Comeza o ano e comezan as estreas. Aquí tendes seis que se anuncian dende xa para o primeiro trimestre do ano e ás que debedes prestar atención.
Camiños de Esther Carrodeguas, unha produción de ButacaZero e o CDG
Como ve a xeración dos millennials as súas raíces? Partindo da idea desas aldeas que se baleiran cada día, ButacaZero quere reflexionar sobre o que se perde e o que se mantén deste noso pasado na nosa vida diaria. Os tópicos galegos represéntannos ou non? Queremos fuxir deles ou en realidade nos aferramos? Cal é a nosa vida e que ten que ver coa imaxe estereotipada que de nós poden ter os de fóra?
Sobre todo isto reflexiona #camiños, unha peza de teatro moi físico na que a música folk convive coa electrónica, as bicicletas de spinning coas letras de Castelao, Rosalía ou Manuel María, e onde a rapsodia e as coreografías nos levan da comedia á traxedia pasando pola ironía. Un aluvión escénico que fará que os espectadores non poidan ficar indiferentes.
Estrea o 24 de xaneiro no Salón Teatro de Compostela
Masa Madre & Sal marina de Funboa Escénica e Proxecto Pank
Masa Madre & Sal marina é o título dunha canción que xurdiu do encontro de Manuel Parra García e Cristina Balboa en Madrid. Logo viu o desexo de colaborar nun proxecto escénico onde os dous analizaban a súa carreira sobre as táboas e a súa confrontación cas cousas que xa non lles gustan do sistema produtivo teatral contemporáneo. Neste proceso deciden esquecer o teatro e dedicarse á música, compensar a súa falta de talento musical co entusiasmo que lles produce escoitar un temazo e mesmo formar parte del. Falan do abandono do sufrimento para abrazar o pracer de estar aí, e realizar dalgunfa forma os seus soños, porque en realidade o que sempre quixeron era ser estrelas do pank.
Estrea o 26 de xaneiro no Teatro Ensalle de Vigo
O servidor de dous amos de Talía Teatro
Talía teatro presenta unha revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro. Convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte, atoparedes aquí unha reinvención da obra de Goldoni que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, pero que busca tamén incorporar novas formas de teatralidade.
Estrea o 14 de febreiro no Teatro Principal de Compostela
Casa O’Rei de Ibuprofeno Teatro
Con Casa O’Rei, Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica, xunto con O furancho e Raclette. Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do “Rei Lear” de W. Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega.
Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.
Estrea o 2 de marzo no Auditorio Municipal de Vigo
Sénior, unha produción de Culturactiva dirixida por Avelino González
Culturactiva SCG presenta Sénior, un espectáculo cómico sobre a crise dos 50, cos coñecidos e populares actores Luís Iglesia e Marcos Orsi como protagonistas, e dirixida por Avelino González, unha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade. Cando se abandona a madurez e se comeza a ser “sénior”? Iglesia e Orsi rin de si mesmos ante nós, cun texto enxeñoso de creación propia.
Grandes dilemas do sénior:
…visto como meu fillo ou como meu pai?…
…Haberá cadeiras nese concerto?…
…Como estarei mañá se tomo un segundo gin-tonic?…
Ducias de preguntas que este espectáculo non resolverá, pero que son a escusa perfecta para pasar un momento entretido en compaña de Luís Iglesia e Marcos Orsi.
Estrea o 3 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense
Somos criminais, con Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco
Temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos? Para responder a estas preguntas, Carlos Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego. A conclusión é clara: Somos Criminais.
Estrea o 30 de marzo no Auditorio Municipal da Illa de Arousa