Un acontecemento extraordinario
| Manuel Xestoso |
Que unha cultura como a galega –que non conta co aparato dun estado propio para defendela– consiga que un dos seus dramaturgos máis senlleiros se infiltre na programación dun Teatro Nacional doutro país é un acontecemento extraordinario que debería, cando menos, provocar expectación. Pero, curiosamente, a posta en escena desta obra de Vidal Bolaño por parte do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa non levantou en Galicia o interese que un feito desta transcendencia merecería. Este baleiro informativo resulta especialmente estraño se atendemos ao consenso que parece existir sobre a colosal importancia da figura de Bolaño para o noso teatro. Daquela, quizais deberiamos concluír que a brecha entre o sistema cultural e o mediático deste país é preocupantemente alargada.
En todo caso, é sempre interesante ver a lectura que fai da creación de Bolaño un director foráneo. Saxo tenor é unha obra que respondía, en boa parte, a un contexto histórico moi determinado e o tempo transcorrido dende a súa estrea dálle outros valores que, dalgún xeito, poñen a proba a pertinencia da escolla. Neste sentido, e aínda que as referencias cambian, o texto permanece absolutamente actual. A indignación que amosaba o autor ante a traizón da socialdemocracia aos seus principios ten o seu reflexo no actual desgusto da cidadanía ante un sistema político que perpetúa as desigualdades. Os actores cambian, pero o drama permanece inalterable.
José Martíns conta esta historia abalando entre o social e o simbólico. Cando emprega o primeiro rexistro é cando se coloca máis cerca do espírito de Bolaño (quen, lembremos, daba un fecundo xiro estilístico precisamente con esta peza), permitindo que a traxedia atravese os personaxes dende o humano, dende a altura moral que se lles outorga a esa presa de vítimas dun sistema que os despreza. Cando se abre ao simbólico, porén, o ton xoga en contra da obra: os berros, a ampulosidade e os xestos esaxerados ocultan a consideración con que se trata aos protagonistas. Deshumanízaos ao querer humanizalos en exceso.
Non obstante, a montaxe mantén un equilibrio que sostén o interese do espectador. O coidado en non alterar a estrutura cinematográfica e as referencias ao xénero negro contribúe a consolidar a unidade da narración. Os personaxes mestúranse e a trama vai axustándose cun ritmo ascendente. Desvélase así un universo no que as patoloxías sociais se dan por igual nas clases humildes e nas privilexiadas, no que a colonización agocha a miseria moral e no que o individualismo propiciado polo réxime non pode eludir unha certa solidariedade de clase presente en rituais elementais de convivencia.
Nese xogo de situacións traxicómicas adiviñamos a perspicacia dun Vidal Bolaño que parecía prever as situacións de profunda inxustiza que se aveciñaban: a renuncia a un proxecto colectivo, advirte, suscita a alienación, a impunidade dos criminais, a indixencia cultural. Un diagnóstico que non refuta a actualidade que percibimos cada día nos xornais.
A función inclúe unha emotiva homenaxe á propia figura de Vidal Bolaño que seguramente captará mellor o público galego que o portugués. O da estrea, con todo, asimilou ben os personaxes e as súas peripecias, e demostrouno cun longo aplauso.
Sax tenor de Roberto Vidal Bolaño
Dirección: José Martins
Elenco: João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe
Escenografía e vestiario: Rui Francisco
Deseño de iluminación: José Carlos Nascimento
Realización vídeo: Ricardo Inácio, Manuel Pureza, João Gomes e José Martins
Produción: Teatro Nacional Dona Maria II
Teatro Nacional Dona Maria II, Lisboa. 7 de maio de 2015