro inclusivo é máis difícil aínda, porque parece que só é posible moverse nos circuítos de arte e discapacidade”, engadiu.

En relación con iso compartiu que, entre os diferentes premios que recibiron ao longo da traxectoria do proxecto, o máis importante foi o Premio Escenario Sevilla ao mellor intérprete que recibiu Helliot Baeza, un dos bailaríns da compañía, pois foi “un recoñecemento que estaba totalmente fóra do que son os circuítos de danza e discapacidade e do carácter social, e foi un premio ao mellor intérprete de Sevilla en danza contemporánea en 2018”.

Outras das liñas de acción de Danza Mobile son o taller de artes plásticas Artemobile e o festival Escena Mobile, que organizaron dende o 2007 ata o ano pasado, como espazo de encontro e de visibilización do traballo das compañías, aínda que explicou que este ano non o van poder facer “por non contaren cos medios necesarios para garantir un trato económico e de recursos digno para os artistas”. Explicou tamén que traballan moito a accesibilidade dos intérpretes dentro do escenario e pechou a súa intervención dando paso a un vídeo de presentación do traballo da compañía.

A segunda intervención foi a de Fran Rei, quen preferiu poñer en primeiro lugar un vídeo-resumo do espectáculo Nada se sabe, para despois afondar no proceso de produción e creación do mesmo, dende a primeira proposta que fixo o Centro Dramático Galego a Culturactiva, para desenvolveren un proxecto con intérpretes con discapacidade tomando como punto de partida un texto dun autor clásico galego. Rei explicou que, a pesar de teren experiencia en proxectos de inclusión a través das artes vivas, non aceptou a proposta no momento, senón que comezou primeiro unha serie de conversas con diferentes colectivos. Estes transmitíronlle que era necesario que desenvolvese o proxecto, sobre todo porque ía supoñer cumprir dous obxectivos moi importantes: “que houbese unha preocupación polas medidas de accesibilidade, como así foi, e que incidise moito na visibilidade da discapacidade”. Co aval deses colectivos, dende Culturactiva aceptaron levar adiante o proxecto.

Contou que a finais de 2023 organizaron un obradoiro extensivo, ao que convidaron “a boa parte dos colectivos de persoas con discapacidade, tanto cognitiva, como sensorial e de mobilidade” e que serviu para facer “un casting para quedaren coas catro persoas que finalmente realizaron o espectáculo”.

En marzo de 2024 fixeron un segundo obradoiro no que se preguntaron que querían facer coa posta en escena, e aí xurdiu “a gran dúbida de se falaren de discapacidade no espectáculo ou non”. Despois de debatelo, pasaron dun non rotundo a un si rotundo. “Decatámonos de que era a nosa misión falar de discapacidade”, resumiu Fran Rei, quen tamén explicou que nun primeiro momento escolleran un texto dun filósofo galego do século XVI, Francisco Sánchez, pero logo de falaren con Manuel Lourenzo, que estaba a traballar na adaptación do clásico grego de Filoctetes, decidiron empregar este outro texto como detonante do proceso.

Por último, detallou as medidas de accesibilidade que se incorporaron no espectáculo: “unha intérprete en lingua de signos en escena durante todo o espectáculo, como unha actriz máis; unha visita táctil para persoas cegas, dinamizada por Corina Mañá, unha das actrices do espectáculo; un servizo de audiodescrición, grazas á colaboración da delegación territorial da ONCE en Galicia; un programa de man en braille; e tamén un programa de lectura fácil avalado pola asociación ASPAMITE de Teo”.

Fran Rei nas Xornadas Profesionais de Escena Galega
Fran Rei afondou no proceso de produción e creación do espectáculo ‘Nada se sabe’. Foto de Miguel Lamas.

David Ojeda pechou a rolda de intervencións reforzando a importancia da formación en accesibilidade e inclusión, e poñendo en valor que dende a antigüidade “a cultura das artes escénicas bebeu da diversidade”, lembrando o caso de personaxes como Casandra ou Tiresias, ou mesmo a estética das vangardas, así como a importancia do xogo cos límites para a evolución das artes vivas. “A arte da discapacidade é a arte da diversidade e constitúe a base das artes escénicas”, defendeu.

Ojeda quixo compartir cales foran os seus inicios no eido das artes escénicas inclusivas nos anos noventa do século pasado, a partir da fundación da compañía inclusiva de teatro e danza El Tinglao, da que formou parte ata o ano 2005, e explicou que aínda que haxa proxectos lexislativos nos diferentes niveis administrativos e territoriais que os impulsen, ao final “son as persoas as que fan os cambios”.

