A obra é unha homenaxe á Costa da Morte que aborda a identidade persoal e territorial; unha estampa de pasado e presente, pero tamén a dun futuro aínda por construír.
Este xoves 17 de outubro, ás 20:30, no Teatro Principal de Compostela, no marco do Festival Internacional de Títeres Galicreques, estréase a obra Finisterrae: o último ultramarinos, unha proposta de Producións Teatrais Alakrán que incorpora ao teatro de actor a manipulación de títeres.
A compañía de Borja Insua, coñecida pola súa ampla traxectoria no teatro de títeres, da o salto ao teatro de actor cunha proposta persoal coa que fai un particular retrato da Costa da Morte. A obra leva a escea un texto orixinal da escritora e poeta ceense María Lado, e é interpretado por Celtia Figueiras e Borja Insua baixo a dirección de Topo Vidal.
Finisterrae: O último ultramarinos conta a historia de Berto e Mónica, veciños dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. Mónica encarna o entusiasmo de quen devece por retornar á súa terra, mentres Berto representa a apatía de quen tivo que ficar obrigado. A través do seu encontro despois de varios anos asistimos a unha estampa particular da Costa da Morte; do seu pasado e presente, pero tamén dun futuro aínda por construir.
Finisterrae: O último ultramarinos é tamén un retrato da situación que atravesan moitas pequenas vilas afastadas dos grandes núcleos, que padecen unha despoboación progresiva e que se adaptan como poden aos cambios económicos e sociais que están a redefinir a súa identidade e o seu porvir.
O mesmo día 17, a compañía realizará tamén unha función de mañá dentro da programación especial que o Festival Galicreques realiza para os centros de ensino e institutos.