O metal
| Manuel Xestoso |
| Foto: Manuel G. Vicente |
O metal, unha palabra que evoca, especialmente se se vive nunha cidade industrial, ideas que nadan en contra da corrente do conformismo: a loita, a resistencia, o combate. Pero que ocorre co metal cando o cambio social vén da man das mulleres? Non é unha pregunta que se faga moi a miúdo, especialmente porque o metal é, sobre todo, a industria do automóbil. E o automóbil é –máis que ningún outro ben de consumo– o epítome do capitalismo: consume petróleo, impulsa industrias auxiliares, xustifica a construción de infraestruturas, estimula o crédito, asegura un ciclo de renovación máis ou menos rápido e xera servizos de mantemento (talleres, gasolineiras) e financeiros (seguros). Non é de estrañar, xa que logo, que dende o seu nacemento se crease toda unha mitoloxía supostamente liberadora para asegurarlle un lugar central no imaxinario colectivo: a liberdade de movementos, a potencia, a emancipación persoal… Conducir un automóbil é un símbolo de poder –implica control, velocidade, evasión– pero… non é un pouco inxenuo pensar que a nosa liberdade depende da posesión dunha máquina? Non será que é ela a que nos posúe a nós?
Cando Voadora describe o tortuoso camiño que leva á industria do automóbil a aceptar a entrada de mulleres traballadoras nas súas fábricas, non está revelando soamente unha discriminación de xénero, senón poñendo de relevo como esa discriminación fai parte dun sistema de poder que a precisa para xerar mitoloxías ao servizo do consumo. E faino cunha suxestiva mestura de ficción e realidade: unha historia apenas insinuada, coa sinatura de Fernando Epelde, serve de marco a un testemuño de carácter máis documental a cargo de operarias reais da factoría viguesa de Citröen.
A hibridación entre os datos reais achegados polas traballadoras e a narración ten consecuencias: saber que ata o ano 2011 non se utilizaron crash test dummies con características femininas nas probas que se efectúan para avaliar as consecuencias dun accidente é un dato que indica o nivel de crueldade do sistema. Pero na xustaposición co relato de Epelde –evocador das enigmáticas atmosferas de David Lynch– a montaxe de Marta Pazos chega máis alá e indúcenos a reflexionar sobre a relación existente entre a morte e esa fantasía do poder encarnado na velocidade e na tecnoloxía. A referencia a Ballard resulta aquí obrigatoria e os de Voadora non desaproveitan a oportunidade de acollerse ao seu recordo.
A loita das operarias por facerse respectar ecoa no diálogo entre o manequín de probas e o automóbil: cada un ten un papel asignado nesa orde na que as neuroses se apoderan do civismo. Que futuro cabe agardar dunha cidadanía que só busca desesperadamente o desenfreo individual e que só atopa a excitación dun sinistro?
Voadora consegue suxerir algunhas destas cuestións e crear tensión entre a idealización do contemporáneo e a autenticidade dunhas traballadoras que contan verdades dramáticas sen dramatizar a circunstancia. E faino sen renunciar á súa impronta irónica tinxida de espontaneidade e descaro, deixando que sexa o humor o principal axente da desmitificación. Esa variedade outorga unha axilidade enganosa: trátase un tema moi serio, pero coa levidade dunha pantomima.
Mágoa que a coidada estética do espectáculo se vise prexudicada pola elección dun escenario a todas luces inadecuado: non deixaba espazo para todo o que representa o metal.
Garage, de Voadora
Dirección: Marta Pazos
Texto: Fernando Epelde
Elenco: Espectáculo participativo protagonizado por traballadoras de PSA Peugeot Citroën de Vigo e voluntarias/os de diferentes xeracións vencelladas coa fábrica
Bailarina: Clara Ferrao
Movemento: Guillermo Weickert
Iluminación: Diego Villar
Música orixinal: Jose Díaz, Fernando Epelde, Hugo Torres
Escenografía e vestiario: Marta Pazos
Vídeo: Miramemira
Asistentes de produción: Liza G. Suárez e Carmen Juanatey
Produtor: Jose Díaz
Produción: Voadora en coprodución con MA scène nationale – Pays de Montbéliard.
Festival Escenas do Cambio. Salón Teatro, Santiago de Compostela. 3 de febreiro de 2018.