A traxedia e a farsa
| Manuel Xestoso |
A traxedia repítese como farsa, iso xa o sabiamos. Pode ser o signo dos tempos: as grandes tramas que explica o teatro grego regresan reconvertidas en película de mafiosos. Quizais polos paralelismos entre o crime organizado e a organizacioón dunha sociedade cuxo único obxectivo é a obtencioón de beneficios económicos. Quizais porque o vello adagio –«non é nada persoal, é cuestión de negocios»– cambiou de sentido e revélase insuficiente: cando o individuo opera cos mesmos códigos que unha marca multinacional, o persoal e os negocios xa fan parte do mesmo conglomerado.
Tráfico parte desa idea de que a obtención do beneficio anula calquera ética e calquera suxeición a unha norma moral, para desenvolver unha trama de vinganzas persoais que non deixan de ser asuntos de negocios. O pretexto –non tan disparatado– dun hotel balneario que ofrece terapias contra o estrés a traficantes de todo tipo permite retratar o fondo de miseria moral que subxace aos principios organizativos da libre competencia.
Carlos Santiago aproxímase, como era de esperar, dende os presupostos dun sainete sombrío e desesperado que emprega o humor negro –e un certo vandalismo– como bálsamo contra a sordidez. E Chiqui Pereira matiza, dende unha dirección temperada, as zonas de seriedade e as de escarnio. O espectáculo non se dirixe directamente ao político e, non obstante, resulta imposible non derivar consecuencias políticas da súa lectura.
Os escenarios do poder e os do crime parecen non distinguirse ante o diñeiro e a obra de Santiago permite preguntarse até que punto os intereses creados entre ambos non nos converten a todos en cómplices dunha conspiración da que, en realidade, somos vítimas. Hai unha consistencia en manter unha estética do exceso para reflectir o nivel de mesquindade que se alcanza na carreira polo lucro e, ao tempo, para reflexionar sobre o grotesco das situacións a que dá lugar. En certa forma, a hipérbole permite fixarse na teatralidade dunha forma de relacionarse baseada no engano e na desconfianza e sacarlles partido a uns diálogos ateigados de duplos sentidos. Ou a un monólogo dun admirador de Pablo Escobar que debuxa o perfil do neoliberalismo con máis precisión que a maioría dos estudos económicos que tratan de explicar o capitalismo contemporáneo.
Personaxes como aquel que definen coa frase «o dono de tudo isto» poden lembrar un capo ou un director de banco. E malia que o paralelismo non é orixinal (a estas alturas xa todos sabemos de que falamos cando falamos da banca), o rexistro satírico posibilita contemplar toda a obscenidade que esa comparación implica: o poder espido está aí, ante nós, practicamente autista. Non é consolador, pero si nos deixa medir en toda a súa magnitude a mediocridade do reino do pavor e a crueldade da vida entendida como explotación.
A obra escapa do xenérico para, no medio das chanzas, redescubrir o enfrontamento entre a condición humana e o seu destino (aquel que cada quen forxa, non o capricho dos deuses). O autor ten coidado de non presentar ese destino como un xogo propio e, así, comprendemos que a traxedia se mantén por debaixo da farsa.
Pero ademais, Tráfico ofrece a oportunidade de asistir a unha comedia moi ben dirixida e moi ben interpretada por un elenco que demostra unha versatilidade realmente notable. O obsceno revélase aquí unha resposta á agresión dos poderosos. E faino cun equilibrio só crebado por algúns excesos que non impiden saír do teatro cunha atractiva sensación de agrado.
Tráfico de Carlos Santiago
Dirección e dramaturxia: Chiqui Pereira
Elenco: Bárbara Soares, Filipe Gonçalves, Filipe Seixas, Pedro Ramos e Rui Ramos
Escenografía e figurinos: Bruno Guerra
Deseño de luz: Nuno Borda d’Água
Música: Tango Paris
Fotografía: Baal17, José Ferrolho e Rui Cambraia
Produción executiva: Hugo Fernandes.
Unha coprodución de Baal 17 e AL Teatro.
Folia 2017, Lousada. 24 de abril de 2017.