Espazos interiores
| Roi Vidal Ponte |
A arquitectura, como organización do espazo, pouco se diferenza do teatro. O espazo e a organización dos corpos e os obxectos nel é unha grande parte do espectáculo. Primeiro hai como un caos. Botellas. E os actuantes parece que queren ordear algo, arquitectos de cristal.
Non deixa de ser poético que a idea chave sexa vincular os sentimentos aos obxectos. É o materialismo do aquí e agora teatral, mentres unha listaxe de cousas se descobre como recordatorio de que estamos poseídos polas nosas posesións.
Alfredo Rodríguez é o máis actor dos actuantes. Cada botella lémbralle unha emoción. E non hai emoción como a das primeiras veces. E a infancia é a patria das primeiras veces. Sentimentos de “o can non está”. Matices entre o verde Cabreiroá e o verde Mondariz. Micro-monólogos profundos. Sensibilidade e risa rara.
Como contrapunto, Olga Cameselle achega o toque físico. Deseña partituras que parten da xestualidade cotiá. E é que o que en realidade pasa é que sentimos co corpo. A deconstrución, xustaposición e extrañamento ao que somete a expresión da(s) emoción(s) mediante o movemento proxecta unha sensación de esforzo sobre o cansado que pode chegar a ser iso de sentir.
Os dous intérpretes, cada un no seu, teñen táboas, e saben disimular os erros incorporándoos mediante a precisa e inapreciable improvisación. Como ten que ser. E coa naturalidade que iso lle outorga á súa actuación.
Como posdrama (sen un conflito que alicerce unha historia) a peza ten máis que ver cunha performance museística que cun conto con principio e final. Gena Baamonde planifica desde as artes plásticas sen que iso lle leve a desprezar as literarias. Fai un teatro a medio camiño entre ambas. Nunha zona en terra de ninguén onde o teatro sempre está.
O mérito é non resultar demasiado conceptuais, establecer a convención para que a mensaxe (porque, si, hai unha mensaxe, e si que se din cousas) poida ser recollida deste lado.
O minimalismo e o afán de ruptura riman co uso dunha iluminación alternativa. Baltasar Patiño non sempre necesitas restras de focos. Catro lámpadas de obra, dous flexos de mesa e unhas luces de armario que furrulan como candilexas son todo o que precisa para crear un ambiente de penumbra cálida mentres renuncia ao uso da aparataxe tipicamente teatral.
Unha imaxe simboliza case todo o que a peza quere transmitir: Alfredo camiña con botellas de cristal baixo as súas catro extremidades, apoiándose, pois, nos recordos, co conseguinte perigo de que esa fraxilidade cristalina faga escachar a memoria emotiva.
Sentido do humor e ritmo lento con crescendos obsesivos, distanciamento na plasmación da emoción (sendo unha peza baseada na expresión da emoción), momentos grotescos e sorpresas realizadas como un murmurio: unha proposta fermosa e delicada como as xanelas dun edificio de cristal.
Pode que falte algo, ou que sobre algún vacío, pero, a fin de contas, é un artefacto sinxelo e difícil que enche de aire os sotos do edificio teatreiro.
Arquitectura da emoción
Compañía: A Artística
Dirección: Gena Baamonde
Elenco: Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez
Audiovisual: Cristóbal Arteaga
Zona C, Santiago de Compostela. 10 de abril de 2015.