Xogo e posibilidades
| Vanesa M. Sotelo |
“As cicatrices indican de onde vés pero non cara onde vas”. Abrir posibilidades, buscar, divertir, presentar horizontes a partir das fendas da sociedade… foron sempre algunhas das funcións do teatro. El extraño caso de la Marquesa de Vadillo é unha excusa para xogar e abrir posibilidades. A partir da estrutura do xogo do cluedo, Teatro el Zurdo aposta polo xogo do teatro dentro do teatro e a fusión de realidades: por un lado, a da historia do asasinato da marquesa; por outro, a do traballo actoral e a relación do elenco con ese espectáculo e a súa época.
Luis Crespo asina a dirección dunha peza que xoga á mestura e á ruptura. Para que as convencións funcionen, as claves deben ser expostas con claridade e iso acontece desde que o público entra na sala. En escena, a simple vista, pódese apreciar a convivencia de diferentes espazos que falan tanto do espazo de representación como do espazo da ficción –a da casa da marquesa, os camaríns dun teatro, o set dun documental, o espazo reservado para a música… Esta co-existencia de espazos prepara o terreo para o xogo estilístico e interpretativo no que se recrea a proposta e no que se move con comodidade o elenco –resolvendo con diferente soltura pero tamén con corrección.
O xogo e a vontade de interacción co público queda patente tamén desde o primeiro momento a través das rupturas da cuarta parede, na solicitude de colaboración coreográfica ou na conversa directa coas presentes para contribuír a resolver o crime. Esta interpelación ao público mantense ao longo de todo o traballo, operando como un elemento de distanciamento pero tamén de reactivación que reforza o carácter lúdico da proposta. Rupturas espaciais e temporais sucédense nunha proposta metateatral que explora a interesante fronteira na que se atopan o actor e a construción que podemos chamar “personaxe”, a actriz que presenta a personaxe ou o actor que representa o personaxe. E nesa exploración actoral, atopamos tamén todas as posibilidades de relación que cada unha de nós pode ter coa realidade.
Dentro da ficción, aínda que aparentemente anecdótico, o público atopa tamén a gravación dun documental ficticio que supón un dos valores engadidos ao final do espectáculo. Colocándose nun futuro inmediato, ese documental proporciona un espazo para compartir testemuños e xera un pasado onde xa foi posible recuperar a dignidade e o cambio. Esta opción de epílogo que opta por un plano conversacional indirecto, traslada a memoria dun teatro feito en tempos sombrizos a partir da experiencia dunha compañía de teatro que, facendo un divertimento cheo de efectos, acaba por ofrecer un espello sobre a realidade.
El extraño caso de la Marquesa de Vadillo: varias historias, varios planos de ficción, varios tempos e xogo estilístico. Un espectáculo asentado nunha dramaturxia e nunha execución de “morro fresco e orgánico” que obtivo un aplauso final ben agradecido entre o público da Mostra de Cangas.
El extraño caso de la Marquesa de Vadillo de Teatro El Zurdo
Compañía: Teatro el Zurdo
Dirección: Luis Crespo.
Elenco: Nuria Benet, Miguel Barderas, Beatrice Binotti, Roberto Drago, Fernando Otero, Paco Revaliente, Eugenio Gómez, Rebeca Medina.
Texto: Luis Crespo e Felix Estaire coa colaboración de N. Benet e J.R. Fernández.
Dirección Musical: Fernando Lago.
Músico: Grozdan Aleksandrov “Tozo”.
Deseño Gráfico: Cufa.
Vestiario e escenografía: Mónica Borromello e Alessio Meloni.
Axudante de escenografía: Alessio Meloni.
Iluminación: Víctor Cadenas.
Movemento: Markos Marín.
Auditorio de Cangas. Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. 4 de xullo de 2015.