Compromisos dubidosos
Manuel Xestoso
Un encontro entre Dalí e Picasso nun apartamento parisiense en 1937. A cidade de Gernika acaba de ser bombardeada. Dalí acaba de rematar o seu cadro Construción branda con fabas fervidas (Premonición da guerra). Picasso recibe o encargo, do goberno da República, de presentar unha obra para o pavillón español da Exposición Internacional de París. O diálogo entre os dous grandes da arte –ambos exiliados– xira sobre a actualidade política e ambos retrátanse ante os acontecementos que están a ter lugar. O enfrontamento entre as tópicas dúas españas convértese nunha contenda entre dúas visións artísticas e dous temperamentos creadores enormemente diferentes. O debate político, daquela, adquire unha natureza tan interesante coma contraditoria.
A reconstrución deste ficticio encontro ten moitos puntos de interese e Arrabal transfórmao nun pulso aínda máis emocionante ao mesturar datos históricos e realidades inventadas que lle proporcionan a materia prima ideal para crear un depurado tour de force dramático que manexa con notable mestría. Por suposto, fai trampas e xoga co que agora coñecemos sobre as dúas figuras históricas que protagonizan a peza: a deriva cara ao franquismo de Dalí e o compromiso de Picasso coa República e co Partido Comunista.
O autor divírtese subvertendo a historia canónica e expoñendo as notorias incoherencias ideolóxicas dos dous artistas. Arrabal opera dende a ironía e é dende esa perspectiva que a obra alcanza o seu maior logro: desmitificar as declaracións ideolóxicas de artistas e intelectuais, rebaixar a transcendencia das súas tomas de posición, mostrando que a súa orixe pode ser tan arbitraria e voluble coma a de calquera outro cidadán. Máis alá da pirotecnia verbal dos diálogos, hai un fondo perverso que desvela a falsa solemnidade coa que se revisten certos compromisos.
Non obstante, a espléndida arquitectura teatral desta entrevista queda un tanto desmentida pola falta de verosimilitude. En moitas ocasións, a parodia achégase perigosamente ao clixé e ese exceso de tensión provoca o escepticismo do espectador. Non se trata de que falle a fidelidade histórica: no teatro, ás veces, a veracidade consiste en poñer ao público de parte do autor, do espectáculo. E ese principio violéntase moitas veces para forzar a caricatura e a provocación (tan cara a Arrabal). Neses momentos, todo se abarata e se dilúe na esaxeración. Hai un xiro final que pretende xustificar eses excesos –e que, en certo modo, o consegue–, mais trátase dunha argucia do dramaturgo que non logra reintegrarnos na trama.
En todo caso, toda a dialéctica dos personaxes –as súas dúbidas e as súas baixezas– séguese con interese e está moi ben conducida. A colaboración do director resulta aquí fundamental: a súa posta en escena salva moitos dos escollos do texto, reducindo os paroxismos e modulando a verdade de cada un dos personaxes, que aparece sempre por detrás do xogo de aparencias que se pon en escena.
A calidade dos actores –que afrontan un enorme reto ao encarnar figuras tan coñecidas– axuda a dar vida a algunhas ideas que deberían estar máis presentes no debate dos nosos días. E propicia que o público se deixe levar polo xa coñecido.
Dalí versus Picasso de Fernando Arrabal
Dirección e escenografía: Juan Carlos Pérez de la Fuente
Elenco: Antonio Valero e Roger Coma
Iluminación: José Manuel Guerra
Vestiario: Almudena Rod´riguez Huertas
Espazo sonoro: Tuti Fernández
Deseño vídeo: Emilio Valenzuela
Produción: Teatro Español
Teatro Principal de Ourense. 18 de setembro, 2014