Didactismo indignado
| Roi Vidal Ponte |
Moitas veces teimamos en trazar fronteiras que non existen e que continuan sen estar claras por moito que calquemos. As fronteiras entre o que é infantil e o que é adulto son desas que xeneran debate e pataletas.
O espectáculo A casa do avó de Tanxarina preséntase como conto infantil ou para público familiar, pero unha mirada adulta podería ver nesta fermosa historia unha peza didáctica brechtiana. As partes que enfrontan o conflito están claras. Dunha banda tres malvados personaxes cuxos nomes conforman a palabra Ca-Pi-Tal, capital para entender a fábula. Da outra, Roberto, o neno protagonista, o seu avó vítima dun desafiuzamento e diversas compañeiras de aventura que o axudan na súa loita contra os malvados especuladores que o queren botar da casa.
O que converte a peza nunha xoia é a magnífica posta en escena á que se entregan os titiriteiros. Fieis a unha estética na que o manipulador non se agocha, manteñen as relación cos bonecos que manexan, o que lles permite desenvolver un traballo de actor que brilla cando encarnan aos malvados capitalistas co estilo de farsa que lles corresponde (a historia a repetirse como farsa, como avanzou o vello Marx) mais que tamén ten a súa importancia cando comentan a acción ou discuten coas figuriñas, creando momentos de verdadeiro distanciamento brechtiano que lle devolven ao conto á súa dimensiòn de conto.
Por outra banda, Cándido Pazó é xa toda unha institución se de contar se trata. Aínda que en ocasións é moi dado aos diálogos digresivos sacados da vida real, desta volta recolle grande parte do seu oficio de contador de historias e fai da sinxeleza e da mensaxe de clara moralexa unha bandeira que o público apalude con entusiasmo, sen renunciar ao xogo lúdico coa lingua que carcteriza á súa dramatrurxia.
Tal e como lle tería gustado a Brecht, política, diversión, indignación e protesta danse a man nesta proposta con seriedade, en parte grazas ao absoluto respecto que a compañía lle ten ao público familiar. Esta seriedade ten o seu máis alto cumio na realización de todo o apartado visual e escenográfico. Botando man de linguaxes propias do mundo da banda deseñada, dos videoxogos ou do musical, pero sobre todo utilizando unha peculiar técnica de siluetas móbiles que lembra a uns debuxos animados primitivos ou á moda de pretendida baixa calidade de productos tan retranqueiros e acedos como South Park (moda curiosamente acaída para explicacións/protestas políticas do tipo Españistán) os personaxes habitan un mundo de casas, rúas e interiores que é sen dúbida o máis chamativo da montaxe. Como un deses libros despregrables, Tanxarina fai que o conto se transforme nun acto en tres dimensión con deseños claros e coloridos e unhas transicións entre escenas verdadeiramente inxeniosas e sorprendentes, que en non poucas ocasións mesmo chegan a despertar a ovación estupefacta do auditorio.
E con tales alicerces, é normal que o conto remate ben e a xente, case como se estivesen nunha manifestación ou nun escrache antidesafiuzamento, se erga do asento e se una nun sincero e combativo aplauso.
A casa do avó de Cándido Pazó
Compañía: Tanxarina
Actores – manipuladores: Eduardo Rodríguez, Miguel Borines e Andrés Giráldez.
Guión e dirección: Cándido Pazó.
Deseños, escenografía e atrezo: Pablo Giráldez ‘O Pastor’.
Vestiario: Carlos Alonso.
Músicas: Francisco Barreiro.
Construción de siluetas: Tanxarina títeres.
Técnico de luz e son: Andrés Giráldez.
Produción: Tanxarina títeres
Festival Internacional de Títeres de Redondela. Auditorio da Xunqueira. 31 de maio de 2015.