Tamén compartiu a súa experiencia como docente de Dirección Escénica en centros de formación artística superior (actualmente na RESAD de Madrid), e celebrou como se foi avanzando en inclusión e accesibilidade e que agora poida haber persoas con discapacidade formándose no territorio das artes vivas, pero tamén sinalou que hai que seguir avanzando para que as persoas con discapacidade intelectual poidan acceder aos estudos superiores de Arte Dramática.

A continuación, abordou a súa experiencia como director da compañía inclusiva Palmyra Teatro, que aposta pola creación escénica contemporánea “incorporando intérpretes con calidades diversas”, e tamén polo deseño accesible dos seus espectáculos. Fixo fincapé en que este último “ten que ser un deseño máis” dos que entran en calquera creación escénica, sexa do xénero que sexa. Nese senso, explicou que na RESAD ensinan accesibilidade ao alumnado de Dirección Escénica e Dramaturxia, “algo que evidencia a transformación que se está a producir e que son as persoas as que moven as súas contornas”; defendendo que a este cambio “se deben seguir sumando os espazos de creación e exhibición, e a sociedade en xeral, para impulsar a accesibilidade e deixar de segregar as persoas diversas”.

David Ojeda nas Xornadas Profesionais de Escena Galega
David Ojeda compartiu a súa experiencia como director de Palmyra Teatro. Foto de Miguel Lamas.

Despois da rolda de intervencións, Noelia Castro quixo formularlles ás tres persoas convidadas varias cuestións arredor das súas experiencias, para xerar un pequeno faladoiro entre elas e coas persoas asistentes á xornada. A primeira delas xirou arredor das principais dificultades coas que se atoparon traballando no contexto das artes escénicas inclusivas e accesibles e os principais avances.

Para Paqui a principal dificultade segue a ser “a mirada cara á diversidade e o trato aos artistas con discapacidade, máis aló de todas as barreiras arquitectónicas e dificultades de accesibilidade das salas”, aínda que si que aprecie unha certa vontade de cambio nos últimos anos. Nesa liña, sinalou que non existen as medidas de accesibilidade necesarias para que as persoas con discapacidade poidan acceder á formación artística regrada. A isto David Ojeda engadiu que esa falta de formación artística regrada fai que artistas profesionais non poidan acceder a determinados circuítos de programación que a esixen entre os seus requisitos.

Paqui Romero nas Xornadas Profesionais de Escena Galega
Paqui Romero presentou as liñas de acción de Danza Mobile. Foto de Miguel Lamas.

Fran Rei, pola súa parte, falou das dificultades coas que se atopou á hora de incorporar artistas con discapacidade dende o eido amador ao profesional, abrindo un tema de debate ao que se incorporaron David Ojeda e Paqui Romero, e no que afondaron nas dificultades administrativas e legais que xorden en termos de incompatibilidades e penalizacións á hora de contrataren persoas que están a percibir axudas de diferente tipo e grao a causa da súa discapacidade. Os tres incidiron en que as dificultades derivan do descoñecemento da realidade das artes escénicas por parte da Administración, que dificulta a incorporación profesional no mundo das artes escénicas das artistas con discapacidade, e David Ojeda aproveitou para facer un percorrido polos diferentes tipos de axudas e as posibilidades de contratación que permite cada unha.

O público tamén interveu durante a xornada
As persoas asistentes tamén interviron durante a xornada. Foto de Miguel Lamas.

Ojeda tamén incidiu en que o deseño de accesibilidade “é en si mesmo un deseño dramatúrxico, e debería ser abordado como tal”. Nesa liña, Noelia Castro dirixiu a conversa a tratar as posibles reticencias que poden xurdir á hora de que se incorporen medidas de accesibilidade nas artes escénicas, e cal é o impacto económico da aplicación das mesmas, e o director de Palmyra Teatro defendeu que non se trata dun “esforzo de custes”, senón dunha realidade de cambio da sociedade”, polo que se ten que abordar como un deseño fundamental na produción dun espectáculo, ou na programación por parte dun espazo. Fran Rei e Paqui Romero coincidiron en que se trataba de facer un cambio de mentalidade e de mirada. Rei quixo subliñar tamén a importancia de que as páxinas web e o resto de material comunicativo dos proxectos de artes escénicas sexan accesibles.

Outras cuestións que se mencionaron foron como afectan ou como son percibidas as medidas de accesibilidade polo resto da sociedade, que medidas deben recaer nas diferentes Administracións e nos espazos de exhibición e cales nas compañías, como se avalían as medidas que se están a aplicar ou con que dotación técnica teñen que contar os espazos de exhibición para garantilas.

