“Transformar a cidade de Lugo nun espazo de experimentación e intercambio para a danza e as artes do movemento”. Con esa vontade veñen de convocar o Colectivo Glovo e a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, co apoio da Axencia Galegia das Industrias Culturais, as Ayudas INJUVE para la Creación Joven e a vicepresidencia da Deputación de Lugo, un ano máis, o programa de residencias Atopémonos Bailando. Poderanse presentar propostas para a súa cuarta edición ata o vindeiro 25 de marzo, a través do seguinte formulario.
Será entre abril e novembro de 2025, cando 11 creadoras e creadores desenvolvan proxectos en residencias en Lugo e en colaboración con centros de referencia en Portugal, España e Costa Rica. O obxectivo desta iniciativa é “acompañar os procesos creativos desde unha perspectiva de diálogo co contexto e co público, proporcionando espazos e tempos para a exploración do movemento como linguaxe artística”.
Vocación internacional
Nesta edición, seis das residencias terán lugar en Lugo, reforzando a cidade como un punto de encontro para a danza contemporánea. Ademais, cinco artistas serán seleccionados para intercambios internacionais con recoñecidas institucións, promovendo así novas conexións e oportunidades para a creación. Estes intercambios realizaranse en:
- Taller Nacional de Danza de Costa Rica
- Teatro Experimental Flaviense – Cine-Teatro Bento Martins (Chaves, Portugal)
- 33.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival (Almada, Portugal)
- Teatromosca – AMAS (Sintra, Portugal)
- Festival LaboXL – Gipuzkoako Dantzagunea (Donostia-San Sebastián, España)
O programa convida os artistas a compartir o seu traballo con diferentes comunidades a través de laboratorios, conversas abertas e mostras públicas, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de redes profesionais.