O importe global das axudas á produción é de 650.000 euros, a mesma contía que o ano pasado.
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo pública hoxe a relación de proxectos subvencionados ao abeiro da súa convocatoria de axudas á produción escénica. Segundo a adxudicación publicada onte no web da Agadic, recibirán apoio económico por esta vía catro propostas na modalidade de nova creación, 16 na de teatro, novo circo e maxia, e tres na de danza e artes do movemento. O importe global das axudas é de 650.000 euros, a mesma contía que o ano pasado.
O obxectivo destas subvencións é o fomento da produción en calquera das disciplinas das artes escénicas por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia, de xeito que se favorece a estrea de novos espectáculos galegos de cara á súa progresiva incorporación nas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais.
A principal novidade na convocatoria de creación escénica deste ano foi a reformulación da clasificación dos proxectos de acordo coa súa modalidade artística, fronte ás categorías por tamaño da produción que se tiñan en conta en anos anteriores. Este novo criterio contribuíu, por exemplo, a reforzar os mecanismos de discriminación positiva para as propostas coreográficas, ás que se destinou unha dotación específica.
Os tres proxectos adxudicatarios nesta modalidade de danza e artes do movemento son Antes de que llegue la bestia, de Teatro Ensalle, con 22.732 euros; Thesaurus, de Ánxela Blanco, con 11.396 euros, e Evolution, de Alfredo Pérez Muíño (Compañía N+1), con 9.596 euros.
En canto á categoría de teatro, novo circo e maxia, as compañías beneficiarias son Producións Teatráis Excéntricas con Medida x medida (57.632 euros), Redrum Teatro con O mozo da última fila (51.161 euros), Matarile Teatro con Daimon y la jodida lógica (49.648 euros), Teatro do Noroeste con As virxes salvaxes (49.005 euros), Voadora con Siglo mío, bestia mía (47.507 euros), Undodez con Fariña (44.693 euros), Sarabela Teatro con Crónicas do paraíso (42.670 euros), Chévere con Curva España (30.445 euros), Contraproducións con O electo (29.910 euros), Elefante Elegante con Dreaming Juliet (28.423 euros), Baobab Teatro con Aletas de amorodo (25.531 euros), Teatro do Atlántico con A conquista da escola de Madhubai (21.989 euros), Ibuprofeno Teatro con O mel non caduca (20.040 euros), Culturactiva con Rosalía (18.619 euros), Talía Teatro con Voa, Voa! (16.145 euros) e Títeres Cachirulo con Fío de lúa (14.996 euros).
Por último, outros catro espectáculos recibirán o apoio económico da Xunta a través da modalidade dirixida a empresas escénicas de nova creación: O candil de Escola Galega de Teatro Musical (16.420 euros), Pyka de Cinema Sticado (16.214 euros), Espida de Compañía IO (15.286 euros) e Carabela de Galeatro (9.930 euros).