O XLIII Premi Born de Teatro 2018 entregarase o 20 de outubro en Ciutadella de Menorca

O Premi Born de Teatre, un dos máis prestixiosos e o único cuxo gañador se publica nas catro linguas oficiais do estado –en galego, na erregueté | Revista Galega de Teatro– entregarase nunha cerimonia que terá lugar o próximo 20 de outubro en Ciutadella de Menorca.

 

Á XLIII edición do Premi Born presentáronse un total de 189 obras, unhas setenta menos que na edición anterior, que segue a ser a edición con máis obras presentadas da historia, seguida pola de 2015 na que se presentaron 239 obras. Destas 189 obras, un 90,47% proceden do ámbito estatal (maioritariamente de Cataluña e Madrid) e un 6,88% do ámbito internacional (Arxentina, EUA, Francia e México, entre outros). O 2,65 restante é de orixe descoñecida.

A preselección das obras levouna a cabo o licenciado en Dirección escénica e profesor do Institut del Teatre Rafel Duran; o licenciado en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre Iban Beltran; e a dramaturga e licenciada en Filoloxía Hispánica Rosa Molero. O seu labor consistiu en elaborar unha ficha valorando a calidade lingüística, temática e dramatúrxica de cada unha das obras presentadas.

O xurado está formado poli profesor da Universidade Toulouse-Le Mirail especializado en teatro catalán contemporáneo Fabrice Corrons; pola autora teatral e profesora de dramaturxia no Institut del Teatre e na Escola Superior de Coreografía de Barcelona, Victoria Szpunberg; por Tomàs Mestre, director de teatro de Alacante; polo director escénico e artístico Salva Bolta; e pola doutora en Filoloxía Hispánica, María José Sánchez-Izquierdo.

A primeira reunión do xurado celebrouse o sábado 22 de setembro, na sala Beckett de Barcelona; a segunda reunión, na que se decidirá o gañador do premio, será o sábado 6 de outubro.

A dotación do premio é de 14.000 €, máis a edición da obra gañadora nas catro linguas oficiais do Estado Español (catalán, galego, éuscaro e castelán): na colección “Textos apart”, da Editorial Arola, en catalán; en éuscaro e castelán na Revista Artez e, en galego, na erregueté |Revista Galega de Teatro.

 

IV Residencias de Creación Premi Born

Este ano organizáronse as IV Residencias de Creación Premi Born. Nesta cuarta edición presentáronse dez proxectos, o duplo que o ano pasado, de diversas procedencias do Estado Español. Os membros da Junta del Cercle Artístic foron os encargados de escoller o proxecto gañador, que foi a obra La volta al món en 80 dones dos novos creadores Joan Codina e Georgina Llauradó.

Nas súas propias palabras, “este espectáculo é un concerto pero tamén unha conferencia. É teatro e música, cancións e fragmentos de vida. La volta al món en 80 dones é unha viaxe ao longo dos 5 continentes a partir dol legado de 80 mulleres extraordinarias, 80 exemplos imprescindibles”. A través da música quérense dar a coñecer estas 80 mulleres, algunhas moi coñecidas como Virginia Woolf, e outras no tanto, como Sonita Alizadeh, que teñen en común que desafiaron o mundo que debían vivir.

Este ano, a Residencia de Creación tivo que se realizar do 30 de agosto ao 12 de setembro porque os participantes do proxecto gañador non podían ir en outubro a Menorca por proxectos profesionais. De todas formas, o martes 16 de outubro, volverán a Ciutadella para realizar a clase cos alumnos do IES Josep Maria Quadrado e para realizar o ensaio aberto.

Deixar unha resposta