in

Un enemigo del pueblo (Ágora)

enemigorigola |

A demagoxia

| Manuel Xestoso |

 

Quizais a mellor forma de achegarse a esta versión de Un enemigo del pueblo dirixida por Alex Rigola sexa dende a observación irónica dos sofisticados mecanismos de manipulación na sociedade contemporánea. A xa famosa pregunta que a compañía lle lanza ao público aos dez minutos do comezo do espectáculo –inquirindo se prefire que a función se leve a cabo ou se opta por suspendela ”como protesta contra a falta de liberdade de expresión”– resulta un magnífico exemplo.

A compañía presenta nos seguintes termos un sofisma de manual: primeiro pregúntanos se cremos que os responsables do Teatro Pavón deberían poder expresar libremente as súas opinións sen medo a que as axudas públicas que recibe se visen afectadas por estas declaracións; a continuación, invítanos a votar se suspendemos a función para reclamar este dereito. Parece que, en xeral, a xente prefire ver de principio a fin a obra por cuxa entrada pagou unha certa cantidade de diñeiro, polo que a votación sempre se inclina por seguir co espectáculo (coa única excepción dun ensaio xeral no que os espectadores entraron de balde), resultado que o elenco interpreta como produto do egoísmo dunha audiencia que antepón os seus intereses particulares ás declaracións altruístas que demandan maior democracia.

Claro, o que ocorre é que o publico non ve demasiada relación entre abdicar de ver o espectáculo e unha mellora inmediata do dereito á liberdade de expresión, xa que, por suposto, se elude valorar a capacidade de presión que pode ter a suspensión dunha función de teatro sobre os mecanismos de repartición de subvencións (que dita sexa a verdade, parece máis ben escasa). Coa mesma intención, talvez sería máis lóxico votar se o Teatro Pavón debe renunciar as axudas públicas para que os espectadores poidamos considerar máis fidedigno o discurso dunha compañía sen débedas co poder; pero este debate, obviamente, non se propicia en ningún momento.

O interesante resúmese nesa vía de falseamento dos dilemas, dende unha óptica satírica, para desenmascarar a demagoxia implícita en tales disxuntivas. Pero Rigola renuncia a explorar ese camiño en profundidade e opta por unha solución que une o didáctico co pretensioso, ofrecendo un esqueleto argumental da obra de Ibsen que perde en fondura o que gaña en axilidade.

En certo sentido, semella que non se fía dun texto que xa formula (e con moitos máis matices) importantes cuestións sobre as orixes da corrupción, sobre o papel dos medios de comunicación na conformación da opinión pública ou sobre unha defensa compulsiva da ética que acaba transformándose nun mesianismo de dubidosa operatividade. Engadindo esa segunda trama sobre a compañía que recibe subvencións e teme perdelas só demostra que tería sido máis resolutivo escribir unha obra nova, sen escudarse no autor noruegués.


Publicidade

Afortunadamente, a función sostense pola desenvoltura e o vigor con que a defende o elenco –o momento álxido da función márcao Israel Eljalde co monólogo final de Stockmann–, tensando as contradicións sen perder o sorriso. O seu traballo é o que lle outorga corpo a un experimento que non acaba de centrar o foco da súa reflexión.

 

Un enemigo del pueblo (Ágora), baseado libremente na obra de Ibsen.

Versión libre e dirección: Álex Rigola
Elenco: Nao Albet, Israel Elejalde, Irene Escolar, Óscar de la Fuente e Francisco Reyes
Escenografía: Max Glaenzel
Iluminación: Carlos Marquerie
Dirección de produción: Jordi Buxó e Aitor Tejada
Axudante de dirección: Alba Pujol
Dramaturxista: Ferran Dordal

FIOT. Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Pazo da Cultura. 14 de outubro de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FugaGargallada |

Arrinca o XVII Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán

sgaecompostela |

Lecturas Dramatizadas de Julio Fernández, Jose Prieto e Esther F. Carrodeguas na SGAE