A dramaturxia galega actual é, parafraseando a Anxo Rei Ballesteros, traxicamente contemporánea. Os seus temas son os de sempre e os de xalundes, pero agora e aquí. O universal visto desde a óptica particular. Óptica que ten en Santiago Cortegoso unha das súas lentes máis diáfanas. A súa poética é a que máis se aproxima a unha realidade que, como nas Criaturas de Vidal Bolaño, é máis monstruosa que a dos monstros de ficción.
O que pasa é que Cortegoso semella xogar mellor coa herba curta dos diálogos fluídos que na terra lamacenta dos monólogos. Algo que a todos nos pasa. Acostumado aos dualismos, en Desconexión fai un exercicio de desdobramento ao crear un personaxe con dobre personalidade sacado das iconas peonís dun semáforo. Ese monifate que intermitentemente e durante toda a súa existencia lumínica vacila sen descanso entre o vermello e o verde, entre o negativo e o positivo, entre a bronca e a amabilidade, o insulto e a axuda é teatralmente humanizado nunha moi atractiva idea de partida.
O que pasa é que cando o personaxe logra a anunciada desconexión e entra no mundo real con carne e osos pódelle máis un lado que o outro e perde boa parte dese diálogo interior que o caracterizaba. A vida é unha sucesión de momentos importantes que el, alleo ante o humano como o monstro de Mary Shelley, encaixa con máis noxo que comprensión, con máis violencia que relax. Nin sequera a versión feminina do mesmo personaxe que aparece mediada a función é quen de presentar o interese que a idea inicial podería apuntar, porque ao final a cousa volve a un sitio moi parecido a aquel no que estivo todo o tempo.
Se a comedia funciona é pola facilidade que ten Cortegoso para cravar o cristal na fenda da ferida e provocar sorrisos acedos e sarcásticos nos que abunda unha visión tan persoal como cáustica da actualidade social. Unha distorsión esaxerada moito máis veraz que a obxectividade neutra dos informativos que está, xa que logo, moito máis cerca do meme que do twit.
O actor encargado de lle dar vida ao monifate leva a cabo un notable esforzo interpretativo, tanto nos momentos de desdobramento obrigado dentro do semáforo, nos que a mudanza brusca de rexistro presenta unha dificultade rítmica esixente, como nas escenas logo da saída, onde a rabia interior do personaxe é solventada con fatigosa verborrea. Con todo, é nos momentos máis calmos onde o actor, ao parecer obrigado pola dirección a manter un ritmo incesantemente brusco, ofrece a súa mellor cara e onde a súa voz se amosa máis orgánica. Tampouco lle axuda nada, todo sexa dito, o incómodo armatoste que ten que mover para os pertinentes cambios escenográficos. Un elemento que está ben aproveitado desde o punto de vista práctico pero que nada achega desde o punto de vista estético.
O que pasa, avanza; e o que non pasa, xa pasou. E Desconexión pasa porque pode ser vista, en todo caso, como un exemplo máis, porén non o mellor, desa estética radicalmente autocrítica do seu autor: ese costumismo contemporáneo non moi afastado do esperpento, pero escrito na verdadeira lingua do país.
Desconexión de Xurxo Cortazar Dramaturxia e dirección: Santiago Cortegoso Elenco: Xurxo Cortázar (en escena); Santiago Cortegoso e Marián Bañobre (voces en off) Iluminación e son: Dani Abalo Escenografía, vídeo e fotografía: Juan Silva Deseño gráfico: Juli Molares Texto orixinal e produción: Xurxo Cortázar Produción asociada e distribución: Crémilo – Carlos Martínez Carbonell
Salón Teatro, Santiago de Compostela. 11 de febreiro de 2017.
Parece que capaches a nosa publicidade... Os anuncios da nosa páxina permiten á erregueté manterse activa. Desactiva o Ad Blocker e refresca a páxina para poder desfrutar dos nosos contidos con normalidade.
Para ofrecer mellores experiencias, usamos cookies para gardar ou acceder á información do dispositivo. O teu consentimento permite procesar datos como a navegación. Non consentir pode afectar certas funcións do sitio.
Funcionais Always active
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario para o lexítimo propósito de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou co único propósito de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.
Preferences
The technical storage or access is necessary for the legitimate purpose of storing preferences that are not requested by the subscriber or user.
Estatísticas
O almacenamento ou acceso técnico que se utiliza exclusivamente con fins estatísticos.The technical storage or access that is used exclusively for anonymous statistical purposes. Without a subpoena, voluntary compliance on the part of your Internet Service Provider, or additional records from a third party, information stored or retrieved for this purpose alone cannot usually be used to identify you.
Marketing
O almacenamento ou acceso técnico é necesario para crear perfís de usuario para enviar publicidade, ou para seguir ao usuario nun sitio web ou en varios sitios web con fins de mercadotecnia similares.