in ,

Arrinca o XVII Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán

FugaGargallada |

Do 30 de outubro ao 3 de novembro desenvólvese en Compostela a 17ª edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, organizado pola Fegatea. Sete espectáculos conforman o programa que terá lugar no Teatro Principal e as rúas da cidade da man dos colectivos Andaravía Teatro, Ditirambo Teatro, O Aturuxo de Melpómene, Hipócrita Teatro, Paso de Valverde e Achádego Teatro.

O martes 30 de outubro a compañía Andaravía Teatro será a encargada de abrir a actividade do Agustín Magán a partir das 18.00 horas coa animación de rúa O misterioso mexunxe marrón. Pola súa parte, a partir das 20.30 horas, a compañía A Gargallada presentará no Teatro Principal o espectáculo Fuga. Con dramaturxia de Jordi Galcerán e baixo a dirección de Pilar Alonso e Manuel Caramés, Fuga presenta a historia dun conselleiro que acaba de dimitir por un escándalo de corrupción e que foi abandonado pola súa muller. No momento en que está a piques de suicidarse, algo sucede que cambiará por completo a súa vida.

O mércores 31 de outubro será o tempo para Ditirambo Teatro con Anónima 18. Lola Roel asina a dramaturxia e a dirección deste espectáculo no que un renomeado pintor acaba de falecer e a súa viúva e musa durante máis de vinte anos revive a súa atormentada historia de amor no estudo no que o seu espírito segue vivo. Nese contexto, unha galerista recorre a ela para lle axudar a localizar os 18 lenzos que integran a súa serie “Anónimas”.

Publicidade

O Aturuxo de Melpómene desembarca no Principal o 1 de novembro con Terapia de Bar baixo a dirección de José Prieto. Terapia de bar é unha comedia de terror, vicios e manías. Nela, a propietaria dun bar e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaborar un plan para eliminar do mundo os vicios que, segundo eles, son os culpables de todos os males do ser humano.

Hipócrita Teatro presenta Hotel desencanto o venres 2 de novembro no Teatro Principal. Con dirección de Carlos Rebolo e dramaturxia de María García, Hotel desencanto é unha peza de teatro contemporáneo que mestura a comedia, o drama e o suspense. Segundo a sinopse da peza: “O Hotel Desencanto non é o mellor lugar para vivir situacións idílicas. Sen embargo,os seus hóspedes parecen ignoralo. Todos ou case todos chegan ao hotel co ánimo de gozar dunha estadía agradable. Lograrano?”

Por último, o sábado 3 de novembro, o Festival reserva un programa dobre da man dos colectivos Paso de Valverde e Achádego Teatro. A partir das 12.30 no Teatro Principal, Paso de Valverde presenta Alén, un espectáculo de sombras para toda a familia que nos achega á historia de Cuquiño, un rapaz galego que decide marchar á procura do seu tío explorador. Despois de perderse polo camiño, o protagonista viaxará por todo o mundo descubrindo paisaxes e culturas diferentes á súa.

A partir das 20.30 horas, ese mesmo día Achádego Teatro subirá ás táboas do Teatro Principal Balas sobre Broadway: na Nova York dos anos 20 e da Lei Seca, o dramaturgo David Shayme precisa de apoio financeiro para levar aos escenarios de Broadway a súa nova obra. O humor a crítica á pseudo-intelectualidade que ás veces rodea o mundo da cultura, o teatro dentro do teatro, gángsters, música e o baile mestúrase nesta proposta que clausura a última edición do Agustín Magán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GustavoPernas03 |

Hemeroteca: Entrevista a Gustavo Pernas Cora

enemigorigola |

Un enemigo del pueblo (Ágora)