in

Ultranoite no país dos ananos

paisdosananos1 |

Cara a cara coa derrota

| Carla Capeáns |

paisdosananos1

 

Xa pasaron vinte anos dende aquela primeira Ultranoite na Sala Nasa de Compostela. Unha nova forma de facer e ver teatro que remataría por conquistar definitivamente ao público galego. A fórmula é a seguinte: unha manchea de realidade social e política aderezada con sátira e humor e degustada nun ambiente distendido e familiar. Pero chegou o día no que Chévere lle dixo adeus á Sala Nasa, mais non foi quen de despedirse das Ultranoites. Mudáronse ao Auditorio da Ramallosa (no Concello de Teo) e é alí onde tomaron asento como compañía residente.

Con Ultranoite no país dos ananos, Chévere quere espallar o concepto de Ultranoite e conquistar novos públicos e escenarios. Este espectáculo nace como unha homenaxe aos vinte anos de Ultranoite pero é algo máis que iso. Na Viaxe ao país dos ananos, Celso Emilio Ferreiro lembra con amargura as súas vivencias nunha Venezuela habitada pola cativeza moral dun sector da emigración galega. Esperando atopar alí o que el labraba no seu maxín, bateu cunha realidade ben distinta.

Chévere bota a vista cara atrás e atópase cara a cara coa derrota. Somérxense na amargura ao atoparse con unha realidade que non era a que eles imaxinaban. Fan humor dese sentimento de derrota e amargura, un humor negro bañado de carraxe.

Dende un punto de vista máis técnico, Ultranoite no país dos ananos dista do que significa en si mesmo unha Ultranoite. Deixan atrás a celeridade e a urxencia coa que se confeccionaban aquelas Ultranoites que incorporaban a actualidade máis inmediata para traballar agora nun espectáculo teatral moito máis ambicioso. O xeito de dirixirse ao público e a reacción deste tamén muda, quizais porque ese mesmo público está agora ancorado a unha butaca e non goza xa dese ambiente distendido e informal.

O espectáculo estrutúrase a través de sketchs engarzados con números musicais. Tres músicos en escena, unhas letras moi coidadas e unha boa execución musical fan que o espectáculo acade unha beleza e un lirismo especial. Pola contra, os sketchs están cheos de tópicos e brincadeiras que procuran “unhas risas cómplices” nunha atmosfera de decadencia e que segue gardando ese espírito das Ultranoites de toda a vida. As actrices e os actores desenvólvense especialmente ben neste “xeito de facer” e conseguen ser un todo, unha unidade.

Apenas ten problemas de ritmo, mais nas partes coloquiais nas que o personaxe/actor se dirixe directamente ao público rómpese levemente a partitura rítmica. Non acontece en numerosas ocasións pero pode deberse quizais a certas inseguridades no texto que imprimen pausas entre parlamentos. As transicións entre bloques estruturais están moi ben traballadas, pois non se converten en simples escuros nos que o espectador espera a que a acción volva comezar. Fan da espera unha acción teatral en si mesma a través da emisión de audios cargados de humor.


Publicidade

O espazo escénico está presidido por un pano de fondo confeccionado a partir dunha morea de vestimentas empregadas ao longo deses vinte anos de Ultranoite. Ese pano viste a escena de xeito maxistral e ademais os personaxes interactúan con el. É dicir, non está aí porque quede simplemente bonito, senón porque cumpre determinadas funcións segundo o momento concreto do espectáculo. O Castelo de Ribadavia é un lugar especial con unhas características tamén moi especiais que Chévere aproveitou ata o milímetro.

Destaca a indumentaria asinada por Carlos Alonso na que se percibe un aire decadente pero na que se coidou ata o máis mínimo detalle.

En definitiva, Ultranoite no país dos ananos é un “cabaré nihilista erixido para rir da indiferenza dun pobo diante da súa autodestrucción”.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia

Ultranoite no país dos ananos, de Chévere / Manuel Cortés
Dirección: Xron
Elenco: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián
Deseño de espazo escénico: Carlos Alonso
Iluminación: Fidel Vázquez
Son/música: Xurxo Pinheiro / Xacobe Martínez Antelo (música orixinal)
Indumentaria: Carlos Alonso

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 25-07-2014

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

quevayabonito2 |

Que vaya bonito

una nic3b1a |

Una niña