O vindeiro venres 6 de xullo, ás 20:30, presentarase no Pazo de Liñares de Lalín o libro Sen medo ao demo, de Comba Campoi, editado por Dr. Alveiros, un selo editorial da Fundación Vicente Risco. O libro está baseado na tese de doutoramento da autora, O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas. O caso da barraca de Barriga Verde na Galiza de Postguerra (1939-1960), e recibiu un accesit do xuri do XXII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que recomendou a súa publicación.
Este estudo –cuxo título completo é Sen medo ao demo. Resistencia simbólica na Galiza da Posguerra: o teatro de títeres de Barriga Verde– aborda o xeito no que os espectáculos de títeres (en concordancia coa traxectoria histórica que seguiron por toda Europa), tamén serviron en Galiza para dar expresión ás preocupacións, anceios e queixas das poboación máis humilde contra os abusos do poder. Na súa análise, Comba aborda a propia historia dos Silvent e das barracas con que estes artistas percorreron o país durante boa parte do século XX. Ademais, analiza o xeito no que os seus espectáculos daban acubillo a críticas contra a igrexa, o autoritarismo ou o estamento militar, e se adaptaban en moitas ocasións a contextos locais. Un traballo que, con certeza, ha contribuír a pór en valor este legado de resistencia que son os nosos títeres populares e amosará como, sen dúbida, Barriga Verde ten aínda moito que dicir na sociedade actual.