Accesibilidade visual

A última actividade da sesión da mañá foi unha presentación sobre comunicación accesible titulada “Desde o primeiro clic ata a butaca: accesibilidade visual nas artes escénicas”, e que desenvolveron Pablo Vilariño Otero, instrutor de tiflotecnoloxía e braille na ONCE, e Julia Fernández-Nieto Pons, técnica de rehabilitación, tamén na ONCE. Tratouse dunha actividade que serviu de ponte entre a sesión da mañá e a da tarde xa que, ademais de compartiren a súa experiencia, formularon exemplos prácticos para achegar as persoas asistentes á realidade a que se estaban a referir.

Julia Fernández-Nieto Pons e Pablo Vilariño Otero, Foto de Miguel Lamas.
Julia Fernández-Nieto Pons e Pablo Vilariño Otero, Foto de Miguel Lamas.

Julia arrancou a súa intervención indicando que, dentro da discapacidade visual, “é correcto falar de persoas con cegueira total, de persoas con baixa visión e de persoas con discapacidade visual, así como de medidas de accesibilidade para persoas con discapacidade visual”; para despois facer un breve achegamento aos parámetros que se poden ver afectados (agudeza visual, campo visual, sensibilidade ou dificultade para diferenciar os contrastes ou as cores, cegamentos…) e poñer exemplos concretos dos problemas cos que se pode atopar unha persoa na recepción dun espectáculo, en función do parámetro ou parámetros que teña afectados, para analizar que medidas de accesibilidade se poden adoptar.

Para iso, quixo facer a distinción entre as medidas de accesibilidade do espazo e as do contido.  Entre as primeiras, destacou aquelas dirixidas a facer accesible a localización e tamén o acceso ao edificio (contrastes nos chanzos, bandas antiescorregantes, varandas, iluminación)…; e entre as segundas, a posibilidade de ofrecer a sinopse da obra en braille ou que a venda de billetes sexa accesible.

Deseguido, Pablo Vilariño pasou a explicar as dificultades coas que se pode atopar unha persoa con discapacidade visual á hora de mercar entradas en liña, xa que para que sexa accesible é preciso que todas as plataformas e ferramentas implicadas na venda sexan accesibles. Nese senso, fixo mención ao concepto de tiflotecnoloxía, e pasou a facer un achegamento ás principais ferramentas e recursos cos que pode contar unha persoa con discapacidade visual: lectores de pantalla, ampliadores de caracteres, dispositivos con braille (impresoras, teclados…), recoñecedores ópticos de caracteres, reprodutores-gravadores en formato Daisy, convertedores de texto a voz e aplicacións específicas para dispositivos móbiles (Google Lens, Be My Eyes, Seeing AI, Navilens, as gafas Ray-Ban con IA de Meta…) ou ordenadores; acompañando as súas explicacións de exemplos prácticos, que serviron tamén para detectar os problemas cos que se poden atopar estas ferramentas ao interactuaren con aplicacións ou páxinas web que non foron deseñadas dun xeito accesible.

Pablo Vilariño Otero
Pablo Vilariño Otero fixo un achegamento ás principais ferramentas e recursos cos que pode contar unha persoa con discapacidade visual. Foto de Miguel Lamas.

Para ir pechando a presentación, Julia fixo varias recomendacións á hora de xerar unha experiencia escénica accesible para unha persoa con discapacidade visual, e propuxo a organización dunha experiencia sensorial previa para coñecer as dimensións do escenario, como son os personaxes e os elementos que vai haber en escena…, sen deterse demasiado nisto, xa que o volvería a abordar e desenvolver na sesión da tarde.

Por último, Julia e Pablo fixeron varias dramatizacións co fin de orientar as persoas asistentes arredor de como dirixirse ás persoas con discapacidade visual e como asistilas. Realizáronas dun xeito ameno e distendido, a partir de visibilizar como non debe facerse para logo explicar como si se debe facer, en relación con como presentarse e identificarse, como dar indicacións e guiar…

Julia Fernández-Nieto Pons e Pablo Vilariño Otero.
Julia Fernández-Nieto Pons e Pablo Vilariño Otero desenvolveron varias dramatizacións. Foto de Miguel Lamas.

