A viaxe (pola vida) de María Casares
A vida pasada son as lembranzas gardadas, contadas e recontadas, ás veces xa mesmo algo gastadas, distortas polo paso do tempo. Tamén o son aquelas que nunca saíron do noso interior, nin a través da voz, nin como liñas de tinta sobre o papel; e todas esas imaxes que, de súpeto, volven pasar diante dos nosos ollos. Despois da marea da vida, de todos os anos de viaxe, o que quedan son, pois, as lembranzas e as estampas, moitas delas intanxibles, só ancoradas na memoria. Recordos que os lugares, especialmente a volta á casa logo de moitos anos de exilio, e os vellos obxectos enchoupados de historia detonan. Desa memoria vai a peza Despois das ondas, presentada o venres 11 de outubro de 2019 no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, e dirixida por Xavier Castiñeira a partir do texto teatral homónimo de Ernesto Is que gañou o XVIII Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2017: da volta a España da grande actriz galega María Casares, despois de corenta anos de exilio.
Dende ese vagón de tren, coa fiestra cuberta de pingas de chuvia, María lembra, dun xeito cheo de lirismo, orgullosa do peso das súas vivencias, diferentes momentos da súa vida e as principais persoas que pasaron por esta, dende a nenez á partida ao exilio, á figura do pai, á relación coa nai, ao traballo, ao amor e a súa relación con Camus… Belén Constenla interpreta a María Casares que volve do exilio e Nerea Brey a María Casares nena, moza e adulta nova, en diverxencia, nas escenas do pasado que a outra rememora. De cando en cando, os dous planos achéganse e mesmo se tocan, cando as dúas se miran aos ollos e, sen falaren, mesmo se axudan a entender. Sonsoles Cordón cambia de roles, pasando por diferentes personaxes tipo que contextualizan as diferentes escenas da peza.
As proxeccións dunha entrevista coa propia María Casares e fragmentos dos seus filmes contribúen a esa multiplicidade diverxente que completa o achegamento poliédrico á figura da actriz. O artificio escénico (e audiovisual) está a vista; non só as cámaras de vídeo senón todo o control de son, de proxección das imaxes… En escena tamén están Roi Fernández, Beatriz de Vega, Ernesto Is e Esther F. Carrodeguas, nesa parte técnica á vista e, nalgún momento puntual, os dous últimos interveñen dun xeito máis directo no decorrer da escena. Na peza conflúen cinema e música en directo con proxeccións audiovisuais e música gravada, mais dun xeito xeneroso, sen que a mediación tecnolóxica engula o que acontece directamente en escena, respectando o lugar hexemónico do teatro, que tamén ocupa un posto privilexiado nos afectos de María, algo que se consuma ao final da peza, nese escenario do Teatro Reina Victoria de Madrid ao que chega a actriz para actuar despois de volver do exilio. E, por riba de todo iso, despois das axitadas ondas de catro décadas no exilio, de toda esa vida vivida de grande actriz, María Casares “volve ser outra vez María”.