in ,

ButacaZero ensaia ‘Papagena’ coa que dan o salto á ópera electrónica

Papagena de ButacaZero e Iago Hermo

ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, leva inmersa dende hai unhas semanas nos ensaios de Papagena. A nova creación da compañía viguesa é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica.

A compañía, que xa dera a coñecer o proxecto durante as sesións pitching do Galicia Escena PRO, ensaia estas semanas, no Auditorio de Rianxo, esta ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outros clixés presentes no mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado: un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas por onde non adoita chegar.

Papagena conta coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo; mentres que a música electrónica orixinal é do propio Hermo. Ana Arteaga na escenografía e Diego Valeiras no vestiario completan o equipo técnico. Durante as últimas semanas, a compañía e o deseñador de vestiario mostraron algúns detalles do que será a nova produción.

 


Publicidade

Teatro textual, xestual e… agora unha ópera

Con esta nova ópera, a compañía ButacaZero mantén a súa aposta polo eclepticismo escénico, pois recordamos que a compañía mantén proxectos que pasan por distintas linguaxes escénicas e formatos. Ademáis, Carrodeguas e Castiñeira apostan pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da parella escénica é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptaron esta ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa tamén a espazos non convencionais para a súa representación, coa intención de chegar a público tanto adolescente como adulto de toda Galicia.

Papagena poderase ver, os días 2 e 3 de setembro a modo de pre-estrea, en Rianxo, localidade na que realizarán ensaios ao longo de todo o mes de agosto; mais a estrea absoluta chegará o 10 de setembro nas ruínas do convento de Santo Domingo en Pontevedra. Será o inicio dunha pequena xira no marco da programación cultural ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra, que levará a ópera ata localidades como O Grove (24 de setembro), Caldas de Reis (9 de outubro), Tui (21 de outubro), Gondomar (5 de novembro) ou Bueu (19 de novembro). O 29 de outubro a peza pasará tamén por Oleiros. Pero non serán estas as únicas vilas nas que se poderá desfrutar desta experiencia única e inmersiva; nas vindeiras semanas ButacaZero dará a coñecer novas datas por toda Galicia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Festaclown Vilagarcia 2022 Público vendo un espectáculo

O Festaclown de Vilagarcía arranca con éxito de público

Menu do dia ChamizoBelloVila

Menu-do día ǀ 39ª MITCFC