Ambigüidades do contemporáneo
| Manuel Xestoso |
| Foto: Manuel G. Vicente |
Unha moza deixando ver a inscrición Butterz (‘fea’, ‘desagradable’) nas súas bragas pode ser toda unha declaración de principios. Tamén pode ser unha estratexia publicitaria: Elías e Skilliam, os dous DJs que programan a música dende o escenario, son os propietarios dunha casa discográfica cuxo nome é, efectivamente, Butterz. As ambigüidades da sociedade moderna pasan en innumerables ocasións por ese tipo de paradoxos: un acto de rebeldía constitúe tamén unha operación de márketing. Ou ao revés.
Esa duplicidade é unha constante ao longo de toda a función dirixida por Cecilia Bengolea e François Chaignaud. O escenario é unha pista de baile que semella a dun club nocturno; a iluminación aseméllase moito á de unha discoteca de extrarradio; os bailaríns visten indumentarias tan estrafalarias coma as das mozas e mozos que ateigan os after-hours… E mais tampouco pretende reproducir un club exactamente: a maior provocación artística desta montaxe reside, precisamente, en fusionar pasos de baile que proceden do clásico e do contemporáneo con outros tomados directamente dos estilos urbanos orixinados neste tipo de locais: hip-hop, vogue, house, twerking…
A inevitable reflexión sobre os límites entre o culto e o popular e sobre a súa retroalimentación, non obstante, está moi matizada por un achegamento case paródico, por un espírito rebuldeiro que tende a primar o espírito lúdico que anima o acto de bailar dende o principio dos tempos. Hai unha reivindicación do goce que supón un desafío suplementario e un recordatorio de que a arte sempre procede dos territorios onde as convencións sociais se poñen en cuestión. Que un deses territorios sexa, nos nosos días, a pista dos clubs de baile é unha hipótese que Bengolea e Chaignaud logran dotar de verosimilitude e potencial creativo.
Pero volvamos ás bragas. A celebración do goce tamén inclúe unha mirada inquisitiva que devolve unha imaxe hipersexualizada da nosa sociedade. Os bailaríns non ocultan a pulsión primaria que alimenta cada un dos seus movementos, das súas interaccións, da elección do vestiario. A función está chea de xestos que noutros tempo chamariamos obscenos, de posturas celebradas pola pornografía, de mans que fretan entrepernas… Esoutra ambigüidade, a erótica, colócanos diante doutra contradición contemporánea: a que sinala a delgada fronteira que, ás veces, separa certas prácticas de empoderamento da obxectualización do corpo.
Neste terreo, a compañía sinala a discordancia e colócase de parte dunha agresividade de xenealoxía punk cuxa mestura de exhibicionismo e transgresión non está exenta de humor –hai unha escena memorable cunha coreografía para glúteos que roza o inverosímil–, nin de observación distanciada –como cando recitan moi explícitas letras de cancións (I can do it on a dick) cun ton de ladaíña que as baleira da súa presunta natureza ofensiva.
Por momentos, o espírito de rebelión ante calquera xerarquía afasta o espectáculo da excelencia técnica, pero o virtuosismo nunca fixo parte do programa dos axitadores. A cambio, ofrecen frescura, novidade, irreverencia. E sobre todo, un novo xeito de enfrontar a danza coa sociedade. Algo que non se ve todos os días.
‘altered natives’ Say Yes To Another Excess – TWERK de Cecilia Bengolea e François Chaignaud.
Elenco: Élisa Yvelin, Alex Mugler, Ana Pi, Cecilia Bengolea e François Chaignaud
Música: DJ Elijah, DJ Skilliam (Butterz, London – UK)
Iluminación: Dominique Palabaud, Jean-Marc Segalen, Cecilia Bengolea e François Chaignaud
Vestiario: Cecilia Bengolea e François Chaignaud
Festival Escenas do Cambio. Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016.