Edición de textos
A partir do número 8, a RGT comezou a editar, dentro da mesma publicación, textos dramáticos.
Inaugurou a colección 2132 un texto que nos ofreceu Roberto Vidal Bolaño cando lle comentamos o proxecto; a súa factura pode resultar dramaticamente heterodoxa xa que o propio autor o definiu como “fragmentos dun guión para un cómic”. Tamén de Vidal Bolaño é Memoria de mortos e ausentes, edición de Pedro P. Riobó, publicado nun número especial dobre que lle dedicamos.
Seguindo cos creadores galegos, apareceron textos, entre outros, de Euloxio R. Ruibal, Jenaro Mariñas do Val, Luísa Villalta, Manuel Forcadela, Xesús Pisón, Liño Braxe, Constantino Rábade, Raúl Dans, Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Pazos ou María Xosé Queizán. E, referíndonos a algúns dos máis novos, citaremos a Santiago Cortegoso, Vanesa Sotelo,Rubén Ruibal,Clara Gayo, Fernando Epelde ou AveLina Pérez.
Pero a nómina de autores publicados non ten fronteiras e a revista publicou traducións ao galego de dramaturgos internacionais tan significativos como os españois Juan Mayorga, Iztiar Pascual, Ernesto Caballero, Jerónimo López Mozo, Paloma Pedrero, José Ramón Fernández, Elena Cánovas, Yolanda Pallín, o mexicano Jaime Chabaud, o francés Michel Azama, o croata Asja Srnec ou os canadenses Suzanne Lebeau e Wajdi Mouawad.
Entre os autores internacionais, hai que destacar a especial atención que lle prestamos á edición de textos en lingua portuguesa como os de Abel Neves, Ricardo Cabaça, José María Vieira Mendes, Marta Freitas, Jorge Palinhos ou Joana Craveiro.
Premi Born
Aquí é necesario citar o acordo da RGT co Cercle Artistic de Ciutadella de Menorca, entidade que convoca anualmente o Premi Born de Teatre. Por medio deste acordo o Premio Born foi traducido por vez primeira ao galego na XXXI edición de 2006 (gañada por Carlos Be con Origami) e, a partir dese momento, todos os gañadores contaron con cadansúa tradución ao galego e edición na revista. Entre eles están Jesús Díez, Carles Batlle, Josep María Miró i Coromina, Lluisa Cunillé, Raúl Dans, Carles Mallol…
O Premi Born é así o único premio de teatro que aparece traducido nas catro linguas oficiais do estado español: galego, euskera, catalán e castelán. Esta circunstancia é sen dúbida un valor engadido para un galardón que xa está considerado como un dos máis prestixiosos e mellor dotados economicamente.
Cabe sinalar que este acordo converte a revista nunha fonte importante para que compañías galegas se acheguen a textos de dramaturxia contemporánea de calidade contrastada para levar á escena. Foi o que sucedeu con proxectos exitosos como O principio de Arquímedes, de Josep María Miró, levado á escena por Teatro do Atlántico e co que en 2016 acadou cinco galardóns dos Premios de Teatro María Casares. Casos como este fan visible o papel da revista como ferramenta para acolaboración directa coas compañías, ao ser un espazo de encontro e de circulación de ideas, propostas, iniciativas e traducións, facendo da revista un axente destacado no teatro galego.
Lista completa dos textos publicados pola erregueté ⇒
Máis sobre a erregueté | Revista Galega de Teatro:
- A Revista
- Edición de textos dramáticos
- Certame Galego de BD sobre teatro
- Fondo Teatral María Casares
- PLATTA
- Encontro Ibérico de Revistas de Teatro
- Difusión da dramaturxia contemporánea
- Formación de públicos
- Premios