in

Mary Said What She Said

MarySaidWhatSheSaid |

Unha Cinderella sen príncipe

| Manuel Xestoso |
| Foto: Lucie Jansch |

 

Isabelle Huppert é a raíña María Estuardo, mais non está demostrado historicamente que a súa rexia persoa tardase vinte minutos en ir do fondo do escenario ata o proscenio. Tampouco está demostrado historicamente, que durante ese percorrido, o único movemento perceptible no seu corpo fose o dos beizos, articulando esaxeradamente un texto difícil de entender pola dura competición ofrecida por unha banda sonora minimalista e repetitiva de Ludovico Einaudi. Non está demostrado historicamente, en fin, que María Estuardo camiñase por un escenario coa única intención de que os efectos luminosos de Robert Wilson –talvez inspirados na pintura de Rothko– lucisen como paisaxe que enmarca unha figura.

Unha vez aclarado isto, admitamos que Isabelle Huppert –non María Estuardo– realiza un formidable traballo vocal: a súa voz pasa por todas as tonalidades posibles, xogando coa ralentización ou aceleración das palabras, cambiando o timbre, dialogando con voces pre-gravadas… para que a súa personaxe faga do pasado unha elexía, para que reclame xustiza divina, para proferir mil imprecacións contra os seus perseguidores. Unha logorrea que linda co delirio.

E ese delirio é o que mantén á personaxe da raíña nunha inestabilidade constante que potencia o seu aspecto tráxico: repite incansablemente as mesmas sílabas, outórgalle un aspecto grotesco aos seus movementos, diríxeos cara á desarticulación total do corpo para transformalo nun enigmático boneco mecánico.

Enigmático de máis, talvez: a pregaria de Pinckney opera máis dende hipnótico que dende o esclarecedor e, ao final, queda claro que Mary dixo o que dixo, aínda que non se sabe moi ben para que. Mary Said What She Said móvese dentro destes parámetros de virtuosismo, de impecable e fascinante exercicio esteticista que desemboca no relato dunha traxedia persoal. Tan persoal que non acaba de concernirnos.

Se cadra, a personaxe de María Estuardo foi escollida como símbolo da arbitrariedade dun poder que a converteu nun peón movido por forzas que non controlaba. Mais o propio texto nos relata o entusiasmo con que participou no xogo de insidias e conspiracións, a paixón que puxo en mudar nunha intrigante ao servizo de intereses egoístas e desligados dunha realidade histórica concreta. O papel de vítima non está de todo claro; e o interese que poidan ter para o público as desventuras dunha raíña tirando a consentida –valga a redundancia–, tampouco.


Publicidade

A impecable factura operística do espectáculo e o magnífico recital de Huppert non acaban de compensar a confusión narrativa nin a falta de perspectiva histórica coa que se presenta un conflito persoal que non conta nin unha verdade nin unha ficción. Un conflito que despolitiza un relato de corte tratando de converter nunha Cinderella a quen non precisou nunca buscar príncipe porque xa era raíña.

 

Mary Said What She Said, de Darryl Pinckney

Dirección, escenografía, iluminación: Robert Wilson
Elenco: Isabelle Huppert
Música: Ludovico Einaudi
Vestiario: Jacques Reynaud
Produción: Théâtre de la Ville-Paris
Coprodución: Wiener Festwochen, Teatro della Pergola, Internationaal Theater Amsterdam, Thalia Theater – Hamburgo.

Festival de Almada. Centro Cultural de Belem. 12 de xullo de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MacbettuAlessandroSerra |

Macbettu

PorkuloCoiroDePita |

Mortificación Teatro gaña o Premio Coiro de Pita