O deseño dun paseo táctil

Despois da pausa para un xantar compartido, comezou a sesión da tarde, que contou con dous obradoiros prácticos. O primeiro deles estaba orientado a deseñar un paseo táctil para persoas con discapacidade visual, e foi tamén impartido por Julia Fernández-Nieto Pons. A técnica de rehabilitación da ONCE explicou que non hai un único xeito de organizar unha experiencia sensorial e deu unhas claves para facelo. Como punto de partida recomendou ter claro o que se vai facer e pensar no acceso ao lugar onde se vai desenvolver a actividade, así como no percorrido que se vai facer nel e na saída, xa que a anticipación é “fundamental” para ter en conta as medidas de accesibilidade e seguridade. Nesa liña aconsellou valorar os obxectos que se van incluír no paseo táctil e onde e como se van dispor, coidando que o mobiliario sexa tamén accesible, e ver como guiar e explicar ás persoas participantes o que se vai facer.

Deseño dun paseo táctil na xornada Escena Galega
Julia Fernández-Nieto Pons guiou o obradoiro arredor de como deseñar un paseo táctil. Foto de Miguel Lamas.

Despois de establecer esas primeiras liñas dun xeito máis teórico, compartiu as claves para acompañar unha persoa con discapacidade visual do xeito máis seguro posible, para que despois as persoas participantes puidésemos aplicalas por parellas. Esa experiencia de acompañamento ou guía polo espazo, na que cada persoa da parella pasou polos dous roles (guiar e ser guiada), culminou nunha segunda actividade práctica. A persoa guiada, tras facer un percorrido polo espazo, cos ollos cubertos por un anteface e co acompañamento e guía da súa compañeira, foi levada ata unha mesa, arredor da cal se desenvolveu un paseo táctil. Cada persoa puido así vivir a experiencia de xeito práctico e valorar aqueles elementos que mellor contribuían á recepción e aqueles que a dificultaban.

As posibilidades creativas da audiodescrición

O segundo obradoiro da tarde impartiuno o actor, creador escénico e técnico especialista Borja Fernández, sobre como deseñar e implementar unha audiodescrición nun proxecto de artes escénicas. Entre as cuestións que abordou estiveron cales son as súas características básicas, como se pode integrar dentro dun proxecto, e as posibles fases que pode ter (xa que é diferente incorporala ao comezo que facelo a posteriori), cales son os elementos técnicos básicos que hai que ter en conta para abordar o seu deseño, cales son as posibilidades creativas que ofrece ou cales son os elementos tecnolóxicos básicos dos que hai que dispor para poder creala e poder aplicala nunha función… Fernández explicou tamén que cada espectáculo ten unha idiosincrasia propia que cómpre ter en conta e que a audiodescrición se debe adaptar a ela.

Borja Fernández na xornada profesional de Escena Galega
Borja Fernández guiou un taller sobre como deseñar e implementar unha audiodescrición nun proxecto de artes escénicas. Foto de Miguel Lamas.

Para apoiar o que estaba a explicar amosou numerosos e variados exemplos de audiodescrición de espectáculos, non só de proxectos nos que traballou el, como Helen Keller, a muller marabilla?, de Chévere, senón tamén de pezas doutras compañías e de xéneros diversos, antes de dar paso a unha actividade completamente práctica. Divididas en tres grupos, as persoas participantes no obradoiro desenvolveron varios exercicios dirixidos a deseñar unha audiodescrición para un par de fragmentos dun espectáculo achegado e escollido por elas mesmas (as tres montaxes coas que se traballou foron: Kyoki, de Elefante Elegante; Curva España, de Chévere; e Non pasarán, de Ártika Cía.).

Liñas de peche e apertura

Foi unha xornada que tratou a inclusión e a accesibilidade dende diferentes enfoques e abordaxes. Por unha parte, serviu para facer unha panorámica xeral dos diferentes tipos de discapacidades que hai e as medidas de accesibilidade que se poden adoptar en función de cada unha delas, así como algúns dos recursos dos que se pode dispoñer e das entidades coas que se pode contactar para facelo; por outra, para coñecer e aprender de experiencias concretas de profesionais que traballan de xeito directo na área da inclusión e da accesibilidade, e, por último, para achegarse á realidade das persoas con discapacidade visual e adquirir recursos prácticos básicos para poder xerar experiencias escénicas e arredor da escena que lles sexan accesibles. Ademais, o encontro espertou o interese e a vontade de seguir afondando nas cuestións abordadas, así como noutras que simplemente se bosquexaron, arredor da inclusión e da accesibilidade, para poder deseñar proxectos que en vez de levantaren barreiras, tendan pontes ás persoas con calquera tipo de diversidade ou discapacidade.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural. É a subdirectora da erregueté | Revista Galega de Teatro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alicia Wants, de Bengala Teatro

A novena edición do certame Metro Cadrado do FIOT xa ten finalistas

Areta Bolado

Areta Bolado será a nova Xograresa de Outono do FIOT de Carballo