Da distancia ao estremecemento
| Manuel Xestoso |
| Foto: Manuel G. Vicente |
A forma de operar das pantasmas mudou moito: dende que alguén decretase que un espectro percorría Europa, as aparicións tenden a substituír as sabas e o balbordo das cadeas por unha forma máis sutil de ameaza. Desvelan máis que espaventan, aínda que sempre segue habendo quen se arrepía cando se mostran. O empapelado amarelo é unha historia de fantasmas, aínda que a natureza espectral ten a ver máis con Freud e Lacan que con castelos abandonados. O relato orixinal de Charlotte Perkins Gilman recupera os escenarios góticos que propician as aparicións, mais A quinta do cuadrante opta por situar a historia nun escenario interior no que a realidade se vai revelando por capas.
O interesante sería entrar no teatro sen informarse sobre a obra, vela con ollos inocentes –se iso aínda é posible– e debruzarse sobre o abismo que retrata sen prexuízos. Non é fácil, claro: a metáfora que contén é a primeira que se publicita; mais o maior interese de O empapelado amarelo é observar como vai xurdindo unha mensaxe emancipadora dun relato que xira arredor da reclusión e o confinamento.
Unha muller sometida –as palabras non son inocentes– a unha “cura de repouso” na que se lle prohibe todo tipo de estímulo intelectual acaba descubrindo unha pantasma que reflicte sospeitosamente un outro eu que loita por liberarse. A sinopse non fai xustiza ao proceso ao que asistimos: nunha época en que as dramaturxias tenden a un exhibicionismo vacuo, O empapelado amarelo ofrécenos o raro espectáculo dunha compañía que sabe o que quere contar e que adapta os seus recursos á finalidade perseguida; unha obra que vai un paso máis alá do convencional sen caer na arbitrariedade; un tema socialmente pertinente que se expón sen caer na obviedade nin no panfleto.
O terror opera como motor psicolóxico mais a cerna do espectáculo está no xogo dramático escollido: un ir e vir da realidade á ficción que reflicte as idas e vindas da personaxe. Poderíase dicir que a protagonista da obra se acolle a un entretemento teatral dende o que se defende do encerramento físico e psicolóxico. Dende a súa particular traxedia, logra manter un sentido da ironía dende o que ridiculiza o seu esposo, a medicina do seu tempo e a sociedade que non lle permite crebar as cadeas que a manteñen atada a un empapelado –case podemos velo– horroroso, en todos os sentidos do termo.
Esa comicidade puntúa un relato que atopa a tensión xusta entre o que intuímos e o que imos descubrindo: comezamos por achegarnos dende a distancia crítica para ir internándonos paulatinamente na emoción e, finalmente, no estremecemento.
O peso da función cae, claro, sobre o traballo de Melania Cruz, que vai entrando pouco a pouco no terreo da traxedia -case do grand guignol– sen perder o equilibrio. Ao remate da función, descubrimos que nin a sobriedade nin o humor entre os que se move diminúen un chisco a medida do horror: son o seu vehículo. A dirección invisible de Tito Asorey é afinada e precisa, proporcionando a medida xusta. A iluminación de Laura Iturralde e o espazo sonoro de Xavier Bértolo, exquisitos e acaidos. Entre todos, poñen en pé un espectáculo brillante e conmovedor.
O empapelado amarelo, adaptación de Tito Asorey e Melania Cruz a partir do relato de Charlotte Perkins Gilman
Dirección: Tito Asorey
Elenco: Melania Cruz
Escenografía e Iluminación: Laura Iturralde
Espazo Sonoro: Xavier Bértolo
Instrumentistas: Macarena Montesinos, Elena Vázquez
Vestiario: Renata Uzal
Deseño Gráfico, Fotografía e Vídeo: Lucía Estévez
Deseño e Realización do Pop-Up: Francis Canales
Axudante de Dirección: Lucía Estévez
Unha produción de: A QUINTA DO CUADRANTE
Festival Escenas do Cambio, Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019.